Educación non descarta tamén a redución de alumnado nas aulas da ESO pero agarda que sexa con acordos

Di que "busca puntos de encontro" na negociación que se abordará o vindeiro luns, na reunión da mesa sectorial docente,

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2023 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, confiou en "buscar puntos de encontro" na negociación que se abordará o vindeiro luns, na reunión da mesa sectorial docente, para a redución dos cocientes en Infantil e Primaria e non pechou a porta a aplicala na ESO xa que "todo faise dunha forma progresiva".

Así o sinalou, preguntado polos medios de comunicación, na xornada que tivo lugar este sábado orientada a analizar e a mellorar a implantación dos novos currículos. Desta forma, fixo referencia ao diálogo e ao consenso na procura de acordos positivos para o alumnado e o profesorado. "É normal que cando se abre unha negociación sempre haxa diverxencia", puntualizou.

Rodríguez explicou que o que buscan é que, por unha banda, "se mellore o sistema educativo" e tamén que "se incentive a carreira docente". De feito, o titular de Educación lembrou que unha das liñas de traballo está orientada a mellorar a formación, a carreira profesional do propio docente e a facer fincapé nos cargos directivos.

"É un proceso que se abre, que temos que estar atentos a como evoluciona, pero teño gran confianza en que sexamos capaces de buscar puntos de encontro para mellorar o sistema educativo, tanto por parte dos sindicatos como por parte da Administración", esgrimiu.

REDUCIÓN NA ESO

A proposta, en principio, só inclúe a redución dos cocientes en Infantil e Primaria. Polo que Rodríguez, preguntado polos medios se levaría a cabo tamén na ESO, non o descartou e incidiu en que "todo se fai nunha forma progresiva". "Non se pode cambiar o sistema dunha hora para a outra porque sería un auténtico caos. Hai que facelo dunha forma ordenada, planificada e progresiva. Iso é o que se vai a expor", argumentou.

"PROPOSTA RAZOABLE"

Con todo, o conselleiro defendeu a proposta da Xunta que cre que é "razoable" que beneficia ao alumno e, sobre todo, que se "adianta a unha situación demográfica" de redución da natalidade. "O que queremos é escoitar e tentar mellorar, todo é mellorable incluso a situación galega, que é unha boa situación na cal temos uns resultados educativos moi bos, pero temos que planificar pensando na próxima década", sentenciou.

SINDICATOS

Pola súa banda, os sindicatos consultados por Europa Press, na xornada do venres, mostraron a súa desconformidade polo calendario de implantación e por que a proposición unicamente contemple primaria e infantil, cando ESO, bacharelato e formación profesional padecen un problema de "saturación".

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura a xornada formativa para o profesorado.. XOÁN CRESPO/XUNTA / Europa Press
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura a xornada formativa para o profesorado.. XOÁN CRESPO/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta