GC Aberto

O voto do medo

Se cadra, o voto do medo funcionou como os señores do IBEX e da guerra querían. Se cadra, a pantasma do fascismo vaga pola Europa dos Mercados para fidelizar a clase traballadora (hoxe aburguesada no seu alienamento) ás políticas neoliberais.

Por admin | Ferrol | 25/07/2023

Comparte esta noticia

Iolanda Teijeiro

Votación en urna nunhas eleccións
Votación en urna nunhas eleccións | Fonte: Arquivo

Se cadra, a esquerda xa ten o certificado de defunción e incluso ten un seguro de decesos que lle faga máis levadoiro o loito e a burocracia da morte e o funeral. Se cadra, cada cabodano faremos misa laica polo seu pasamento mentres choramos a perda de políticas sociais e dereitos constitucionais incluso nunha esquerda que se opuña a esta encorsetada constitución que couta a posibilidade dunha república federativa.

O voto útil, que sempre resultou o máis inútil para a maioría, vainos traer máis do mesmo. Cousas que pasan cando a autonominada esquerda xoga ao unitarismo centralista dunha España da que só coñecemos a súa caricatura en feitío dunha simboloxía coroada e sempre fanada para os dereitos nacionais das nacionalidades históricas. Ao fin, o medo ao fascio inducido dende os medios de comunicación e ese apoio de frontes con lembranzas preguerra civil polo que os partidos nacionalistas apoiaron as políticas estatais -claramente lesivas para a clase traballadora- non fixeron máis que vender os dereitos nacionais e con eles a defensa dos territorios periféricos contra a depredación neocolonial Next Generation. 

Os resultados electorais preparan un cheque en branco  do voto inútil, dun centralismo político abraiante, na seguranza de que as nacionalidades históricas non avancen na reclamación dos seus dereitos políticos, fanados dende que outro voto útil naquela transición á monarquía nos deixou, neste desamparo centralista aos ventos da depredación capitalista.

Alguén pode acreditar que no 23 J gañou a esquerda? Alguén pode acreditar en que imos deixar de ser colonia?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Todo parece indicar que nesta lexislatura daránse os primeiros pasos, vía Referendum Consultivo, para averiguar se os españois están a favor dunha República Federal ou prefiren seguir co Estado das Autonomías do 1977. E será o Segundo Goberno Sánchez quen leve adiante este programa baixo unha Inflación galopante...