Volven as temperaturas xélidas a Galicia

Calvos de Randín marca -7,1 graos, a temperatura máis baixa de Galicia esta madrugada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2023 | Actualizada ás 10:52

Comparte esta noticia

O municipio ourensán de Calvos de Randín rexistrou na madrugada deste venres as temperaturas máis baixas de toda Galicia, 7,1 graos baixo cero. Segundo os datos solicitados por Meteogalicia, a provincia de Ourense concentra as marcas mínimas máis baixas, seguido Calvos de Randín por Viana do Bolo (-5,4ºC), Baltar (-5,3ºC) e Verín (-4,7º). Tamén ao redor do cinco graos baixo cero queda a localidade pontevedresa de Cotobade.

Segundo a previsión do servizo meteorolóxico galego, este venres irase formando unha borrasca no Cantábrico que enviará unha fronte na segunda metade da xornada. Así, amenceu con ceos parcialmente cubertos e co avance do día entrarán as precipitacións de norte a sur.

A cota de neve situarase nos 700-800 metros, mentres que as temperaturas mínimas sufriron un lixeiro descenso, con formación de xeadas, e as máximas quedarán sen cambios significativos. O vento soprará de dirección variable.

ESTADO DAS ESTRADAS

A Dirección Xeral de Tráfico só alerta de afeccións en dúas estradas galegas. Tanto a A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro, concretamente entre os puntos 431.0 e 430.86, como a LU-633 entre os puntos 0 e 20 do mesmo municipio --en ambos os sentidos-- están nevadas e con indicación de transitable con precaución.

Meteogalicia desactivou a alerta amarela iniciada este mércores por risco de nevadas nas provincias de Lugo, Ourense e A Coruña, quedando só activa este venres para a montaña de Lugo.

Xeada na igrexa de Aguís, no concello dos Blancos
Xeada na igrexa de Aguís, no concello dos Blancos | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta