Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 24/08/2023 | Actualizada ás 22:00
A día de hoxe o coronavirus parece que xa pasou a mellor vida. O que hai algo máis dun ano nos mantiña nunha inquedanza perpetua e condicionaba toda a nosa vida, agora semella que xa non existe. Foi coma un pesadelo que vive nas memorias daqueles que tiveron que lamentar a perda dalgún ser querido a causa deste virus. A última das normas de prevención en caer fíxoo fai tan só unha semana: o uso da máscara en centros sanitarios e sociosanitarios, é dicir, en hospitais, clínicas, residencias e farmacias, fundamentalmente.
Sen embargo, tamén é verdade que de vez e cando, este verán algo máis a miúdo, vemos pola rúa ou cruzámonos nun centro comercial con alguen que leva posta a máscara. Precaución ou contaxio? Probablemente o segundo, pois agora alguen con covid, ao igual que alguen con catarro, pode realizar unha vida perfectamente normal, e de feito debe seguir indo a traballar, non ten excusa. Ademais, chama a atención que xa non existe o rexeitamento social do comezo. Pouca xente aparta dunha persoa con máscara, e esta realiza plans cos amigos e coa familia coma se nada acontecese.
Nada menos que 4.210 falecidos nos costou en Galicia conseguir a inmunidade. Unhas vidas que, de seguro, non serán esquecidas xamais, pois xa forman parte dun dos periodos máis negros da Historia moderna da humanidade. Fronte a eles, 702.581 galegos que se curaron, que conseguiron superar a enfermidade, o que supón algo menos da cuarta parte da poboación total da comunidade.
Con todo, cabe preguntarse ata que punto 'desapareceu' o covid? Cantos pacientes con infección activa hai a día de hoxe en Galicia? Pois segundo os últimos datos publicados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o pasado luns 21 de agosto, un total de 2.838 galegos teñen covid agora mesmo. Para facernos á idea, xusto nesta mesma data, fai un ano, había 1.697; fai dous (21 de agosto de 2021), 10.878; e fai tres (21 de agosto de 2020), 2.148.
Con estas cifras sobre a mesa, podería parecer que estamos exactamente igual que ao comezo da pandemia, no repunte da segunda onda, ou que fai un ano, pero o certo é que na actualidade prácticamente toda a poboación é inmune grazas ás vacinas, e supera a enfermidade únicamente con algún síntoma de malestar similar aos que causa a gripe, sen ter que pasar por hospitais nin recibir medicación de rango superior.
UN CENTO DE HOSPITALIZADOS MÁIS QUE FAI UN ANO
Agora ben, tamén é certo que si que segue habendo casos, especialmente entre as persoas que presentan comorbilidades previas, que rematan ingresando, precisando de asistencia sanitaria. Cantos? A estas alturas un total de 251. Nas mesmas datas o ano pasado eran 153; fai dous anos (21 de agosto de 2021), eran 309; e fai tres (21 de agosto de 2020), só 71.
Esto danos a entender que, efectivamente, a nivel hospitalario a presión asistencial é superior nestas datas que en periodos estivais anteriores, o que pode deberse, por unha banda, á volta á normalidade festiva (xa non hai restriccións en festas, comidas, festivais nin calquer outro tipo de evento); ou a unha adaptación do virus ás altas temperaturas (este verán está sendo temperado). Sexa como fose, alo menos estamos lonxe dos picos da primeira onda (1.107 hospitalizados o 6 de abril de 2020) e tamén dos da quinta (932 o 12 de xullo de 2022).
Finalmente, nas unidades de coidados intensivos dos municipios galegos aínda perduran 10 enfermos de covid. Fai un ano eran nove; pero fai dous (21 de agosto de 2021) eran 64, nada menos; e fai dous (21 de agosto de 2020) tan só oito. Cabe recordar que o número máximo de enfermos graves foi 253 aló polo 2 de febreiro de 2021. E durante o descoñecido da pandemia, na primeira ola, chegouse aos 177 o 4 de abril de 2020. As vacunas, neste senso, si funcionan. O que haberá que ver é ata cando, ou se esto depende da persoa en cuestión.
CONCELLOS CON MAIOR INCIDENCIA: ENTRIMO, A GUDIÑA, VIANA DO BOLO E VILAR DE SANTOS
Analizando, sempre cos datos do Sergas, como están os diferentes municipios galegos, pódese observar que os peor parados nestes momentos son Entrimo, A Gudiña, Viana do Bolo e Vilar de Santos, pois contan cunha incidencia a 14 días (número de casos por cada 100.000 habitantes diagnosticados nas últimas dúas semanas) superior a 500.
Por outro lado, cunha incidencia tamén bastante alta, de entre 250 e 500, hai un total de 33 concellos galegos: Carnota, Cee, Cerdido, Mazaricos, Muxía, Neda, Sobrado, Tordoia, Baleira, Becerreá, Cervantes, Láncara, Mondoñedo, Muras, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, Trabada, Baños de Molgas, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Esgos, Lobios, Melón, Muiños, Quintela de Leirado, Riós, Rubiá, Vilardevós, Vilariño de Conso e Crecente.
E tamén hai que destacar que hai outros 40 municipios que non notificaron novos casos nos últimos catorce días: Mañón, Moeche, Santiso, Alfoz, Carballedo, Folgoso do Courel, Negueira de Muñiz, Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto, Sober, O Valadouro, Allariz, Beade, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo do Val, Cenlle, Larouco, Manzaneda, Montederramo, Padrenda, Parada de Sil, Petín, Porqueira, Pontedeva, Punxín, San Xoán de Río, Taboadela, A Teixeira, A Veiga, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, O Covelo, Dozón, Mondariz-Balneario e Rodeiro.
CHEGADA DA VARIANTE 'PIROLA'
Polo que respecta ás novas variantes, aínda que en galego nos poida facer moito chiste, a máis preocupante é a 'Pirola'. A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu de que a BA.2.86, tamén chamada 'Pirola', catalogada como sublinaxe de Ómicron e detectada por primeira vez o pasado 13 de agosto, está catalogada como 'variante en emerxencia' (dende o 17 de agosto), porque inclúe máis mutacións que as súas sucesoras. Ten máis de 30 cambios de aminoácidos na súa proteína espiga (a que usa para adherirse ás nosas células).
Ata a data, xa se detectaron seis casos en catro países: Dinamarca, Israel, Reino Unido e Estados Unidos. De momento descoñécense os seus síntomas, pero pola composición que presenta podería ser altamente contaxiosa e espandirse rápidamente. Agardemos que non chegue a España e que, se o fai, contemos coas medidas e as vacinas oportunas para poder contela.
Agora, o que vos estaredes preguntando todos: por que 'Pirola'? Non sexades mal pensados. 'Pirola' é o nome dun asteroide descuberto en 1927, e tamén coincide coa familia de plantas herbáceas 'Pyrola', que ten en común os seus talos largos e finos e as súas fillas perennes. Así, nesta ocasión, en lugar de denominar á variante coma un ser mitolóxico ou cunha letra grega, optaron por buscar no ceo. Xa anteriormente se usaron nomes doutros monstros mitolóxicos como 'Tritón', 'Cerberus' ou 'Kraken'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.