E vostede, que modelo de monte propón?

É preciso un grande consenso, aínda inédito en Galicia, sobre os usos do monte e as liñas estratéxicas precisas para os traballos conducentes a un escenario máis alentador. Consenso político, por suposto, pero tamén social e económico. Non podemos seguir así, porque o resultado supón un grande impacto negativo.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 12/05/2023

Comparte esta noticia
Hai unhas semanas tiven ocasión de falar con diferentes grupos de persoas, en distintos contextos, sobre a situación actual do monte galego. Neles había xente versada sobre a cuestión e tamén algúns coma min que, sen sermos especialistas no tema, temos comprendido hai moito tempo que o modelo case xeneralizado de explotación actual do mesmo ten algunhas grandes e graves eivas difíciles de solucionar. Porque non podemos esquecer que unha boa parte das provincias de A Coruña e Pontevedra son hoxe un monocultivo, no que o eucalipto é introducido de maneira intensiva, desprazando a calquera outra planta autóctona, para logo ser cortado o conxunto da plantación con métodos igualmente agresivos -por non dicir salvaxes-, nos que o chan queda moi danado. Tales prácticas, con grave impacto no ecosistema, producen un grande empobrecemento a curto e medio prazo debido a acción de arrastre, imposible de evitar, das augas superficiais sobre o manto fértil do monte, libre de vexetación despois da corta.
 
En tales conversacións quedou sempre patente a dificultade de pasar dun modelo como o descrito a outro moito máis sostible e de baixo impacto, mesmo na liña de traballo nos grandes bosques das provincias de Soria ou do norte de Burgos, por poñer dous exemplos, na que a extracción dos exemplares é selectiva, manténdose sempre a integridade do conxunto e propiciando a consolidación de ecosistemas reais, capaces de albergar diferentes especies e con proxección no longo prazo. E o problema principal para tal transición estriba no tempo de latencia preciso para movérmonos dun escenario ao outro, ao mellor da orde dos cincuenta, sesenta ou setenta anos, tempo preciso para que unha plantación de frondosas como castiñeiros ou carballos estea madura e lista para as primeiras talas secuenciais.
 
Unha das persoas participantes nos faladoiros, con moi bo tino, facía patente o efecto tampón ou amortecedor dos ingresos por venda de eucaliptos na actual situación económica ou noutras crises pasadas. Dicía que, dalgunha maneira, o dispor dalgunhas terras con árbores listas para a súa retirada permite a moitas familias, literalmente, non pasar fame en tales tempos convulsos no laboral e, a partir de aí, no económico. É por iso, aducía, que non se pode cuestionar o actual modelo sen ter en conta a situación real do emprego no campo e as posibilidades económicas dos afectados. Penso que ten razón.
 
E esta é a situación de partida, na que por tanto non podemos aspirar a mudar completamente de modelo de explotación na silvicultura, e consecuentemente da paisaxe, sen un compromiso conxunto de toda a sociedade, concretado nunha estratexia de país nas que non falte a capacidade de fornecer ao sector de achegas externas que axuden a dita aspiración. E, por tanto, é a Administración, que se supón ten que conducir o esforzo de todas e todos para ir cara a un mellor futuro, a que ten que implicarse, xa que non podemos pedir ás familias que deixen de percibir as cantidades derivadas a medio prazo pola explotación de eucalipto nas súas terras, cargando así sobre elas o enorme custo de tal transición. Temos que ir mudando paulatinamente o modelo de negocio, tamén no tocante ás especies cultivadas, e contar para elo con ferramentas como anticipos a conta da madeira que se cortará no futuro, apoios a fondo perdido ou outros instrumentos e acicates para unha xestión forestal moito máis axeitada, apegada á realidade da nosa flora autóctona, que consolide poboación no rural e que sexa, sobre todo, sostible. 
 
Basta botar unha ollada ao noso redor para ficar horrorizados coas abundantes calvas producidas polas tallas masivas de eucalipto. O monte queda así estragado, con ladeiras enteiras convertidas ás veces en lameiros e outras veces en terreos compactados, privados do seu manto fértil e directamente condenados a servir só para seren novo substrato para o eucalipto. Mentres, os regatos e os ríos reciben os restos das salvaxes actuacións, producíndose unha notable mingua na calidade da auga. Tal ciclo, repetido cada certo tempo, é un firme primeiro paso cara á desertización. E, se teñen vostedes o coidado preciso en analizar a nosa contorna, verán que unha moi importante parte dos montes das provincias de A Coruña e Pontevedra xa están nese ciclo de monocultivo e logo talla para volver de novo ao principio. Ourense e Lugo aínda conservan bosque autóctono e tamén outras formas moito menos agresivas de explotación, pero tamén están afectadas por estas prácticas, téndose reducido nas últimas décadas a superficie das súas fermosas masas boscosas tales como soutos, carballeiras, devesas ou fragas.
 
É preciso un grande consenso, aínda inédito en Galicia, sobre os usos do monte e as liñas estratéxicas precisas para os traballos conducentes a un escenario máis alentador. Consenso político, por suposto, pero tamén social e económico. Non podemos seguir así, porque o resultado supón un grande impacto negativo. E porque canto máis demoremos as actuacións necesarias, máis difícil vai ser tal titánica tarefa. Iso si, contando coas familias rurais e as súas expectativas económicas, e tamén co resto do conxunto de actores presentes neste eido, incluída a industria de pasta de papel, hoxe reforzada e valedora dun modelo que destrúe o noso territorio e fai o futuro máis incerto. Esa é a senda, na miña opinión mirando ao mar, para a importante, necesaria e inaprazable transición que pode salvar o noso monte, os nosos bosques.
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”
 

Eucalipto Nitens
Eucalipto Nitens | Fonte: ebay
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.