A 'Guía dos Viños, Destilados e Augardentes de Galicia 2023' inclúe 164 referencias de Valdeorras

A publicación distingue, ademais, co selo “Grande Ouro”, 23 referencias desta denominación de orixe: 12 de branco e 11 de tinto.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 11/03/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A D.O. Valdeorras sitúase, así, á cabeza das denominacións de orixe ourensás en número de recoñecementos “Grande Ouro” na última edición da guía, empatada con outro territorio amparado que se empraza parcialmente na provincia de Ourense (o da Ribeira Sacra).

Cata Gallaecia 2022. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.
Cata Gallaecia 2022. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.

OUTRAS DISTINCIÓNS

Ademais das distincións anteriores, 32 viños da comarca valdeorresa están recoñecidos coa enseña “Ouro +”; 79 coa de “Ouro” e 30 coa de “Prata”. “En total, son 164 referencias da comarca distinguidas nesta prestixiosa guía, que cada ano que pasa se vai consolidando como o referente editorial máis prestixioso do viño en Galicia”, destaca José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador.

“O elevado número de referencias de Valdeorras resaltadas pola publicación é unha evidencia clara de que os nosos viticultores e adegueiros están a realizar un gran traballo na procura de viños dunha gran calidade, premisa que constitúe o emblema da nosa produción”, engade García Pando.

GUÍA DE VIÑOS, DESTILADOS E AUGARDENTES DE GALICIA 2023

Este repertorio conta con máis de 540 páxinas nas que se inclúen fichas técnicas de máis de 1.300 produtos galegos --tanto de viños como de destilados ou augardentes-- procedentes de 500 adegas ou destilerías galegas. Xunto á descrición de referencias e medalleiro, a publicación contén un mapeo xenético das principais variedades de uva galegas indicando, tamén, a súa distribución xeográfica.

Para a elaboración desta obra, activáronse 22 paneis de cata nos que participaron 44 profesionais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta