A Galicia dos trens a dúas velocidades: así están conectadas as cidades galegas

Santiago de Compostela é a cidade co maior número de frecuencias ferroviarias, pola contra, Lugo e Ferrol son das peor conectadas. Estacións secundarias da liña ferroviaria galega só teñen un tren ao día por sentido.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O mapa ferroviario galego tamén está deseñado en función da Galicia urbana e da Galicia rural. Existen importantes diferenzas no número de trens diarios que efectúan parada en cada estación tanto no corredor atlántico como no interior. E así o pon de manifesto, tal e como xa se informou, o estudo sobre a "Análise da accesibilidade da rede ferroviaria de Galicia mediante GTFS e SIG" do xeógrafo Diego Facenda López. Este informe tamén analiza a frecuencia de liñas de trens e conclúe que o actual modelo acentúa o desequilibrio territorial de Galicia entre o Eixo Atlántico e o Interior (excepto Ourense). Así, os valores máis altos rexístranse na Coruña e Pontevedra e os máis baixos nas provincias de Ourense e Lugo.

Frecuencia de trens diarios
Frecuencia de trens diarios | Fonte: Estudo de Diego Facenda

 

Desta maneira, as cidades da Coruña, Santiago, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo obteñen valores altos. Na mesma zona alcánzanse valores medios nas estacións intermedias da liña que dan servizo a menos poboación, como Cerceda, Padrón, Arcade ou Redondela. Sobresae o caso compostelán, onde se alcanza o máximo valor da rede por ser un nodo importante entre este eixo e a conexión cara a Ourense e Madrid.

 

Fóra deste corredor destaca o caso de Ourense, que se sitúa como outro nodo principal, pois nela conflúen catro liñas: a mencionada cara á capital galega a que conecta con Madrid e a que segue o curso do Miño, tanto cara a Vigo como cara a Monforte de Lemos. Esta última estación é tamén outro nodo -máis secundario-, ao enlazar coas liñas de Lugo (ao norte) e León (ao leste), polo que obtén un valor alto. Nunha casuística similar atópase Betanzos, onde parte o ramal a Ferrol desde a liña A Coruña-Lugo-Monforte. Outras estacións relativamente importantes obteñen valores medios, pois se benefician de que case todos os servizos que pasan por aí efectúan parada. Este é caso do Barco de Valdeorras, A Rúa-Petín, San Clodio-Quiroga, A Gudiña, Sarria, Guillarei, Pontedeume ou Lugo.

SANTIAGO, A MÁIS CONECTADA

A infraestrutura máis utilizada é a que conecta con o Eixo Atlántico en Santiago de Compostela cara a Ourense e Madrid, alcanzando valores altos e medios, respectivamente. Debido a que unha parte importante destes trens continúan até A Coruña desde Santiago, sumado aos que proceden de Vigo, esta última relación proclámase como a máis frecuente de Galicia, con máis de 24 servizos por sentido directos e 7 con paradas -sumando 60 trens diarios en total circulando entre elas-, sendo a mellor conexión interurbana da área de estudo e unha das mellores de España.

LUGO, MARXINADA

Así mesmo, o informe aprecia "unha importante cantidade de estacións secundarias con servizos escasos nas liñas da rede convencional". Este caso dáse en toda a provincia de Lugo -excepto a súa capital e Monforte- e as da conexión con Ferrol. "É especialmente flagrante o caso da liña entre Vigo, Ourense, Monforte e Valdeorras, e a convencional entre Ourense e Santiago, pois en ambos os casos, estas estacións secundarias quedan cunha frecuencia moi escasa -1 tren ao día por sentido-, o cal contrasta coas máis frecuentes opcións semidirectas do corredor do Miño e os trens que utilizan a LAV entre Santiago e Ourense -e que por tanto, non efectúan ningunha parada intermedia-", recolle o informe. Tamén destacan algunhas estacións dentro do propio Eixo Atlántico nas que non chegan a parar máis de 3 trens ao día.

VIGO

Por outra banda, indica que os casos de Vigo e Redondela "son especialmente complexos" pola existencia de dúas e tres estaciones respectivamente en cada núcleo urbano. Ambas as cidades están servidas maioritariamente pola conexión cara a Santiago e A Coruña, a cal ten dous tipos de servizos: os lentos con máis paradas e os rápidos con menos. Os lentos utilizan nesta área a liña convencional, que se separa a partir de Arcade, polo que paran en Redondela-Picota, Redondela e Vigo-Guixar -ás veces tamén en Cesantes-; mentres que os rápidos utilizan a nova infraestrutura de alta velocidade, servindo a Vigo-Urzáiz e ás veces a Redondela AV. "Isto provoca unha fragmentación do servizo ferroviario, o que se traduce en menor número de servizos por estación, especialmente en Vigo polo seu carácter terminal", recolle.

CORREDOR DO MIÑO

No corredor do Miño obsérvase unha frecuencia de entre 4 servizos semidirectos por sentido que paran nalgunhas estacións, á vez que apenas un único tren por sentido utilízaa parando en todas as estacións, sendo este o mesmo valor que se alcanza nas estacións entre Santiago e Ourense. Igualmente, na conexión desde A Coruña con Lugo e con Ferrol alcánzanse valores baixos.

FEVE

A partir desta última cidade esténdese a liña de ancho métrico, da antiga rede de FEVE (vía estreita administrada por ADIF e operada na actualidade tamén por Renfe Operadora), cuxas estacións non son obxecto no estudo, pero incluíuse a liña no cálculo. Esta liña obtén valores de frecuencia medios entre Ferrol e Ortigueira, a partir de onde decaen a 4 até Ribadeo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ferroviario

A liña de vía estreita Ferrol - Ribadeo pode ter futuro. Entre Viveiro e Ribadeo é perfecta para un servicio de cercanías. Xa é un miragre que sobrevivise, pero o que non se pode e ter una liña coma esa con catro ( 4) trens ao día por sentido, entre Ferrol e Ribadeo. Compre aumentar esos servicios e replantexar estacións. Eu teño viaxado bastante nesa liña, e podíanse facer novos apeadeiros, e pechar outros onde fai anos que ninguén sube ( sobre todo entre Ferrol e Ortigueira). Non sería algo imposible ou moi complicado.

1 Ferroviario

A liña Coruña - Lugo : Monforte mais que " acentuar o desequilibrio territorial" é case irrelevante: Dous ( 2) trens ao día por sentido, un deles as sete da mañá, ( en cada sentido) estacións onde xa non para o tren ( Lajosa, Rubián, Oural) e outra suprimida (Bóveda). E un servicio absolutamente mínimo. E iso que fíxose unha variante, na Poboa de San Xiao, apta para 160 km/h. E una vía moi penalizada no seu trazado polo longo rodeo entre Guitiriz e Betanzos por Curtis, pero está ao borde da morte.