23X. O BNG anuncia o seu compromiso para defender no Congreso a derrogación da reforma laboral e a das pensións

O deputado Néstor Rego chamou a reverter o abaratamento dos despedimentos, a recuperar a indemnización de 45 días por ano e os salarios de tramitación.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/07/2023 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O BNG trasladou este martes o seu compromiso de defender no Congreso a derrogación da reforma laboral e da reforma das pensións, e erixiuse en garantía "para avanzar na recuperación de dereitos laborais".

Así o manifestou o candidato ao Congreso, Néstor Rego, nun encontro con delegados sindicais e responsables da CIG en Vigo no marco da campaña electoral de face ao 23 de xullo. Nese foro volveu a repetir que "un grupo galego forte" do BNG será decisivo para defender eses dereitos, "fronte aos incumprimentos" do Goberno PSOE-UP da pasada lexislatura.

Néstor Rego chamou a reverter o abaratamento dos despedimentos, a recuperar a indemnización de 45 días por ano, os salarios de tramitación e a autorización administrativa en caso de despedimento colectivo, así como a impulsar novas medidas para combater a precariedade laboral.

O candidato nacionalista tamén insistiu no rexeitamento ao proxecto de reforma do sistema de pensións, que incrementará ata 30 anos o período de cómputo. "O Goberno español non só incumpriu os seus compromisos, senón que incorporou novos recortes", apuntou, e volveu a pór sobre a mesa a proposta do BNG de aumentar as pensións mínimas e o Salario Mínimo Interprofesional para superar a brecha de xénero e a brecha territorial.

Rego chamou á sociedade galega a "confiar no BNG", dándolle o próximo 23 de xullo "a capacidade decisiva con máis representantes e cun grupo galego forte no Congreso para defender con maior forza os intereses de Galicia e das clases populares".

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, que tamén participou no encontro, puxo en valor o traballo do deputado nacionalista no últimos catro anos e subliñou que "o que necesitan os vigueses e viguesas é moitos máis Néstor Rego no Congreso".

Np+Foto: 'Un Grupo Galego Forte Do Bng Non Congreso Garantirá A Recuperación Real De Dereitos Laborais'. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Np+Foto: 'Un Grupo Galego Forte Do Bng Non Congreso Garantirá A Recuperación Real De Dereitos Laborais'. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta