Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 30/03/2023 | Actualizada ás 11:01
O novo equipo de Goberno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, con José Ramón Rodríguez Castellanos á cabeza, reuniuse o pasado 28 de marzo por vez primeira nun Pleno que se celebrou nas instalacións do organismo en Vilarmartín de Valdeorras. Na xuntanza abordáronse cos novos vogais da D.O. os eixos vertebradores do seu mandato: intensificar a promoción, apertura a novos mercados, apostar pola calidade e o control da orixe e apoio constante ao sector vitivinícola.
Castellanos referiuse ao anterior presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, ao que eloxiou polo “seu traballo, dedicación e bo facer continuo” a prol do sector vitivinícola da comarca e polo seu labor de promoción realizado estes anos. Neste senso, un dos obxectivos do novo equipo será "chegar a novos mercados, acudindo ás feiras e foros máis relevantes de España e de Europa para dar a coñocer os brancos e tintos da comarca”.
CALIDADE E CONTROL DA ORIXE
A aposta pola calidade é outro dos retos para a nova directiva. Calidade para que os godellos continúen a ser o “emblema indiscutible” da Denominación de Orixe, sempre tendo en conta tamén outras variedades relevantes como a mencía e, mesmo minoritarias --aínda que con grande aceptación no mercado-- como a garnacha tintorera.
Neste sentido, asegurou que o control da orixe da uva e o cumprimento cos parámetros que fixa ENAC seguirán sendo “indispensables” para “reforzar e certificar os nosos viños, todos os procedementos de trazabilidade e consolidar a marca Valdeorras”.
APOIO AO SECTOR VITIVINÍCOLA
José Ramón Rodríguez Castellanos quixo salientar tamén no primeiro Pleno que outra das liñas maestras do mandato que comeza pasa por “ser un piar fundamental de apoio e asesoramento para os viticultores, adegueiros e cooperativas da comarca, co obxectivo de que poidan situar os seus produtos no mercado aos mellores prezos posibles e conseguir que o número de litros de viño cualificados pola D.O. vaia en aumento cada ano”.
“O noso obxectivo último é traballar na defensa do sector vitivinícola valdeorrés e, a esta liña de traballo, imos prestar unha atención preferentes”, engadiu o presidente do Consello Regulador.
ORZAMENTO
O Pleno do organismo estudou tamén un primeiro borrador de orzamentos para o vindeiro exercicio, que supera os 700.000 euros e que pon o acento, especialmente, nas accións de promoción. O obxectivo do Pleno, tras estudar o documento, é poder aprobalo proximamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.