Entre "merdiñas" e "calzóns cagaos"... cando a literatura galega cae no esterco das redes sociais (Parte I)

Unha entrevista do escritor Alberto Ramos criticando o atraso dun contrato dunha obra publicada en Galaxia tras gañar o Premio Repsol desatou unha polémica nunca vista no mundo literario galego. Unha polémica alimentada por chíos e fíos en redes sociais na procura de adeptos. Galaxia non se pronuncia de xeito oficial e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Galega de Editores recoñecen dificultades no sector. Esta é a crónica da semana do maior "culebrón social media" literario-editorial de Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/09/2023 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

É dificil tentar resumir o acontecido nunha semana de tensión-pulsión literaria nuns cantos parágrafos e, facelo, ademais, cando un sabe que hai escritoras e escritores, editores e editoras e curiosos e curiosas pendentes desta humilde crónica. Unha crónica que vamos tentar desfiañar como unha 'road movie', porque no fondo, do que estamos falando é dunha viaxe homérica polos recunchos máis escuros do panorama editorial deste país.

Alberto Ramos
Alberto Ramos | Fonte: Sabela Iglesias

 

Polo tanto, desculpen os lectores e as lectoras se ás veces a historia semellase máis a Rebeldes sin causa ou Rebeldes con causa, depende de quen a mire; a Forrest Gump por iso da viaxe de nunca acabar; Airbag, pola coña entre amigos e amigas ou Mad Max, polas hostias que hai durante toda a película. O caso é que esta Road Movie é "Made in Galiza" --co permiso de Sechu Sende-- e polo tanto, bebe moito do xénero minifundista, aguerrido, misterioso, revirado e, por veces, priscilianista que hai por este recunchiño de Europa.

 

Pero, comecemos polo principio do principio desta historia. E hai que remontarse a hai un ano, a finais de setembro de 2022 que era cando se coñecía o gañador da XVI edición do Premio Narrativa Breve de Repsol en Lingua Galega. O afortunado era o xornalista e escritor Alberto Ramos pola novela "Os corpos de Romanov" polo que obtén 12.000 euros ademais da publicación da obra na editorial Galaxia. A partir de aí, algunha chamada cruzada entre o autor e a editorial ata que o pasado 8 de setembro salta a polémica.

Francisco Castro
Francisco Castro | Fonte: Cristina Brea Editorial Galaxia

 

"O proceso de edición foi desconcertante. Para comezar, a editorial non me fixo chegar até oito meses despois do lanzamento do libro ningún tipo de contrato editorial. Tardaron oito meses en enviarme un borrador de contrato e para que o fixeran, houbo que vivir un proceso fatigoso. Comecei por pedir un borrador dun contrato en outubro do ano pasado, no inicio mesmo do proceso de edición. Naquela altura, desde Galaxia, trasladáronme que co premio Repsol non adoitan facer contrato. Fiquei perplexo. A min nunca me pasara con ningún outro premio nin con ningunha outra editora. Consulteino cos servizos xurídicos da AELG e indicáronme que era unha práctica moi cuestionable", espeta Alberto Ramos nunha entrevista 

no xornal Praza Pública.

 

Tras esta queixa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) púxose en contacto con Galaxia para abordar este conflito que decide entón, sempre segundo a versión de Ramos, enviarlle o borrador do contrato ao autor. "A verdade, considero que nun premio como o Repsol non debera ter cabida condutas como a de Galaxia nin que haxa premiados ou premiadas con este galardón que teñan que vivir este periplo para acadar algo tan básico: o borrador dun contrato", sinala o autor que tamén critica as presións que se exerceron por parte da editorial para que mudase o titular da obra.

 

APUNTANDO A FRANCISCO CASTRO

 

Ata aquí, críticas ao proceso e prácticas editorias dunha empresa concreta, Galaxia. Pero Ramos foi máis alá e apuntou directamente ao actual director xeral, Francisco Castro, como responsable desta situación. E tamén criticou as prácticas literarias na editorial que dirixe. "Que o director da editorial publique na colección de feminismo un ensaio seu (ou suposto ensaio) e que dea a impresión de que toda a maquinaria de comunicación e difusión da editora se dedicase, na semana do 8 de marzo, a publicitalo como autor e a publicitar ese libro, paréceme moi elocuente e moi sintomático do que ocorre... Dá a impresión de que a maquinaria promocional e os esforzos da editorial están ao servizo, primeiramente, do seus intereses como autor do seu propio director", engadía nesa entrevista.

 

Ao pouco de saír publicada esa entrevista as redes sociais do mundo literario-cultural fervían, algo que demostra tamén como se atopa o sector cultural deste país cando Facebook ou Twitter (agora X tras a acometida do hipermillonario Elon Musk) son o centro do debate. E é cando esta road movie vai semellandose un pouco máis  a 'Arthur Rambo', o filme francés de Laurent Cantet.

 

"A XENTE COVARDE, TÚZARA... E FEA"

 

Non houbo resposta "oficial" de Galaxia, pero non tardou moito en facelo Francisco Castro, o aludido e, como non, tamén en redes sociais. Unha mensaxe que tampouco deixou indiferente ao sector cultureta que se move polas redes sociais. Nela, Castro falaba da xente que constrúe e da que destrúe, “os que fan grande as súas vidas e os que se instalan algunha clase de miseria mental que os leva a estar todo o día coa pistola cargada para disparalle á cabeza a quen destaque un pouco”. Non se refería o director xeral de Galaxia a ninguén en concreto pero moitos quixeron ver neste post a resposta a Ramos. “Esta clase de xente son ruidosos, berróns, sibilinos, dabondo covardes, túzaros e, como dicía Niestzche, polo xeral son feos”. “Respiran envexa e por iso están envelanados. Traballan moito para destruír o que outros fan. No golpe atopan a sua motivación”, dicía. “Coidan que son algo, que pintan algo, que se lles escoita, pero en realidade son merdiñas que ouvean no baleiro. Como alquén que quero moito que di sempre: ‘teñen o calzón cagao’. E sábeno”.

 

E, claro, o que tiña que terse solventado polas canles tradicionais ou "oficiais" converteuse nunha gran bóla de fume, ao xeito que nos ten acostumados Mar Zuckerber, que foi crecendo e crecendo estes últimos días implicando a multitude de autores. Mesmo houbo toques de arrebato dun e doutro sector para tentar posicionar a este ou aquel escritor e escritora nunha ou noutra postura falando das bondades ou maldades do sistema editorial en Galaxia.

 

ALBERTO RAMOS, "SEN PALABRAS"

"Eu falei do meu caso particular e da experiencia persoal que tiven con este premio e desta editorial en concreto. Fíxeno en base á observancia da actualidade literaria. Xa publiquei en máis sitios e nunca tiven tal experiencia", comenta en declaracións a Galicia Confidencial Alberto Ramos que evita afondar na polémica. "Todo o que dixen xa está dito nesa entrevista", suliña.

O que aclara é que "quedou sen palabras" ao ler o que Castro escribiu pouco despois da súa entrevista en redes sociais. "O único que podo dicir e que quedei sen palabras. Eu o que fixen foi unha serie de críticas e a resposta foi esta. Non quero dicir nada máis", di aínda que puntualiza que o director xeral de Galaxia "bloqueouno das súas redes sociais".  Tamén confirma que logo da polémica creada non tivo ningunha chamada de Galixia, que lle "conste".

Esta pasada semana, Ramos recibía o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña. A única satisfación que tivo nunha tensa semana. "Pois é unha gran alegría que tiven e facelo, ademais, cun tema concreto sobre saúde mental e sobre o que acontece nalgúns centros co tema da contención mecánica...Sempre foi un xénero que quixen tocar e este tema dábase e estou satisfeito que chegara", indica.

FRANCISCO CASTRO NON ATENDE A ESTE MEDIO

Para tentar que a road movie teña o máis parecido a un final feliz, este medio tenta buscar unha resposta oficial de Galaxia sen ter que meterse, novamente, nos impertinentes mundos das redes sociais para conseguila. O pasado martes, 12 de setembro, este xornalista chamaba a Galaxia para buscar unha resposta oficial a todo o balbordo, con acusacións cruzadas, que estaba tendo lugar a través de diferentes redes sociais. A conversa foi máis ou menos así:

 

- "Bos días, quería falar co presidente de Galaxia, Antón Vidal".

- E quen o chama?.

- Son Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial.

- Pero é que el non soe estar por aquí. Sobre que é?

- Pois sobre a polémica que hai logo da entrevista de Alberto Ramos. Supoño que xa por aí estaredes enterados.

- Si, pero sobre eses temas o presidente non fala. Tes que falar con Francisco Castro.

- Pois, sen problema, pásame con el.

- (ton de espera)... Está reunido. Xa te chama el despois.

 

Este xornalista agardou dous días e volveu chamar o xoves sobre as 11.30 horas da mañá:

- Bos días. Son Xurxo Salgado, de Galicia Confidencial, quería falar con Francisco Castro que quedara en chamar.

- Espere (ton de espera). Está reunido. Mellor chame máis tarde. 

 

A operación repitese ás 12.48 horas e a resposta é a mesma. Só que nesta ocasión dígolle á persoa que atende que me chame el cando poida. A pesar das reunións do director xeral, o caso é que xusto sobre esa hora, minutos antes ou despois, comeza a circular polas redes sociais de Francisco Castro e no seu blogue persoal a súa resposta a toda a polémica dos días precedentes "Tócame falar a min agora". Preferiu utilizar o mesmo soporte que se utilizou para alimentar este "culebrón" cultural antes que falar cun xornalista. Curiosamente, é algo que el mesmo reprocha na súa longa explicación; que ningún xornalista do xornal Praza Pública o chamara para contrastar o dito por Ramos. O GC tentouno ata tres veces con el. E aínda estamos agardando.

 

Polo tanto, temos que botar man da súa resposta nas redes sociais para tentar buscar o principio máximo dun xornalista que é a obxectividade a través do contraste de fontes, aínda que, neste caso, unha das fontes non queira falar con nós. Pero, vaiamos por partes. Nesta súa resposta tenta explicar o polémico post que escribiu o día despois da entrevista. "O pasado sábado, erguinme, escollín unha foto e fixen unha reflexión sobre as persoas destrutivas. Só iso. Logo, como me coido, e porque podo, abrín a porta e saín pasear á praia de Samil...En canto volvín e o collín, MADREDEDIÓS, a que se montara. Ou mellor: a que me estaban montando. Vouno repetir por se alguén le rápido e non se entera: A QUE ME ESTABAN MONTANDO. Outros a min. Non eu", di asegurando que hai un "linchamento colectivo" contra a súa persoa e que hai comentarios que rozan a legalidade. "O meu avogado está con iso xa", advirte. Unha ameaza que volve repetir ao final do texto avanzando a presentación de denuncias xudiciais por atentar contra a súa honra.

 

Pero o director xeral de Galaxia apunta directamente contra o medio que publicou a entrevista, Praza Pública, e contra a súa autora, Montse Dopico, aínda que non apareza asinado. "O feito de que saia sen asinar xa fai que un comece por sospeitar que hai algo raro. Ademais, durante estes días entolecidos, chegoume o ruxeruxe, por varias persoas (dúas delas vencelladas directamente a Praza) de que outro medio rexeitara, EN XANEIRO, publicar esa entrevista por parecerlles un disparate e un pretexto -o libro- para atacarme directamente. Espero que non sexa certo, porque, de selo, é todo aínda máis raro. Sumádelle a iso que a entrevista, en teoría sobre a nova publicación de Alberto Ramos, refírese a un libro DE HAI UN ANO", di Castro nas súas redes sociais.

 

"Porque sería “la leche” que un medio de comunicación que vai de cuqui e de serio se prestase a algo estraño. Non, ho. Seguro que non. Sobre todo tendo en conta que Galaxia, ademáis, lles pon publicidade e asinou acordos de colaboración con eles...Tan serio é o proceder do medio, que, logo do balbordo que sabían que se ía montar (porque o sabían, eran consicientes, non son inocentes), non se puxeron en contacto comigo en ningún instante para preguntarme, hei, Paquiño, tes algo que dicir?", engade.

 

PRAZA PÚBLICA, A AUTORA E NÓS DIARIO

 

É certa a insinuación do director xeral de Galaxia de que a publicación desta entrevista ten un "fin", un "obxectivo concreto" contra a súa persoa?. Castro afirma que hai un medio que non a quixo publicar en xaneiro e outro que a publica en setembro deste ano.  Este xornalista ponse en contacto entón co Padroado da Fundación Praza Pública, coa directora do xornal que non a quixo publicar, Nós Diario, e coa autora da entrevista, Montse Dopico, para contrastar o que di Francisco Castro.

 

Amoedo destaca, en declaracións a Galicia Confidencial, que o Padroado da Fundación Praza Pública decidiu mandar o pasado luns, 11 de setembro, un comunicado aos seus socios ante a polémica suscitada nas redes sociais logo desta entrevista e o malestar causado nalgúns socios e socias e lectores do medio.  Nesa resposta, e sobre as valoracións que se facían sobre o actual director xeral de Galaxia, dise que discutiron os pros e contras da súa publicación pero acordaron publicala para que prevalecera a liberdade de expresión do autor –"entrevistado conforme a criterios estritamente xornalísticos"-- sobre calquera outra consideración de oportunidade editorial.

 

O presidente da Fundación Praza confirma que durante o verán estiveron na sede de Galaxia en Vigo onde asinaron un convenio de colaboración para difundir en aberto pezas da colección editorial de Grial. E, por iso, considerou prudente e necesario remitirlle a entrevista ao presidente do Consello de Administración de Galaxia, Antón Vidal, o pasado 3 de agosto, aclarando que non se trataba dun “ataque” de Praza a Galaxia, senón que se trataba dunha entrevista xornalística dunha das súas colaboradoras na que non se franqueaba ningún límite legal. "Consideramos que non hai inxurias e calumnias e, por cuestión deontolóxica, temos que publicala. Ademais, a entrevista estaba xa comprometida", asegura.

 

Sobre o atraso de máis dun mes desde a publicación da entrevista e o envío da carta, sinala que iso é un tema que corresponde ás prioridades da dirección e redacción do medio. "Supoño que ao ser vacacións e decidiron sacala en setembro", di. En todo caso, Carlos Amoedo quere deixar claro que non hai ningunha "conspiración xudeo-masónica" contra Francisco Castro. "É un comportamento normal da redacción e non hai ningunha actitude hostil cara Galaxia ou Francisco Castro", insiste.

 

Segundo puido saber Galicia Confidencial esta entrevista fixose en decembro e ofreceuse á sección de Cultura de Nós Diario que tiña pensado publicala no xornal en papel en xaneiro pero, finalmente, a dirección decidiu non publicala. Este xornalista tamén se puxo en contacto coa directora deste xornal, María Obelleiro, para coñecer as razóns. Indica que se debe a motivos editoriais. "Nós organizamos o contido do xornal como mellor cremos. É un tema noso. Eu non lle vou dicir a Praza ou calquera outro medio o que ten que publicar igual que, obviamente, non aceptamos que nos digan a nós o que temos ou non que publicar", asegura.

 

"LEVO CASE DOUS ANOS SEN ASINAR ENTREVISTAS"

 

Outra das persoas "sinaladas" é a autora da entrevista. Francisco Castro non se refire a ela polo nome pero na carta enviada pola Fundación Praza a socios e socias dise que a peza xornalística non está asinada por “razóns de incompatibilidade profesional” da colaboradora Montse Dopico. En declaracións a Galicia Confidencial, a xornalista destaca que leva case dous anos sen asinar as súas pezas. "Decidín non asinar nin afondar na miña marca persoal cando decidín emprender outras vías profesionais", sinala. "E aí está a hemeroteca para comprobalo", asegura. "Agora ben, se hai quen me pregunta se é miña, por suposto, que digo que é miña", engade.

 

Sobre a entrevista salienta que versa sobre tres temáticas; o xornalismo cultural, a relación entre xornalismo e política cultural e a xestión editorial en Galicia. "E diso é o que hai que falar. Eu non entro a valorar  o que semella xogos de crianzas a través das redes sociais", asegura. De feito, Montse leva tempo fóra do mundo "social media", precisamente, para evitar eses outros mundos paralelos dos que son moi fans algunha xente da cultura, e tamén do xornalismo e da política, deste país.

 

Sobre outro dos principais puntos desta polémica, apunta que ela busca sempre onde publicar artigos, sexa nun medio ou noutro. "É un proceso normal que nos ten pasado a moitos xornalistas que ofrecemos reportaxes e entrevistas a diferentes medios. Algúns queren publicalos e outros non. Cada grupo mediatico ten os seus motivos", destaca.

 

GALAXIA, NO OLLO DO FURACÁN

 

Desde que se publicou a entrevista de Alberto Ramos, a situación en Galaxia é unha pota a punto de estourar. A decisión de Francisco Castro de airear en redes sociais cuestións internas da editorial non gustou a un sector do Consello Editorial. Porén, outro sector está con Castro e critica que o presidente, en nome de toda a empresa, non saira a defendelo. Tal é a situación interna da histórica editorial que se convocou para este venres 22 de setembro unha xunta do Consello Editorial no que, de seguro, se abordará esta cuestión.

 

"É curioso que esta polémica teña saído na semana na que se reúne o xurado do Premio Repsol 2023", apuntan fontes do Consello Editorial de Galaxia consultadas por este medio. "Isto é un ataque orquestrado contra Francisco Castro e esta editorial", sinan ao tempo que lamentan que desde a empresa non se enviara un comunicado público oficial para atallar a polémica.

 

Por iso, estas fontes entenden que tanto Francisco Castro, como xente próxima ao seu entorno, teñan saído a defenderse nas redes sociais. "É lóxico que o fagan se non se sinten defendidos e protexidos desde a editorial", aclaran. "Obviamente hai malestar no Consello de Administración porque isto parte dunha entrevista e dun xeito de proceder impropio dun medio de comunicación como é Praza que non cuestiona nin contrasta o que se di", aseguran.

 

"Se eles cren que a entrevista non é correcta, pois que exerzan o dereito de rectificación. Queren que fagamos un traballo de verificación que non nos corresponde. Iso é unha entrevista a un autor que é o que mantén esa opinión", resposta Carlos Amoedo a estas críticas. "Dannos publicidade e firmamos un convenio, pero eu non vou censurar a entrevista polo feito de que nos dean catro pesos. Volvemos entón co debate tradicional de que se che dan catro pesos xa te teñen collido por esas partes?", asegura.

 

Outro sector histórico de Galaxia critica a deriva que está tomando esta polémica, sobre todo, pola insistencia de Francisco Castro de polemizar a través das redes sociais. "Non pode mesturar cuestións persoais con cuestións profesionais. El pode facer coa súa vida persoal no Facebook o que queira, pero non meter polo medio a Galaxia", asegura outro membro do Consello Editorial consultado por este medio.

 

Como a road movie comeza a parecerse á mexicana "Os fermosos afundidos", este xornalista decide tentar falar co presidente da editorial que tamén está no ollo do furacán, Antón Vidal Andión. Hai que facer varias chamadas para tentar falar con el pero, a diferencia de Francisco Castro, si accede a falar con este xornalista. "Eu son un terceiro nesta polémica pero iso non indica que noutro momento poida pasar a outra posición", asegura. Recoñece que, efectivamente, intercambio whatssaps con Amoedo tras recibir a carta da Fundación Praza na que lle manifestaba a súa posición contraria a esa entrevista. "Eu refuteille os datos que me deu", di.

 

Antón Vidal quere deixar claro que "non hai división" dentro d Galaxia. "En todo caso, se alguén do Consello pensa outra cousa, non o vou a desmentir eu, pero non teño constancia de divisións", di ao tempo que suliña que o consello tomará unha conclusión en base ás opinións dos seus integrantes. "Pode darse que haxa conselleiros ou conselleiras que saiban máis deste tema pola mellor relación persoal que teñen con Francisco Castro", asegura.

 

EDITORES, AUTORES E XUNTA

 

Logo de encamiñar a escena cinematográfica cara a tamén road movie mexicana "A delgada línea amarela", tentamos coñecer a opinón da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ( AELG) e da Asociación Galega de Editores (AGE) sobre esta polémcia. Henrique Alvarellos, presidente de AGE evita entrar en polémicas. Cre que o que pasou neste caso foi que puido haber "disfuncións" ou "malentendidos" coas bases do premio. "Non se firmou nada e logo si.. non creo que houbera unha negativa a non firmala, senón mala praxe por parte da editorial, logo subsanada", afirma en declaracións a Galicia Confidencial. "Este tipo de casos son casos puntuais que suceden por urxencias do día a día pero nós insistimos en que o esixible é que se asine un documento no que quede claro as condicións", engade.

 

Pola súa banda, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, entidade que tamén estivo no centro da polémica ao aludir varias veces Ramos a ela, asegura que a súa función é "resolver os problemas de xeito discreto" que ten o colectivo e facelo cos medios que ten, que non son moitos. "Non procede que participemos nestes debates e polémicas. Procuramos resolver todos os casos posibles, mesmo en colaboración coa asociación de Editores e que se vaian normalizando todas as dinámicas de calqueira sistema literario normal con boa relación entre autores e editores", di.

 

O presidente do Consello Editorial de Galaxia recoñece que toda esta polémica está xerando "moitas incomodidades" e que, ao final, "quen sae perdendo é a lingua e a cultura". É o de sempre, non nos chega os problemas que temos co galego que nos metemos con isto. Eu xa levo anos nisto e pasa o de sempre", asegura. Tamén Cesáreo Sánchez cre que en sae gañando con todo este fume das redes sociais son os que non queren que haxa unha cultura editorial forte e potente en galego. "As institucións que non axudan a protexer a lingua e a cultura", asegura. "Seguro que na Xunta están encantados", afirma.

 

Precisamente, fontes do Goberno galego sinalan que esta polémica "non vai con eles" e que debe resolvela "quen a creou". Con todo, recoñecen que "non é bo para a estabilidade do sistema editorial galego". En declaracións a Galicia Confidencial, fontes destacadas da Consellería de Cultura cren que hai unha "guerra interna en Galaxia" ao que se prestan varios medios de comunicación. Aínda que non se van manifestar en público sobre este tema, defenden o papel que estes anos está tendo Francisco Castro na editorial.

 

EPÍLOGO FINAL

Esta road movie non remata aquí. Terá unha segunda parte como toda boa saga cinematográfica que se preste. Pero, para entendela apropiadamente habería que dicir que este xornalista non ten na actualidade relación con ningún dos protagonistas. A Alberto Ramos coñéceo dos seus traballos anteriores en gabinetes de comunicación e xornais como o Xornal de Galicia e Praza pero non mantén ningunha relación profesional nin persoal con el.

Con Francisco Castro houbo unha relación maior hai anos, cando este era un escritor prometedor, facía camiño en Galaxia como responsable de Comunciación e colaboraba --sen remuneración, hai que aclarar, como todos os que opinan-- neste medio. Escribiu máis de 70 artigos na sección de Opinión deste xornal desde febreiro de 2012 (que abdique o rei... na república), ata o último, a finais de agosto de 2014 (Obama e Pujol) que podedes consultar aquí. Era a época na que practicamente non había medios en galego e o Galicia Confidencial --algún día habería que recoñecerselle esta resistencia- mantiñase contra vento e marea sen axudas públicas. Logo viñeron, afortunadamente, novos xornais en galego e algunha da xente que colaboraba no GC deixou de facelo, entre eles, Francisco Castro. Desde entón, non houbo moita relación co director xeral de Galaxia. O último contacto foi hai uns anos, cando, como director deste medio, houbo unha conversa para saber porque Galaxia, a diferencia da editora Xerais, só puña publicidade en dous dos tres grandes medios de comunicación en galego --Nós Diario e Praza-- e non no Galicia Confidencial. A súa resposta; "non entra dentro da nosa política editorial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Moitas gracias Xurxo por este gran traballo a prol da liberdade de expresión ! Algo que non é moi normal nos tempos que corren, Noraboa ! Polo que atinxe ao dimitido Director Xeral de Galaxia (eu buscaría o inicio da desgracia persoal do individuo, na súa aceptación da distinción de Vigués Distinguido da man de Abel Caballero) Habería que saber se tamén tiña previsto publicarlle as súas "novelas" en Galaxia ? Vigo é un lugar moi complexo sobre todo cando te achegas a Abel Caballero e Cía (Carmela Silva) ! A ver se lle vai mellor tocando a guitarra e Galaxia deixa de ser unha Plataforma de Poder Persoal nas máns dun "arribista de medio pelo" ! Saúde e Boa Fortuna !