O BNG critica o "bloqueo" do PSOE no trámite da transferencia da AP-9 a Galicia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defendeu este luns en Vigo o "desbloqueo" da transferencia da AP-9 a Galicia co obxectivo de que sexa "galega e libre de peaxes".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 15/05/2023 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defendeu este luns en Vigo o "desbloqueo" da transferencia da AP-9 a Galicia co obxectivo de que sexa "galega e libre de peaxes". Así o fixo nunha acción simbólica na entrada da devandita autoestrada no barrio de Teis, onde reclamou a gratuidade da mesma, lamentando a actitude do PSOE, que non retirou as emendas que afectaban substancialmente o texto aprobado no Parlamento de Galicia por unanimidade da cámara.

"A semana pasada o PSOE mantivo no Congreso unha actividade inflexible e non quixeron desbloquear os traballos do relatorio para a transferencia da AP-9. Mesmo non quixeron retirar as súas emendas que modifican substancialmente o contido da propia lei aprobada por unanimidade na Cámara galega", indicou o deputado do BNG, Néstor Rego.

Nun comunicado, o Bloque explicou que ningunha das solucións propostas polos nacionalistas (manter as emendas e pasar o texto á Comisión ou volver convocar o relatorio para esta semana) valeulle ao PSOE e "ratificaron a súa posición de bloqueo, contraria á postura acordada polo Parlamento de Galicia".

"O BNG continúa respectando a soberanía da Cámara galega, pero o PSOE insiste en modificar o texto con emendas que só contemplan a transferencia da xestión e non da titularidade", lamentou Rego, que dixo que na mesma postura están Ciudadanos e Vox, o que "faría inviable a tramitación e a aprobación da lei".

Na mesma liña falou o candidato do Bloque á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, que reclamou ao Goberno pór fin á "navallada" que supuxo para a cidade ser atravesada pola AP-9, polo que pediu que se avance na súa conversión nunha vía urbana neste tramo.

Avance Audios+Vídeos+Foto: Ap9, Xabier P. Igrexas E Néstor Rego, Bng Vigo. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Avance Audios+Vídeos+Foto: Ap9, Xabier P. Igrexas E Néstor Rego, Bng Vigo. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta