O ciclo 'Cultura no Camiño' encara a súa recta final con máis de 70 actuacións artísticas ata inicios de setembro

O cartel total, desenvolvido dende o pasado 15 de xuño, contou con máis de 300 citas escénicas e musicais distribuídas entre 88 municipios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2023 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

'Cultura no Camiño' ciclo de exhibición de espectáculos co que a Xunta dinamiza cada verán a oferta cultural dos concellos vinculados ás diferentes rutas do Camiño de Santiago, entra na recta final da súa 11ª edición con tres intensas semanas de programación que inclúen 73 actuacións artísticas.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración coas entidades locais participantes, encárgase da xestión deste circuíto, que está a desenvolver desde o pasado 15 de xuño un cartel con máis de 300 citas escénicas e musicais distribuídas entre 88 municipios.

A través de 'Cultura no Camiño', contribuíuse á contratación neste verán de 150 formacións galegas, entre compañías de teatro, danza e novo circo, grupos de música e profesionais da maxia e da narración oral. Este programa artístico forma parte, á súa vez, da axenda global de máis de 2.500 eventos que a Xunta de Galicia está a impulsar este verán baixo a lema 'A cultura en Galicia é un CulturON'.

Nestas tres últimas semanas de programación, ata o 3 de setembro, 'Cultura no Camiño' percorrerá 45 dos 88 concellos participantes, coa música como gran protagonista. Así, para esta recta final programáronse 33 citas musicais como as que ofrecerán ese mesmo luns Iria Estévez na praza do Camiño de Portomarín, Os Monifantes na praia fluvial de San Clodio de Ribas de Sil e a Gallaecia Big Band e na praza de España de Monforte de Lemos.

Deste cómputo xeral de música, sete dos concertos están destinados ao público infantil, como o dos Monifantes ou os de Pakolas e Uxía Lambona e a Banda Molona, que tocarán en Trabada o martes e o mércores, respectivamente. O cartel musical conta, así mesmo, con nomes como Festicultores Troupe, que estará o martes en Vilagarcía de Arousa; 'Habelas hailas', que tocará en Negreira o día 19; The Lákazans, que subirá ao escenario en Rianxo tamén o 19, ou A Banda da Loba, en Allariz o domingo 20.

Outras citas destacadas serán o concerto de Uxía, Germán Díaz e Sergio Tannus en Carral o próximo 27 de agosto e a actuación o 31 de agosto en Arzúa da banda De Ninghures, grupo participante na primeira edición da aceleradora musical da Xunta para novos talentos da nosa música. As 40 actuacións restantes de Cultura non Camiño corresponden ás disciplinas escénicas de novo circo, maxia e narración oral.

Unhas 80.000 persoas participaron en máis de 650 actuacións ofrecidas por 'Cultura non Camiño' en 164 concellos. XUNTA
Unhas 80.000 persoas participaron en máis de 650 actuacións ofrecidas por 'Cultura non Camiño' en 164 concellos. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta