Por M.V. | Santiago | 06/01/2015 | Actualizada ás 14:00
A Televisión de Galicia, como o resto de televisións públicas autonómicas, está a ver erosionada a súa cuota de audiencia. Esta é unha das conclusións que se pode tirar dos datos de Kantar Media , unha das principais referencais de análise de medios audiovisuais en España, para o ano 2014.
Así, a TVG mantén un share do 10%, mentres o ano anterior, 2013, era do 10.9%. A caída da cuota da Televisión de Galicia é lixeiramente maior ca da media de emisoras da FORTA -a coalición de cadeas autonómicas-, que é de 0,7 puntos.
Mentres a TVG mantense como a terceira autonómica máis popular -só superada nos seus territorios correspondentes pola catalá TVG e Aragón TV-, a segunda canle non consigue despegar. As emisións da TVG2 na TDT caeron do 0,9 ao 0,8 do share. Unicamente as súas homólogas de Madrid (LaOtra) e Asturias (TPA2) teñen peores datos.
Malia a súa erosión, a TVG sigue mantendo unha vantaxa abismal sobre a súa competidora privada autonómica. V Televisión, propiedade de La Voz de Galicia, apenas ten un 0,4% de share, segundo os datos de Kantar Media para novembro. Trátase da mesma cuota case que cando empezou a emitir, aló en 2010. Daquela empezou cunha cuota do 0,3%.
Os informativos, de producción producción propia, seguen a ser os programas máis populares do ente público galego. Entre a producción contratada a outras compañías, logra manterse entre o máis visto o incombustíbel Luar, series como Serramoura e programas de humor como Era Visto .
Os galegos consumiron unha media diaria de 248 minutos en novembro de 2013. Esta cifra supón un aumento respecto ao mesmo mes 2013 (234 minutos) e 2012 (243 minutos). Con todo, o consumo segue a ser lixeiramente inferior que a media estatal (254 minutos).
A gran maioría do consumo de televisión en Galicia faise pola TDT (máis do 80%), aínda que o cable suma xa o 13%. O consumo através de Internet vía ADSL non chega ao 4%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.