O BNG celebra que non se implanten peaxes en autovías en 2024 e pide ao Goberno que "abandone" a idea: "Nin en 2025 nin nunca"

De establecerse a medida, suporía que quen poida asumir o pago de taxas faríao e, "para as maiorías sociais" quedarían as estradas convencionais obsoletas. Habería territorios, como Galicia, "máis prexudicados", posto que "non contan con alternativas de transporte como un servizo ferroviario digno".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebrou que non se vaian a implantar peaxes nas autovías da rede española en 2024, pero reclamou ao Goberno que "abandone" definitivamente esta idea promovida pola Comisión Europea. "Nin en 2025 nin nunca", aseverou Rego.

Así, Rego advertiu de que esta medida suporía establecer "unha sociedade de dúas velocidades" e, neste escenario, en canto se conforme o novo Goberno do Estado, solicitarán a comparecencia da persoa responsable da carteira de transportes para coñecer a posición do Executivo. De establecerse a medida, suporía que quen poida asumir o pago de taxas faríao e, "para as maiorías sociais" quedarían as estradas convencionais obsoletas.

Neste escenario, habería territorios, como Galicia, "máis prexudicados", posto que "non contan con alternativas de transporte como un servizo ferroviario digno". O BNG rexistrou unha serie de iniciativas para "asegurar" que o Executivo estatal "abandona a idea de implantar" as peaxes impostas pola Comisión Europea, unha medida que, insiste, suporía un "enorme prexuízo para as economías domésticas e para o transporte de mercadorías, autónomos e pequenas e medianas empresas".

EFECTO "NEGATIVO"

Consciente do "negativo" efecto que suporía esta medida, xa presentara en outubro de 2021 formulou varias proposicións non de lei e preguntas sobre esta cuestión. Sobre todo, advirte Rego, para territorios como Galicia que "precisan maior investimento para a mellora e modernización da rede ferroviaria e outros transportes públicos, o impulso da rede ferroviaria de mercadorías e a implantación do servizo de proximidade".

"Se o Goberno pretende de verdade convencer á Comisión Europea, debe apostar por aumentar os investimentos no ferrocarril, especialmente, nos servizos de proximidade e de media distancia", aseverou Rego, quen evidenciou que "para retirar vehículos das estradas, hai que contar con alternativas de transporte público adecuadas". "Ese é un dos eixos nos que o Goberno debe empeñarse", salientou.

O BNG lembra que Galicia carece de tren de proximidade e, aínda que o Goberno "alegue" que o Eixo Atlántico ferroviario é un eixo que comunica as cidades, non o fai coas áreas metropolitanas, exclúe a Ferrol e Lugo, entre outras cuestións, sen esquecer a necesidade de impulsar e mellorar a antiga FEVE que vai de Ferrol a Ribadeo.

O BNG tamén advirte que a gratuidade dos bonos de transporte ten data de caducidade, o próximo 31 de decembro. "Os resultados son elocuentes: incrementouse o número de usuarios de transporte por ferrocarril e reduciuse o uso de coches para mobilidade diaria", sinalou, respecto diso do que concluíu que "é evidente que para fidelizar usuarios do transporte público, é fundamental que se prime o criterio de servizo público por encima de criterios economicistas ou comerciais". En palabras do deputado do BNG, a gratuidade ou política tarifaria con prezos accesibles "é unha pedra angular para que a poboación decida empregar o transporte público e abandone o coche particular", salientou.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta