Avanzan na procura de novos tratamentos para loitar contra o cancro

A suíza Debiopharm firma un acordo coa galega Biopharma para o desenvolvemento de tratamentos de anticorpos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

A empresa biofarmacéutica suíza Debiopharm, de capital privado e que ten como obxectivo establecer o futuro estándar de tratamento para curar o cancro e as enfermidades infecciosas, anunciou un acordo exclusivo de opción e licenza coa galega SunRock Biopharma, empresa participada pola Xunta de Galicia a través de Xesgalicia e dedicada ao desenvolvemento de anticorpos dirixidos contra tumores altamente invasivos cunha elevada necesidade clínica.

Segundo explica a entidade, o acordo permite a Debiopharm opcións de licenza para continuar o desenvolvemento dos anticorpos de SunRock integrando as innovadoras tecnoloxías de conxugación de Debiopharm, Multilink e AbYlink, para crear novos anticorpos conxugados a fármacos (Antibody Drug Conjugates, ADCs).

Desta maneira, desenvolveranse novos ADCs dirixidos fronte a antíxenos específicos de tumor para o tratamento de enfermidades oncolóxicas con necesidades clínicas non cubertas, incluídos aqueles tipos de tumores que expresan HER2/HER3.

Segundo explica a entidade, os ADCs "están a perfilarse como unha terapia prometedora na loita contra o cancro", debido á súa capacidade para atacar e destruír células cancerosas de forma selectiva e, ao mesmo tempo, minimizar o dano aos tecidos sans.

Esta terapia innovadora combina a precisión dos anticorpos monoclonais cos potentes efectos citotóxicos dos fármacos de molécula pequena, o que resulta nunha poderosa sinerxía. "A nosa asociación con SunRock podería resultar na creación de ADCs altamente innovadores con potencial para abordar o cancro dunha maneira nova e, en última instancia, mellorar as vidas destes pacientes ", manifestou o CEO de Debiopharm, Bertrand Ducrey.

Laboratorio do CIMUS, en Santiago de Compostela con labores de investigación, ciencia e I+D+i
Laboratorio do CIMUS, en Santiago de Compostela con labores de investigación, ciencia e I+D+i | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta