Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2023 | Actualizada ás 19:14
O BNG elixiu a Bernardo Varela (Allariz), que repite na institución provincial, e a María Xosé Mangana (Baños de Molgas) e Xosé Manuel Puga (Ourense) como representantes nacionalistas na Deputación de Ourense, tras lograr pasar dun a tres representantes ante os resultados obtidos o pasado 28 de maio.
Tras o proceso de elección comarcal, por parte dos concelleiros recentemente elixidos en cada concello e das propostas realizadas, o Consello Nacional do BNG aprobou os nomes dos deputados provinciais, entre os que destaca Bernardo Varela polo seu "recoñecido polo seu traballo, a súa seriedade e o seu rigor á hora de exercer as súas responsabilidades", tanto no Concello de Allariz como na institución provincial, destaca a formación frontista.
A Varela acompañarano dúas persoas con "ampla experiencia na xestión" e "profundo coñecemento da realidade política municipal e provincial".
María Xosé Mangana, exerceu como tenente-alcalde no Concello de Baños de Molgas, mentres que Xosé Manuel Puga foi xefe de gabinete na Consellería de Medio Rural dirixida entón por Alfredo Suárez Canal e actualmente é técnico xestor de fondos europeos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.