Só 15 municipios galegos resisten fieis ao PSOE tras estas eleccións, entre as grandes cidades só Vigo

Todo o mapa galego tinguiuse de azul agás Corcubión, A Capela, A Illa de Arousa, Fornelos de Montes, O Grove, Redondela, Vigo, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Entrimo e Parada de Sil.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 24/07/2023 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

Estas eleccións xerais deixaron aos españois coa cara a cadros. O que se esperaba que fose unha vitoria contundente sumando escanos de esquerda ou de dereita ata acadar a maioría absoluta por un ou por outro lado, rematou por converterse nun bloqueo que parece difícil de superar e que podería condenarnos a repetir o proceso electoral. Pero aínda que o resto de España se encontrase este domingo dividida nas urnas, Galicia parece que o tivo claro: PP.

O secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nun acto de campaña
O secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nun acto de campaña | Fonte: Eduardo Parra

Catro anos despois das últimas xerais, o mapa galego de forzas máis votadas por municipios tinguiuse de cor azul. Se en 2019 eran un total de 84 os concellos galegos que apoiaron maioritariamente ao PSOE de Sánchez (31 na provincia da Coruña, 20 na de Pontevedra, 16 na de Lugo e 17 na de Ourense), este 2023 quedáronse en únicamente 15 (2 na provincia da Coruña, 5 na de Pontevedra, 4 na de Lugo e outros 4 na de Ourense).

Iso si, cabe dicir que os concellos que este 2023 apoiaron por maioría a Sánchez tamén o fixeron naquel 2019, é dicir, xa viñan con tradición. Quenes foron? Pola Coruña estarían Corcubión e A Capela; por Pontevedra estarían A Illa de Arousa, Fornelos de Montes, O Grove, Redondela e Vigo; por Lugo serían A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín; e por Ourense teríano feito Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Entrimo e Parada de Sil.

Algo vos chama a atención entre eses municipios? Das sete grandes cidades galegas, que no 2019 se mantiveran prácticamente na súa totalidade (agás a capital, Santiago de Compostela) afíns ao PSOE, só Vigo consegue neste 2023 revalidar a forza socialista. Terá o seu tan seguido e afamado alcalde, Abel Caballero, algo que ver no asunto?

UN TOTAL DE 69 CONCELLOS DANLLE AS COSTAS A SÁNCHEZ

Sexa como fór, o certo é que Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense decantáronse nestas últimas xerais por Feijóo. Do mesmo xeito que o fixeron tamén os antigamente socialistas concellos de Valdoviño, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Dumbría, Muros, A Pobra do Caramiñal, Ares, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Oleiros, Cambre, Culleredo, Cee, Ames, Carral, Arteixo, Carballo, Ponteceso, Camariñas, Vimianzo, Muxía, Carnota e Rianxo, todos eles na provincia da Coruña.

Na de Pontevedra pasáronse do PSOE ao PP nestas xerais Catoira, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Cuntis, Vilaboa, Moaña, Cangas, Mos, Nigrán, Gondomar, Tomiño, O Porriño, Ponteareas e Salvaterra de Miño. Na de Lugo, cambiáronse de Sánchez a Feijóo Ourol, Viveiro, Foz, Alfoz, Monforte de Lemos, A Pontenova, Pol, Ribas de Sil, Castroverde, Navia de Suarna e Cervantes.

E xa en Ourense ese cambio prodúxose en Ribadavia, Punxín, Amoeiro, Petín, Coles, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Castrelo do Val, A Pobra de Trives, A Rúa, Larouco e A Mezquita. Nesta provincia tamén houbo outro cambio, neste caso do BNG (forza que obtivo a maioría no 2019) ao PP: Allariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Teria que vir uns quantos científicos de diversas universidades do mundo para estudar a psique dos galeg@s. O único que tenhem de Madrid é a emigraçom, e dizer a fame, e o saqueio dos recursos naturais e financeiros; e seguem lhe a dar os seus votos aos partidos madrilenhos.