David Guetta en Vigo: case 17.000 euros por minuto por unha actuación cun son deficiente e un atraso maiúsculo

Máis dunha hora sen tan sequera música de fondo estivo agardando o auditorio de Castrelos ao dj francés, que saltou ao escenario sen apenas ouvirse nin verse, pois as pantallas xigantes foron usadas como focos, en lugar de como cámaras. Máis aló das gradas, as 125.000 persoas congregadas no lugar, segundo Abel Caballero cifrou, non eran quen de diferenciar a canción que estaba a soar en cada momento.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 21/08/2023 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

Un dispositivo de seguridade nunca antes visto. Un hospital de campaña despregado. Policía por todos os recunchos. Decenas de baños portátiles. Un cheo ata a bandeira. Público agardando dende o día anterior. Miles de persoas asándose ao sol da mediodía. Xente loitando por ser a primeira en acceder ao interior do recinto. Un millón de euros desembolsado das arcas municipais. Tres dj's de teloneiros. Unha noite que prometía ser histórica en Vigo. E todo para que? Para que o dj francés David Guetta se fixese derrogar unha hora en saltar ao escenario, para que máis aló das gradas non se escoitase nada de nada e para que unha gran parte do público decidise marchar aos poucos minutos de comezar o concerto.

Público de Castrelos, en Vigo, agardando a David Guetta
Público de Castrelos, en Vigo, agardando a David Guetta | Fonte: Galicia Confidencial

O artista francés saíu ao escenario ás once e media da noite, máis dunha hora despois do momento que inicialmente estaba previsto para a súa actuación, e media hora máis tarde da súa presentación por parte do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que nesta ocasión cifrou a asistencia a Castrelos en 125.000 persoas. Unhas 125.000 persoas que se impacientaban a medida que pasaban os minutos e o afamado dj non saía. Pitos, moitos pitos se escoitaron ao longo da noite. E non era para menos, pois despois de tres horas de dj's soando sen parar, durante esa hora de espera a música parou. 

Ao parecer, segundo informaron diversos medios, todo se debeu a que houbo que montar a mesa de Guetta antes de que este saise. Pero, non podía terse feito antes? Ou, polo menos, como sucedeu no caso doutros artistas en Castrelos, que se poña música de fondo para amenizar a espera. Moitos xa o estaban poñendo de volta e media nese intre, só facía falta escoitar á xente agolpada no auditorio ou abrir o Twitter, onde a frustración non facía máis que medrar a cada minuto que pasaba. Moitos consideraron tal xesto como prepotencia, pois certo é que non houbo ningún outro artista contratado este ano en Castrelos que fixese agardar máis de dez ou quince minutos aos seus fans. Unha falta de respecto. 

Pasadas as once e media, por fin apareceu David Guetta ante as tentas miradas de miles de espectadores, xa cansos de agardar. Mais a espera non mereceu a pena. Sacando ao público que pagara a súa entrada para acceder á pista (vendéronse 5.000 entradas que se esgotaron en oito minutos, e na reventa chegábanse a pedir 900 euros) e a aquel máis madrugador que puidera coller sitio nas gradas do parque, todos os demais ata o tiveron difícil para enterarse de que o dj francés saltara ao escenario. Non se ouvía nada. Pero nada de nada. Máis atrás das gradas, na zona de herba onde están as árbores e onde centos de persoas acamparan para ver a Guetta, non se distinguía nin cal era a canción que estaba a soar.

Máis dun xa dicía que igual era mellor levar a Panorama, porque de seguro que o son sería mellor. Como un dj de semellante nombre pode ter un espectáculo no exterior tan nefasto? Ninguén daba crédito do que estaba vendo. Bueno, vendo é unha forma de falar, pois ver víase ben pouco. As pantallas xigantes que sempre serviron para que o público da zona traseira puidese ver ao seu artista preferido, nesa ocasións non se usaron. Algunha que outra vez si se deixou ver a Guetta en pantalla, como se un flash, pero a maior parte do tempo simplemente se usaron a modo de foco, como unha luz máis de cores.

Público de Castrelos, en Vigo, agardando a David Guetta
Público de Castrelos, en Vigo, agardando a David Guetta | Fonte: Galicia Confidencial

Así as cousas, foron centos as persoas que abandonaron o recinto de Castrelos moito antes de rematar o concerto, xa durante os primeiros minutos. Xente decepcionada que marchaba para a casa pensando que perdera o tempo ao estar agardando máis de catro horas por un Guetta que non estivo á altura do que se agardaba da noite. Quizáis si para o público das gradas e da pista, pero dende logo non para os demais, que eran moitos, moitos máis. E todo ese desastre polo módico prezo de un millón de euros, é dicir, de case 17.000 euros por cada minuto pinchando, e de case 300 por cada segundo que pasaba.

Público de Castrelos, en Vigo, agardando a David Guetta
Público de Castrelos, en Vigo, agardando a David Guetta | Fonte: Galicia Confidencial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta