O TSXG revoga por primeira vez a utilidade pública de terreos expropiados para un parque eólico

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a declaración de utilidade pública do proxecto de repotenciación do parque eólico de Corme, no municipio de Ponteceso, imprescindible para a expropiación forzosa dos terreos, xa executada.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 25/09/2023 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a declaración de utilidade pública do proxecto de repotenciación do parque eólico de Corme, no municipio de Ponteceso, imprescindible para a expropiación forzosa dos terreos, xa executada. Desta forma, o alto tribunal galego acolleu o recurso interposto por un particular contra a resolución de 15 de maio de 2020 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas na que declarou a utilidade pública das leiras.

O recurso foi presentado tras a anulación, por parte do TSXG, da autorización administrativa previa e de construción, así como do proxecto sectorial do parque (promovido por EDP Renovables España). Por primeira vez, o alto tribunal pronunciouse sobre a declaración de utilidade pública (DUP) do proxecto dun parque eólico cuxos permisos foron anulados polo propio tribunal e entendeu que debe decaer tamén esa declaración, pois subliñou que "a privación singular do lexítimo dereito de propiedade vén condicionada por unha utilidade pública ou interese social, e estes predícanse non en abstracto, senón para finalidades concretas".

A Sala, formada por cinco maxistrados, destaca o "carácter instrumental e subordinado da DUP á existencia do proxecto que teña a nota de utilidade pública", pois "non pode existir se non hai antes (ou coordenadamente) unha autorización para os proxectos enerxéticos". "En consecuencia, se non existe un proxecto de construción de instalacións eléctricas, non hai causa de utilidade pública que xustifique un procedemento expropiatorio, e a privación singular do dereito de propiedade carecería de causa", recalcou o TSXG. Ademais, indica que a declaración de utilidade pública, que no seu día foi acordada para a execución do proxecto, "carece de causa", polo que debe ser anulada, pois "non hai ningún proxecto de utilidade pública que apoie a expropiación pretendida".

"Houbo un uso indebido do instituto da DUP e, en consecuencia, da expropiación, con relación a aqueles terreos que estaban conveniados desde 1997", conclúe, "posto que se someteu ao procedemento de DUP uns terreos dos que a empresa dispuña naquel momento (en base a un convenio que só dous anos máis tarde, e unilateralmente, decidiu rescindir a empresa)". Ademais, decretaron na sentenza que a tramitación da declaración infrinxiu o prazo de sometemento á información pública. A resolución non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: EDPR

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta