Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2023 | Actualizada ás 13:29
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou este mércores o primeiro Congreso Internacional 'Observa_Acción', de formación de boas prácticas educativas, que congrega en Santiago de Compostela ao redor de medio milleiro de docentes. O encontro conta coa participación de expertos de Reino Unido e Portugal, así como de Aragón, Castela e León, Estremadura e Madrid.
Para Rodríguez, este modelo de formación baseado na observación "é un dos instrumentos de formación do profesorado máis eficaces, máis efectivos e mellor valorados pola OCDE". O fin último deste método, segundo informa a Xunta, é que os participantes "poidan analizar como se desenvolve o seu labor, compartir ideas e fomentar o diálogo construtivo sobre as prácticas pedagóxicas".
O pasado curso, tras a pandemia, engade, retomouse 'Observa_Acción' coa participación de 70 centros educativos e ao redor de 820 persoas nas súas dúas primeiras fases. Ata febreiro de 2024, ábrese a terceira, de intercambio de observación entre docentes de diferentes comunidades autónomas adheridas e complétase cunha cuarta de internacionalización, de febreiro a xuño do próximo ano, que consistirá nunha estancia nun centro educativo dun dos países socios europeos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.