O BNG imita ao PP e organiza unha gran cea con Lores e Pontón para 2.000 comensais e "celebrar Pontevedra"

"Estarei acompañado dunha parte importantísima da sociedade pontevedresa", destaca Lores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2023 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra e candidato á reelección polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que o vindeiro venres, 17 de marzo ás 21,30 horas, terá lugar unha cea organizada polos nacionalistas no Recinto Feiral para uns 2.000 comensais, entre os que estarán el mesmo e a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón. O obxectivo é, dixo Lores, "celebrar Pontevedra". Son actos que lembran ás grandes comidas electorais organizadas polo PPdeG e que comezou o ex presidente Manuel Fraga.

Nunha comparecencia desenvolvida este martes no local comarcal da formación, o rexedor sinalou que "é un acto moi importante" para el e unha das citas "que máis ilusión" lle fai "nestes momentos". "Estarei acompañado dunha parte importantísima da sociedade pontevedresa", destacou.

Todas estas persoas coas que Lores quere compartir esta cea teñen unhas características comúns: "O amor por Pontevedra; outra, a confianza no futuro de Pontevedra; e, a terceira, teñen e comparten ideas e proxectos para que Pontevedra avance". "En definitiva, únenos a paixón por Pontevedra", resumiu.

O alcalde comentou "o bo ambiente que se está vivindo estes días" na preparación desta cea, unha festa na que poderá participar a veciñanza da Boa Vila que así o desexe, póndose en contacto co local do BNG na cidade.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores / Beatriz Ciscar - Europa Press - Arquivo / Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores / Beatriz Ciscar - Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta