Detida unha muller por un delito de violencia doméstica tras supostamente asasinar ao seu home

O corpo do crime de Paderne presentaba golpes na cabeza e non constan denuncias previas entre ambos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2023 | Actualizada ás 11:02

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo a semana pasada a unha muller como presunta autora dun delito de homicidio, tras o achado do corpo do seu marido, que presentaba signos de violencia, en Paderne o pasado 20 de xaneiro. A detida permanece en prisión provisional tras pasar a disposición xudicial.

A investigación arrincou, segundo informa nun comunicado o Instituto Armado, por mor de que aparecese este home falecido na parroquia de Velouzás. O home convivía coa súa esposa, non se relacionaba coa súa contorna e "levaba unha vida sinxela e illada do pobo", tal e como destaca a Benemérita.

Foron os propios veciños os que deron a voz de alarma, ao non ver durante bastantes días a ningún dos dous moradores da vivenda. Ademais, tiñan coñecemento que a muller ingresara recentemente no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Un axente da Garda Civil / Garda Civil / Europa Press
Un axente da Garda Civil / Garda Civil / Europa Press

De feito, as fontes consultadas explican que a principios de xaneiro, días antes de que aparecese o corpo, a muller solicitou unha ambulancia para que a levasen ata este centro sanitario, no que permaneceu hospitalizada.

Ante estes feitos, axentes da Garda Civil e unha dotación de bombeiros trasladáronse ata o domicilio e, tras comprobar o estado do mesmo, localizaron o corpo sen vida do home no interior. A Policía Xudicial fíxose cargo da investigación para o esclarecemento destes feitos e, tras numerosas indagacións, xunto aos informes periciais, a autopsia e demais pescudas, puideron vincular á muller coa morte violenta desta persoa.

Así, durante a mañá do pasado mércores, 1 de marzo, a Garda Civil procedeu a deter á esposa do falecido por un suposto delito de homicidio, enmarcado na modalidade de violencia doméstica.

Posteriormente, a apresada pasou a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Betanzos, que decretou prisión provisional por considerar que "concorrían indicios suficientes" sobre a súa participación nos feitos, subliña finalmente o Instituto Armado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta