Nace o Encontro Burla Verde contra a "depredación enerxética" de Galicia

Máis de 50 colectivos galegos apoian este encontro reivindicativo dunha transición enerxética real

Por Galicia Confidencial | Galicia | 14/03/2023 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela acolleu esta mañá a presentación do Encontro Burla Verde e das actividades que terán lugar nas vindeiras semanas. Máis de 50 colectivos galegos apoian e colaboran con este encontro reivindicativo dunha transición enerxética real fronte á depredación.

Presentación do Encontro Burla Verde en Santiago de Compostela
Presentación do Encontro Burla Verde en Santiago de Compostela | Fonte: GC

O certame vén motivado pola vontade de conservar e defender a terra do "afán das eléctricas e das mineiras e da especulación mafiosa das multinacionais da devastación". Así, Burla Verde reivindica unha transición enerxética baseada na redución do consumo para priorizar a biodiversidade e a conservación do entorno. "Unha transición na que se teña en conta a voz de quen habita nos lugares", expresan.

O encontro terá lugar o vindeiro 29 de abril en Sabucedo contra a "estafa da transición enerxética e a depredación dos nosos montes e ríos". Nas semanas previas tamén haberá actividades como a acción artística e fotográfica "O devalar do monte galego" ou un recital poético en Toubes.

Xa o día 29, haberá unha gran número de propostas como un xantar de confraternidade, mesas redonsas sobre o "asoballamento das eólicas" e espectáculos paralelos. O prato forte será ás 21.00 horas no Curro-Cabaré con xente do mundo da cultura.

Son numerosos os artistas confirmados para concertos que se farán e desde a organización xa confirmaron a presenza de Mounqup, García MC, Guadi Galego, Xoan Curiel, Jasper, Xurxo Souto, Isabel Risco, Anxo Moure, Peter Punk e moitos máis.

Desde a Asociación Rapa das Bestas, Iván Sanmartín, sinalou que para o pobo de Sabucedo é "un orgullo" ser o anfitrión desta primeira edición. Tamén avanzou que se disporá dunha zona de acampada. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta