Tombada cos votos do PP unha iniciativa para que a Xunta declare BIC os mobles do Pazo de Meirás

Os 'populares' declaran que o Estado "é competente" para levar adiante a declaración de BIC.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2023 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

O PP impediu a aprobación este mércores no Parlamento galego dunha iniciativa do BNG, apoiada polo PSdeG, para reclamar á Xunta que inicie a extensión da declaración como ben de interese cultural (BIC) aos bens mobles do Pazo de Meirás, co obxectivo de evitar que a familia Franco sáqueos deste complexo histórico situado en Sada.

Os populares, coa súa maioría absoluta na Cámara autonómica, tombou esta proposición non de lei (PNL) debatida na comisión de educación e cultura porque o Estado é a administración titular do pazo e a "competente" para ampliar a distinción de BIC, como titular. O mero inicio do expediente xa impediría a súa retirada.

Ademais, tal e como o argumentou durante o debate o deputado do PP Carlos Gómez, o "único modo de garantir" a propiedade pública destes bens é "a través da vía xudicial", que xa está aberta despois da demanda posta o pasado ano pola Avogacía do Estado nun xulgado de Madrid para reclamar tamén máis de 500 mobles.

A encargada de defender a PNL foi a deputada do BNG Mercedes Queixas, quen acusou aos populares de "non cumprir" os acordos que eles mesmos alcanzan. Neste sentido, lembrou que en maio de 2021, hai dous anos, o Parlamento aprobou por unanimidade do tres grupos --na comisión 1ª-- unha proposta do Bloque, transaccionada co PP, para iniciar de forma urxente o procedemento de extensión do BIC Torres de Meirás aos bens mobles.

Queixas censurou tanto á Xunta como ao Goberno estatal que "non se poñan de acordo" nesta cuestión, a pesar de contar con exemplos como a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, situada no mesmo complexo. Por iso, pediu á Administración autonómica que actúe fronte ao "abandono do patrimonio público galego" despois de que un xulgado da Coruña autorizase ao Franco a retirar estes mobles.

Para xustificar o seu voto en contra, o popular Carlos Gómez insistiu en que a administración "competente" para facer esta declaración é a estatal, á vez que lembrou que a Xunta, con este propósito, "propuxo unha fórmula colaborativa" que o Goberno "rexeitou repetidamente".

En calquera caso, o deputado do PP alegou que o proceso xudicial xa en marcha é "o único modo de garantir a propiedade destes mobles" e destacou, a pesar de que a demanda a iniciou o Estado, que estes procedementos son "resultado do traballo dos técnicos da Xunta".

Gómez defendeu que a autonómica foi a administración que, tras varios acordos unánimes emanados do Parlamento, encargou o estudo xurídico e nomeou a comisión de expertos que concluíu que o Estado estaba lexitimado para reclamar as Torres de Meirás. A súa titularidade pública foi xa confirmada tanto polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña como pola Audiencia Provincial, pero o caso aínda está pendente de resolución no Tribunal Supremo.

Así mesmo, pese ao voto en contra, o deputado do PP garantiu que "non vai saír do Pazo ningún ben con valor cultural ou que poida contribuír á historia de Meirás pola súa vinculación coas figuras históricas que por aí pasaron".

O PSdeG apoiou a proposta do BNG e a súa deputada Noa Díaz reiterou que "é competencia da Xunta" a ampliación do decreto do BIC. Así mesmo, lembrou que, "só de iniciarse" o expediente, xa se daría a estes bens "esa protección desexada".

Non en balde, a socialista contrapuxo a "morneza do PP coa recuperación da memoria histórica" fronte ao proceso para a recuperación do Pazo para o público, alcanzado "grazas ao esforzo de moitas persoas, da sociedade civil e de asociacións de memoria, pero tamén polo firme compromiso do Goberno do Estado".

Por outra banda, a comisión de educación e cultura aprobou unha PNL proposta polo PP --os socialistas votaron si, mentres que o BNG abstívose-- para instar á Xunta a elaborar unha programación especial que conmemore o 40 aniversario da lei galega de normalización lingüística, aprobada en 1983.

O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado / M.Dylan - Europa Press / Europa Press
O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado / M.Dylan - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta