Cobre San Rafael desminte as acusacións sobre contaminación dos ríos próximos á mina de Touro-O Pino

Asegura que puxo en marcha un Plan de Restauración Integral das Augas da Antiga Mina de Touro cun financiamento de dous millóns de euros para evitar que a auga entre en contacto cos minerais acumulados.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 03/08/2023 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A mina de Touro-O Pino segue estando no candeeiro un día despois das declaracións realizadas pola Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON, nas que acusaban da contaminación existente aínda nos ríos que rodean a zona, cuxos residuos, segundo indicaban, chegan ata o río Ulla, á empresa concesionaria da explotación da mina, Cobre San Rafael, debido ao desinterese en tratar as augas.

Nova planta de tratamento das augas
Nova planta de tratamento das augas | Fonte: Cobre San Rafael

Foi no ano 2018, segundo recordaban, cando a xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, lle notificou a Cobre San Rafael os resultados dunha inspección, e lle obrigaba a elaboración e presentación dun Proxecto de drenaxe, tratamento e control das augas. Proxecto que a Plataforma Veciñal aseguraba que non se levara a cabo cinco anos despois.

Agora é a propia empresa Cobre San Rafael a que toma a palabra e asegura que estas afirmacións non son certas. Nunha conversa con Galicia Confidencial, a empresa que reactivou a produción de cobre na canteira dos municipios de Touro e O Pino, asegura que si puxo en marcha un Plan de Restauración Integral das Augas da Antiga Mina de Touro, cun financiamento que supera os dous millóns de euros.

Segundo indican, este proxecto ambiental "responde a unha demanda social para solucionar os pasivos ambientais que xerou a antiga mina", e non a un requirimento administrativo dirixido en concreto a Cobre San Rafael, como afirmaba a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON. E o plan activado contempla tres vectores fundamentais de actuación que foron detallados a GC.

OBXECTIVO: EVITAR QUE A AUGA CONTAMINADA CHEGUE AOS RÍOS E PURIFICALA

Río Pucheiras limpo
Río Pucheiras limpo | Fonte: Cobre San Rafael

Por unha banda, o obxectivo prioritario é evitar que a auga entre en contacto cos minerais acumulados, para o cal se levaron a cabo importantes obras de canalización, como indican dende a empresa, consistentes na construción dunha gran canle de drenaxe que evita que as augas da choiva penetren no antigo depósito de estériles.

Esta instalación, que non foi impermeabilizada no seu momento, indica Cobre San Rafael, almacena os estériles do tratamento da antiga planta de procesamento mineral. Mentres a nova canle recolle a auga antes de que se filtre a través da instalación, impedindo así que entre en contacto cos materiais almacenados e mantendo así a súa calidade.

Por outra banda, outro punto a ter en conta no plan é a construción dunha nova planta de tratamento para acondicionar as augas en contacto cos minerais e garantir a calidade da auga dos cursos próximos á explotación. De feito, segundo a empresa concesionaria, xa se acometeron obras de recollida e canalización de augas que poden entrar en contacto con minerais para envialas ata a nova instalación onde se procesan as augas, onde están ata alcanzar as condicións idóneas para a súa descarga nos cursos naturais.

Finalmente, no plan tamén se recolle como algo primordial a limpeza dos cursos afectados polos materiais de orixen mineiro arrastrados polas augas durante todos estos anos. O proxecto abordou, deste xeito, a xestión das augas acumuladas no histórico oco mineiro de Vieiro, que son bombeadas a unha das plantas de tratamento para optimizar a súa calidade antes de ser devoltas a curso público.

Ademais, realizáronse limpezas fondas do leito do río Portapego ao seu paso por Touro para eliminar os sedimentos acumulados durante décadas e restituilo ao seu estado natural. Como indica Cobre San Rafael, este obxectivo estase a conseguir progresivamente, ao igual que no caso do río Pucheiras e outros regatos menores, grazas a este Plan de Restauración Integral, unha vez implementadas as medidas técnicas oportunas.

MAQUINARIA ESPECIALIZADA E TÉCNICAS RESPETUOSAS CO MEDIO

Para a realización dos traballos, que contan coas correspondentes autorizacións administrativas, utilízase maquinaria especializada e aplícanse as mellores técnicas dispoñibles, asegurando unha xestión excelente do medio intervido.

Ademais, dende a empresa informan de que estas son iniciativas previas e desvinculadas do desenvolvemento dun novo proxecto de aproveitamento dos recursos metálicos que están aínda presentes no subsolo.

Río Brandelos limpo
Río Brandelos limpo | Fonte: Cobre San Rafael
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta