GC Aberto

Avante nosa toponimia galegobercina

O Parlamento galego ten debatido sobre a problemática lingüística do Bierzo recentemente. A Xunta manifestou o seu desexo de axudar a recuperar a nosa toponimia galegoberciana. Por suposto, os falantes do Bierzo queremos que os nosos topónimos tradicionais teñan o protagonismo que lles corresponde. Porque a nosa dignidade colectiva se manifesta nunha representación cultural en galego.

Por Javier (http://www.facebook.com/jmayoveloso) | O Bierzo | 23/06/2023

Comparte esta noticia

Por Javier Lago Mestre

Letreiro de Vega de Valcarce coa topoponimia galega de 'Veiga de Valcarce'
Letreiro de Vega de Valcarce coa topoponimia galega de 'Veiga de Valcarce'

Velaí a resistencia cultural que facemos acotío, coa nosa fala popular, mesturada de vellas verbas locais, fincadas na terra, propias de orónimos, hidrónimos, antropónimos, etc. Tampouco faltan as anónimas pintadas nos sinais de tráfico, como berros na noite de pedra. Non dubidamos que a visualización da toponimia é fundamental. As xuntas veciñais das localidades coñecen os seus topónimos, mellor que ninguén para recuperalos. E o Consello comarcal berciano debería comprometerse á divulgación con recompilaciois toponímicas, cartelería, novos mapas actualizados, folletos turísticos bilingües, etc.  

Neste labor de recuperación toponímica vai vir ben a axuda da Comisión toponímica de Galicia. No traballo de campo haberá que escoitar aos vecinos, os suxeitos lingüísticos. Outra fonte de investigación será a documentación monástica que xorde na lingua galega medieval. Casos das abadías de s. Pedro de Montes, Carracedo, Andrés de Espiñareda, Cluniego de Vilafranca, Samos, O Cebreiro, etc. Os investigadores sabemos da castelanización toponímica feita cos censos fiscais da Idade moderna. Incluso os notarios e párrocos castelanizaban os nomes persoais (Castelao por Castellano, Souto por Soto, Carballo por Carbayo, etc).  

No Bierzo os procesos históricos de castelanización son progresivos. A nosa toponimia foi trocada paseniño. Hai que ter en conta as instituciois que utilizaron a escrita en castelán como instrumento do seu poder. Daquela os oficiais (correxidores, notarios, recadadores, etc) interpretaron a realidade berciana segundo a súa visión castelá. Para os foráneos, os topónimos galegos, ante a súa complexa fonética e grafía, foron rexistrados en castelán. Por iso, Perexe paso a Pereje, o río Valcarce quedou Valcarcel ou Valcarcer, o vello castelo de Cornatelo castrado en Cornatel, a desputada devesa do Fabeiro (Ponferrada) foi desgaleguizada en Fabero, etc.

Hai outras numerosas formas de castelanizar a toponimia berciana. Lembramos os casos dos artigos galegos que son suprimidos. As Médulas famosas soan a las Médulas, o castro da Ventosa (Cacabelos) resta en castro Ventosa, a comarca da Somoza evoluciona a La Somoza, etc. Todo moi paseniño, sen causar problemas, que as instituciois así o escriben e mandan. O idioma oficial castelán remata cos topónimos galegos sen pausa, primeiro polos maiores (comarcas, concellos, serras, cordais…) e despois os menores (oteiros, regueiros, montes…).

Por suposto, a recuperación toponímica non vai ser conflictiva. A maioría falante castelán non quere cambios toponímicos, que si xa son oficiais, están na documentación escrita, levan décadas como tais, etc. Logo temos aos leonesistas, que defenderán o seu asturleonés ou mailas súas falas locais, etc porque verán invasiois culturais, como cando aconteceu o ensino regrado do galego no Bierzo (2000). Non faltarán eses etnógrafos foráneos que defenderán o mantemento das súas presuntas falas locais, como esencia comunicativa dos vecinos até a súa morte. E faltan os filógogos que nos traerán as reviradas isoglosas e as medidas liñas dialectais que tanto afastan. No fondo, todos eles pasan do mantemento do galego no Bierzo, nin cavilan en ter unha lingua con funcionalidade no século XXI. Trátase de fomentar o uniformismo castelán e manter modalidades lingüísticas indefinidas que só teñen valor turístico e investigador. 

Non podemos pasar por alto a lexislación que protexe o poder lingüístico castelán. O galego do Bierzo non ten categoría xurídica de oficial, sendo a mesma lingua que falan na Galiza, todo depende da raia do Cebreiro. Vaia imaxinario político-administrativo!. As Cortes de Castela e León aprobaron unha lei do régime local, no seu artigo 24.1 lemos, “la denominación de los municipios habrá de ser en lengua castellana”, queda claro!, e engade, “respetándose las denominaciones existentes a la entrada en vigor de esta Ley”, grazas por esta xenerosidade política, só faltaría ter de trocar os perigosos nomes dos concellos en galego (Trabadelo, Ponferrada por Puenteherrado, etc). Que saibas que non se pode tocar La Vega de Valcarce, nin Balboa, para nada recuperar os censurados A Veiga, Valboa ou Toural dos Vados. A devandita lei rexional ilexítima está para cumprila… sempre quedará a rebelde pintada anónima.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta