Compostela espera unha ocupación de 81,7 % no mes de agosto, pero con menor gasto por parte do turista

A Asociación Hostalaría Compostela móstrase convencida de que esta cifra subirá coas reservas de última hora.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2023 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

A Asociación Hostalaría Compostela prevé unha ocupación do 81,7 % para este mes de agosto, segundo os datos obtidos entre os seus asociados. Con todo, móstranse convencidos de que esta cifra subirá coas reservas de última hora. Nun comunicado da Asociación, o seu presidente, Thor Rodríguez, lembrou que o pasado ano, nesta mesma data, a previsión era dun 72,49 %, polo que sinalou que a situación deste ano é "moi óptima", aínda que matizou que "de momento é só unha previsión e haberá que ver o balance a final de mes".

Así mesmo, mostrouse optimista, tendo en conta que "moitos establecementos" entre os asociados "xa están completos e co 100 % de reservas durante todo o mes". En canto á previsión para a ponte de agosto, a día de hoxe é dun 81,72 %, un dato "moi positivo", superior á previsión do ano pasado nestas datas.

Tamén explicou Thor Rodríguez que "hai unha desigual ocupación entre os hoteis dependendo da súa situación". "Na améndoa e en hoteis pequenos, hostais e albergues, a ocupación é practicamente do 100% e segundo te vas afastando a ocupación vai baixando. Si, prevese como un mes moi positivo para o sector", afirmou.

Agora, a preocupación da Asociación é que o gasto que fan as familias cando visitan a capital galega "non é o mesmo que o do ano pasado". "Hai unha contención por parte dos turistas que visitan a cidade, tanto do estranxeiro como do nacional, cunha rendibilidade menor para os negocios de hostalaría", asegurou.

Transeúntes en Santiago de Compostela
Transeúntes en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta