8 e 9 de xullo, datas para a XXIV Feira do Viño de Valdeorras

O presidente do CRDO Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, dixo que "asume con ilusión” a organización da que será a súa primeira feira do viño como máximo responsable do organismo vitivinícola.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 30/04/2023 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

O pleno do CRDO Valdeorras vén de anunciar as datas da vindeira edición da súa Feira do Viño. O evento terá lugar os días 8 e 9 de xullo. O presidente, José Ramón Rodríguez Castellanos, asegurou que se buscará a implicación doutras administracións e, particularmente, a do Concello do Barco para poñer en marcha unha completa proposta de actividades paralelas arredor do foro, que atraia á comarca a diferentes tipos de público pero, fundamentalmente, aos amantes da enoloxía.

Animación no recinto feiral (edición XXIII Feira do Viño de Valdeorras). Foto: Prensa CRDO Valdeorra.
Animación no recinto feiral (edición XXIII Feira do Viño de Valdeorras). Foto: Prensa CRDO Valdeorra.

“Sabemos que o enoturismo está de moda e en Valdeorras contamos con importantes activos e recursos para que aqueles que se acheguen ata nós, interesados inicialmente en coñecer os nosos viños, queiran repetir a experiencia e volver visitarnos en diferentes ocasións”, destacou Rodríguez Castellanos.

XXIV EDICIÓN DA FEIRA

Tras o anuncio das datas de celebración, nas vindeiras semanas darase información máis precisa sobre os horarios de apertura ao público do foro e, concretamente, sobre as diferentes iniciativas de ocio e lecer que se porán en marcha na fin de semana da feira.

“Trátase do mellor escaparate para os viños da comarca, unha cita que este ano acada a súa XXIV edición e que está plenamente consolidada na axenda de verán da provincia de Ourense, tal e como amosa o crecente número de asistentes que se rexistra en cada edición”, destacou Rodríguez Castellanos quen, ao mesmo tempo, quixo animar a todas adegas do territorio amparado a implicarse na iniciativa dando a coñecer os seus mellores brancos e tintos.

Dentro do programa de actividades o Consello Regulador porá en marcha unha nova edición da súa tradicional Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, cuxos premios serán entregados nun acto dentro da fin de semana da feira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta