A Inquisición III: María Soliña, a primeira bruxa galega, acusada polos seus propios veciños

En realidade chamábase María Soliño e tras quedar viúva pola morte do seu marido a mans dos corsarios beberiscos que invadiron Cangas no século XVII, era unha muller adiñeirada desprotexida ante os desexos de poder e riquezas do clero.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 10/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Coñecemos a María Soliña grazas á tradición oral. Foi acusada de bruxería e condenada pola Inquisición inxustamente. Algúns pensan incluso que foi queimada. Todo isto forma parte da lenda. Agora ben, que podemos dicir realmente da súa vida? O documental de Faro Producións, 'A Paixón de María Soliña', dirixido por Emilio J. Fernández e Alfonso Castaño, nolo conta, da man do historiador Xaime Aguiar:

María Soliño representada nun filme
María Soliño representada nun filme | Fonte: Produtora Faro

María Soliña chamábase en realidade María Soliño, pero a voz do pobo quixo que pasase á historia co nome de María Soliña. Vivía en Cangas, alí adicábase ao traballo do mar xunto ao seu marido, Pedro Barba, de oficio pescador. Son os últimos anos do século XVI. A pesares da súa condición humilde, Soliña posuía certos bens que lle permitían vivir unha vida acomodada, entre os que destacaban os chamados 'Dereitos de Presentación', que consistían en participar das riquezas que producía unha igrexa, é dicir, de esmolas ou tributos.

Estes anos supoñen a época de esplendor da economía de Cangas, ata que a vila sofre unha terrible crise económica. Cales foron as causas? En primeiro lugar os impostos. Había que financiar as guerras que mantiña a coroa española para conservar o seu imperio. En segundo lugar, a actividade dos corsarios e dos piratas no Atlántico, que dificultaban as transaccións comerciais. E a finais de século o problema das epidemias. Pero Cangas recibe a estocada definitiva, o ataque dos corsarios, en 1617.

Os corsarios que atacan Cangas eran berberiscos que procedían do norte de África. Loitaban ás ordes do emir de Constantinopla, que tiña que repartirse o mar Mediterráneo cos navíos do Imperio español. Os seus ataques chegaron ata lugares situados na costa atlántica e sobre todo a vilas pequenas e desprotexidas, sen fortificacións nin tropas militares. As Illas Cíes serven aos corsarios de refuxio para preparar a súa entrada na ría de Vigo e asediar á poboación durante 10 días. 

Once navíos fortemente armados serán os encargados de acosar ás principais vilas, co cometido de saquear e capturar reféns polos que pedir rescates para financiar as súas guerras. O feito de non contar con tropas obriga aos veciños a organizarse para facer fronte aos corsarios, a pesares da carencia de recursos para combater en igualdade de condicións. Os corsarios asaltan sucesivamente Vigo, Bouzas, Teis e Domaio. Nesta última batalla María Soliño perde ao seu marido, Pedro Barba, e ao seu irmán, Antón Soliño. 

Fotograma do documental 'A Paixón de María Soliña'
Fotograma do documental 'A Paixón de María Soliña' | Fonte: Faro Producións

Os navíos corsarios retíranse para permanecer na ría durante a noite. A vila de Cangas será a última en sufrir a invasión, o ataque acontecerá nas primeiras horas da mañá do 11 de decembro de 1617. Os corsarios entran na vila sen atopar resistencia. A meirande parte dos veciños só fuxiu cara o monte. As versións que din dunha batalla épica son bastante difíciles de crer, así como a que di que a propia María Soliña, con 66 anos, saiu á rúa a defender a vila. O que si se pode afirmar sen dúbidas é que Cangas quedou totalmente empobrecida e as casas principais da vila sucumbiron, entre elas, a de María Soliña.

DOCE VECIÑOS ACUSANA DE PRACTICAR A BRUXERÍA

Catro años despois María Soliña atópase nunha difícil situación: é unha muller viúva, de 70 anos, que vive nunha sociedade caracterizada pola fame e a miseria. Soliña é detida polas autoridades de Cangas no ano 1621, acusada de practicar a bruxería. A acusación inicial, coma noutros casos similares, non procedía directamente do Tribunal Inquisitorial, senón da xustiza ordinaria de Cangas, é dicir, Soliña foi acusada polos seus propios paisanos. Despois será reclamada polo Tribunal para ser xulgada.

O Tribunal da Inquisición aparece en Europa no século XIII co propio Papa como máxima autoridade. En 1478 o Papa Sixto IV concede unha bula aos Reis Católicos para crear un Tribunal da Inquisición en España que se manteña exclusivamente baixo poder monárquico, ao contrario do que acontece no resto de Europa. Nos primeiros anos da institución aparece a figura de Torquemada, como inquisidor xeral, pasando á historia por sentar as bases ideolóxicas do Tribunal e ser o máximo responsable da persecución dos xudeus.

A organización burocrática do Santo Oficio español estrutúrase de maneira piramidal. Na súa cúspide atópase o Consello da Inquisición, coñecida popularmente como a Suprema. Subordinados a este aparecen os Tribunais de distrito, que mantiñan un contacto directo coa poboación, como un funcionariado de asuntos relixiosos. Galicia será o último lugar no que se instale definitivamente a Inquisición, co Tribunal de Santiago de Compostela, en 1574.

A pretensión era frear a influencia das ideas protestantes, que entraban fundamentalmente polas vilas marítimas, dada a actividade comercial que existía nos seus portos. Para os inquisidores, Galicia é unha terra proclive á heterodoxia, pola súa situación xeográfica, a proliferación de cultos paganos e mesmo pola desconfianza nun clero insuficiente e con pouca formación intelectual. Pero o principal motivo polo que a Suprema decide instalarse en Galicia é pola emigración de portugueses xudeus durante o século XVI, que cruzan a fronteira delimitada polo río Miño fuxindo das autoridades inquisitoriais de Portugal.

Poboacións como Tui, Ribadavia, Baiona, Ourense e Pontevedra son continuamente investigadas polos inquisidores na procura de falsos cristiáns. A súa metodoloxía consiste en conseguir o control social por medio dunha rede de familiares e comisarios espallada por todo o territorio. Os comisarios da Inquisición eran os verdadeiros delegados do Tribunal, tratábase de clérigos que facían investigacións, recibían denuncias, escoitaban as testemuñas e controlaban a chegada de libros e mercadorías nos portos, e vixiaban que o comportamento dos chamados familiares, que formaban parte da nobreza e exercían coma delatores ocultos.

Hoxe en día consérvanse aínda casas co escudo da Inquisición grabado nas súas fachadas, que delatan a presenza de familiares neses lugares. O escudo inquisitorial contén símbolos fortemente enraízados na tradición católica: unha cruz no centro, un ramo de oliveira pois o Tribunal nace co cometido de administrar o perdón e a misericordia, e unha espada para impoñer o castigo. O corpo de familiares e comisarios pretende ter presenza nas áreas rurais, incluso ante a resistencia de nobres e señores locais que non querían ser tutelados polas autoridades eclesiásticas.

En definitiva, a instauración do Tribunal da Inquisición en Galicia respondeu á necesidade de uniformizar xurídica e socialmente o territorio, reeducar as masas e loitar contra as supersticións e as prácticas paganas. Todo esto prodúcese en Cangas a comezos do século XVII, no corazón da sociedade onde habita María Soliña. A casa da Inquisición de Santiago de Compostela estaba nun vello caserón mercado aos condes de Monterrei que colindaba co mosteiro benedictino de San Martiño Pinario. Nesta casa atopábanse a sala do tribunal e as celas dos acusados, pero tamén era a vivenda habitual dos xuíces inquisidores e dos seus serventes. 

SOLIÑA QUEDA PRESA EN SANTIAGO POR FABRICAR PÓCEMAS E REBUSCAR EN SEPULTURAS

Unha vez trasladada a Santiago, Soliña ten que agardar na súa cela antes de ser interrogada e xulgada. As testemuñas conforman a base na que se fundamenta a acusación. Doce persoas acusan a Soliña de facer mal a varias mulleres da vila, de causar a morte por medio de feitizos e mesmo de inducir a outra xente a practicar a bruxería. Afirman que a viron collendo terra xunto á casa dun veciño para fabricar pócemas ou rebuscando entre as sepulturas do cemiterio cun rosario na man. Tamén que mesmo chegaron a vela en varios lugares ao mesmo tempo.

O relato destes feitos semella unha crónica da maxia negra, pragada de referencias sexuais e propia dun sistema de crenzas onde fenómenos como o aquelarre ou o mal de ollo son tratados como realidades tanxibles e incuestionables. Despois do tormento a propia Soliña confesa ter exercido a bruxería durante varios anos, mantendo reunións nunha fonte con outras bruxas. Un dos conxuros que empregaba, segundo a súa propia declaración, consistía en botar auga da fonte do lado dereito ao lado esquerdo, para conseguir que os bens materiais cambiasen de posuidor. 

Despois de analizar as acusacións os xuíces dan paso a unha serie de audiencias co obxectivo de conseguir a confesión. O discurso do fiscal fundaméntase en demostrar que María Soliña non ten respeto pola fe católica, poñendo como exemplo as declaracións das testemuñas. Soliña é sometida a varios interrogatorios onde negará as acusacións. Seguindo a dinámica habitual os xuíces declárana 'incospectum tormentorum', que quere dicir que a simple ollada dos instrumentos de tortura podía bastar para conseguir a confesión do acusado.

As declaracións de Soliña son imprecisas e contradictorias. Ás veces afirma ter sido bruxa inducida por outra muller, noutras ocasións afirma que as confesións foron provocadas pola tortura e a presión á que foi sometida. Nos momentos finais do proceso, estando na sala do tormento, Soliña fai unha confesión definitiva expresando o seu arrepentimento. Todas as acusadas de bruxería tiñan un perfil similar: mulleres de avanzada idade, viúvas ou sen familia e con algún tipo de posesión, como terras ou 'Dereitos de presentación'. Nesta época de pobreza e carestía, a nobreza e o clero conseguiron moitos beneficios grazas a estes procesos, pois a confiscación de bens era unha práctica moi habitual.

O condenado debía comparecer ante os xuíces para arrepentirse e aceptar un período de penitencia. Esta cerimonia era coñecida como 'Auto de Fe'. Se os penitenciados eran moi numerosos ou se trataba de algún proceso que adquirira certa sona, a xente acudía en masa para presencialo. Nese caso o auto de fe celebrábase en público e instalábase un escenario na praza principal da vila ou no maior espazo dispoñible. No caso de que o reo falecera durante o proceso fabricábase unha figura para representalo. A redención era obrigatoria, incluso para os mortos.

NON A QUEIMARON, IMPUXÉRONLLE O 'SAMBENITO'

A María Soliña non a queimaron, confiscáronlle os bens e impuxéronlle o 'sambenito', unha vestimenta penitencial que usaba a Inquisición medieval e que foi retomada pola Inquisición española, un traxe feito cunha tea dura e rúa, semellante á dun saco, cunha ou dúas cruces diagonais pintadas.

Os condenados eran obrigados a levar esta prenda o tempo que estipulase a sentenza. Nos primeiros anos da Inquisición castigábase co 'sambenito' de por vida, despois o seu uso quedou reducido a un tempo establecido polo Tribunal. O condenado estaba obrigado a levalo durante a súa vida diaria, provocando así o escarnio e a mofa da xente. Podía complementarse coa 'coroza', un gorro cónico feito de papel.

O 'sambenito' non foi só un castigo para a vítima, senón tamén para a familia e os seus descendentes. Unha das prácticas máis habituais consistía en pendurar o 'sambenito' nas catedrais e nas igrexas parroquiais cos nomes e apelidos do penitenciado e as razóns polas que fóra xulgado, o que perpetuaba a infamia da familia. Dependendo da gravidade, os 'sambenitos' podían levar tamén algúns debuxos, como o rostro do acusado envolto en chamas.

María Soliña finalmente acabou sendo un gran misterio, nin sequera sabemos a día de hoxe onde morreu nin cando. Dende que foi sentenciada pasou directamente a convertirse nunha personaxe lendaria, símbolo de todas as mulleres vítimas do poder, encadeadas e xulgadas pola Inquisición en España.

Obra de Xaime Quessada sobre María Soliño
Obra de Xaime Quessada sobre María Soliño | Fonte: Afundación
Estatua na honra de María Soliño en Cangas
Estatua na honra de María Soliño en Cangas | Fonte: Concello de Cangas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta