Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2023 | Actualizada ás 16:49
A portavoz do Goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías, informou de que o concello rexistrou este pasado fin de semana tres casos de violencia machista, un deles cunha muller apuñalada pola súa parella, que foi enviado a prisión.
Este caso, ocorrido o sábado no barrio de Monte Porreiro, xa transcendera de forma pública. En relación a el, a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, en funcións de garda, decretou nas últimas horas a prisión provisional, comunicada e sen fianza para o agresor.
Con todo, a portavoz do concello informou este martes doutras dúas agresións machistas ocorridas durante o fin de semana No primeiro caso, a Policía detivo o domingo a un home despois de que a súa parella tentase quitarse a vida no Burgo. A muller telefonou á Garda Civil para denunciar as agresións e ameazas que estaba a sufrir por parte da súa parella, á vez que anunciaba a súa intención de quitarse a vida.
Desde o Instituto Armado alertaron á Policía Local. Unha vez localizada polos axentes nas inmediacións da ponte, nun evidente estado de ansiedade, a muller relatou aos policías que discutira en varias ocasións coa súa parella e que este a ameazou de morte.
Tamén lles indicou que non é a primeira vez que lle sucedía algo similar, chegando "a romper os mobles a fartar". A muller foi atendida por unha ambulancia no lugar, que decidiu o seu traslado a Montecelo polo seu estado de ansiedade. O home foi detido nun céntrico hotel da cidade, onde estaba a residir coa súa parella desde facía un mes.
BUSCA E CAPTURA
Por outra banda, as forzas e corpos de seguridade buscan a outro home, tamén veciño de Pontevedra, como autor dun delito de violencia de xénero. O suceso tivo lugar ás 8,30 horas do pasado domingo nunha vivenda do lugar de Reiríz, na parroquia pontevedresa de Alba.
A vítima chamou á Policía Local de Pontevedra desde a casa dunha veciña, onde se refuxiou despois de ser agredida e ameazada por parte do seu cónxuxe. Segundo consta na denuncia, o home chegou ebrio a casa e propinou varios golpes á muller. Ademais, rompeu unha botella coa que lle causou varios cortes. Este individuo tiña, ademais, unha orde de busca e captura por un delito de homicidio.
PREOCUPACIÓN
A portavoz do Goberno local chamou a atención sobre estes feitos e sobre os casos de violencia machista no municipio, "unha situación que nos preocupa e que nos ten fartas".
A portavoz do Goberno municipal pontevedrés lembrou ás vítimas "que non están soas" e que "poden utilizar todos os sistemas que a administración ten habilitados". Así mesmo, tamén se referiu a os agresores, advertindo que se teñen que sentir "sinalados". "Que sintan que son obxecto do enfado e da acción contundente de Pontevedra, e da sociedade en xeral", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.