9.000 queixos e 3.000 bolos de pan para desfrutar en Friol

O vindeiro 22 de marzo Friol acollerá a XXIII edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá, a feira temática de maior importancia para este concello que destaca pola súa riqueza forestal e pola industria gandeira. Falamos co seu alcalde, Antonio Muiña, sobre este evento e a situación económica do municipio, onde Coren acaba de investir.

Por X.M. Fernández | | 19/03/2015 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

Cales son os motores económicos do Concello de Friol?

Antonio Muiña, alcalde de Friol
Antonio Muiña, alcalde de Friol

Friol mantén unha economía baseada nas producións do sector primario, destacando as explotacións de gando vacún, máis de 500, das que 210 son de leite e o resto de carne; tamén son relevantes outras producións gandeiras sobre todo avícolas; somos ricos no eido forestal, con preto de 30 comunidades de monte veciñal, a súa meirande parte con convenios coa administración, destacando a produción de piñeiro e tamén hai canteiras de granito.

E na industria?

Dende as administracións locais estase impulsando o polígono industrial. O Concello conta coa súa propia nave, un centro de usos múltiples que pretende servir de reclamo e atractivo para que os emprendedores se instalen nel. Conta xa con varias naves de iniciativa privada en funcionamento, unha delas unha panadería herdeira do bo facer das panaderías de Ousá, e comprometidos outros proxectos xa en execución con investimentos foráneos e proxectos locais recentemente instalados. O prezo das parcelas é moi competitivo en relación ao prezo doutros polígonos, e impúlsase a instalación de emprendedores dende o concello con bonificacións en relación cos postos de traballo que se creen. Tamén recentemente Coren vén de instalarse no municipio, cun investimento millonario, e apostando polo sector porcino en intensivo, creando emprego directo e axudando á economía local. 

Son o queixo e o pan de Ousá os produtos máis coñecidos de Friol?

Viñeta - Hermanager - Feira Friol
Viñeta - Hermanager - Feira Friol

O Queixo de Friol e o Pan de Ousá son produtos artesáns  que o concello promove dende fai 23 anos cunha feira monográfica anual, e tamén promovendo e apoiando as feiras tradicionais, tódolos domingos primeiros de cada mes. Nestas feiras atopamos produtos naturais e de calidade, de recoñecida fama ancestral, non só no municipio se non en toda a comarca dende tempos ancestrais.

Por que teñen tan boa sona?

Son queixos de leite crú de vaca, callo e sal; en distintos estadios de curación e peso, polo tanto con diferentes prezos. Os máis coñecidos e apreciados son os queixos da nabiza, moi graxos e untuosos e os queixos duros, moi madurados e de máis dun ano...pero tamén se consume moito os queixos frescos, de poucos días e os semi-curados moi similares aos Arzúa-Ulloa (Friol atópase dentro desa D.O.P Arzúa-Ulloa) de cor amarela na codia, e brancos no interior.

Que volume de negocio se espera para a Feira deste ano?

Ao igual que nas anteriores edicións, son 23 feiras cheas de éxitos de afluencia de público e de vendas. Espérase a participación de menos queixeiras, preto de 90, como vén ocorrendo nos últimos anos, aínda que o volume de queixos, uns 9000 mantense, ao igual que as 4 panaderías de Ousá, que porán á venda preto de 3000 pezas.

E que se poderá mercar, ademais, de queixos e pan?

Arredor da carpa principal que acollerá ámbolos dous produtos, poderanse mercar outros agroalimentarios locais como mel, carne, ovos, ...en stands que acolleran os postos totalmente de balde como no resto da feira, onde artesanía, roupa e outros tamén encheran rúas e prazas da vila. No stand municipal a carón da carpa na praza de Andón Cebreiro, a partires das trece horas poderá degustarse, tamén de balde, o pan de Ousá e o queixo de Friol, ao tempo que charangas e grupos tradicionais amenizan a mañá, pola tarde na mesma praza a romaría empezará ás oito coa orquestra Philadelphia.

Ademais do goce gastronómico, que máis atractivos temos para facer unha escapada a Friol o día 22?

O programa da feira ocupa unha xornada enteira que sirve como escaparate dun concello afectivo cos visitantes, que repiten ao coñecer un municipio rico en patrimonio cultural (Torre fortaleza San Paio de Narla, Torre de Friol, Torre de Miraz, Igrexa románicas como a de Seixón, cruceiros, casonas, hórreos de pedra,...) e patrimonio natural (paseo na capitalidade do Río Narla, áreas recreativas, fragas, devesas, serras como A Cova da Serpe que serve de motivo para o escudo municipal); pero o grande atractivo é a hospitalidade dos veciños, os mesóns con produtos gastronómicos de calidade.

E para rematar, vostede é dos queixos de sobremesa e dos de pan con todo?

O queixo é un boa sobremesa, pero pode degustarse en moitos pratos na súa preparación, ou como merenda e almorzo. O pan vai con todo, e se é de Ousá con máis razón. Feito con trigo do país, fermento, auga e sal, cocido en fornos de leña.. consérvase nas mellores condicións de consumo varios días…coa súa cor moreniña, o seu arrecendo e as súas codias, cómese só…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Jesucristo (m)

Cuidado con Losada, que no se entere o se lo come todo.

1 Meu deus

Cánto pagaría o cacique por esta entrevista?? Hai, hai, hai...

1 Pepo

Friol, Friol...