A defensa da paisaxe frea, polo momento, o proxecto eólico de Iberdrola en Baltar

O Instituto de Estudos do Territorio converte á protección da paisaxe no elemento determinante para rexeitar este proxecto.

Por Galicia Confidencial | Baltar | 07/06/2023 | Actualizada ás 20:56

Comparte esta noticia

A Dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu una declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorábel ao P.E. San Martiño, que Iberdrola intentou promover nos montes da Boullosa, lindeiros con Portugal, no concello ourensán de Baltar, entre o Larouco e o Parque Natural do Xurés.

O Castelo do Portelo, entre Galiza y Portugal, que quedaba dentro da perimetral del proxecto eólico
O Castelo do Portelo, entre Galiza y Portugal, que quedaba dentro da perimetral del proxecto eólico | Fonte: Stop Eólicos Xurés Celanova

E o cuarto proxecto eólico que se para nesta área entre Celanova e A Limia e, neste caso, suporá tamén a paralización da LAT do Larouco, que espertou a contestación social na Limia grazas o labor de denuncia do Club Parapente Baltar que participou decididamente na campaña da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova contra estes proxectos.

"A ameaza sobre a Serra do Larouco e o Xurés seguen vivas cos proxectos en tramitación P.E. Tramontana e P.E. Mistral, denunciados pola plataforma como unha ampliación fraudulenta do parque de 49 aeroxeradores que Iberdrola mantén operativo na parte leste da serra", denuncia esta plataforma.

No caso da DIA desfavorábel do P.E. San Martiño, ademais da protección dos valores naturais, sinaladamente da fauna, que se invoca no documento, aparece desta volta unha oposición rotunda do Instituto de Estudos do Territorio ao proxecto, o que converte á protección da paisaxe no elemento determinante dunha resolución que deberá ser tida en conta para a avaliación do complexo Tramontana-Mistral, situado na mesma zona.

IMPACTOS CRÍTICOS

O Instituto advirte que, de se levar adiante o proxecto, produciranse impactos críticos sobre dúas AEIP, as da Serra da Pena-O Couto Mixto e da Fraga da Rousía, así como sobre as “formas rochosas de interese paisaxístico”. E engade ademais que, desde o punto de vista da paisaxe, produciríanse efectos sinérxicos con outras instalacións eólicas xa operativas ou previstas, que agravarían os impactos.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova solicita da Xunta de Galiza e dos concellos que as áreas de aproveitamento eólico nas que foron decaendo os proxectos Monte da Neve (Celanova-Verea), Monte Grande (Verea-Bande), Lamas de Feás (Calvos de Randín-Os Blancos-Baltar) e, agora, San Martiño (Baltar) sexan eliminadas tras a revisión do Rexistro Eólico de Galicia ou futuros mapas de aproveitamento, xa que ficaron en evidencias impactos inasumíbeis en todos estes casos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta