Nai de dous fillos disléxicos: "Non é un problema de intelixencia, senón de falta de adaptación dos centros educativos"

Esther López, con dous fillos de 15 e 17 anos disléxicos e presidenta da Asociación Galega de Dislexia (Agadix), reclama un diagnóstico máis temperá da enfermidade, sobre Primeiro de Primaria, e que os profesores adapten a forma de evaluar os coñecementos destes alumnos. Un estudo da The British School of Barcelona descubriu que os disléxicos desenvolven máis habilidades moi necesarias para o mundo laboral actual: a creatividad, a asertividade ou a empatía, entre outras.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Científicamente a dislexia defínese como un trastorno. Pero dende Galicia Confidencial pedímoslle a unha nai de dous fillos menores con dislexia (de 15 e 17 anos), que ademais é a presidenta da Asociación Galega de Dislexia (Agadix), Esther López, que nos conte que é a dislexia para ela, dende a súa experiencia máis humana: "É unha dificultade específica da aprendizaxe, é dicir, que non é un problema visible, senón que é algo que se percibe á hora de aprender, cando se ve que o neno ou a nena ten dificultades".

Neno con dislexia
Neno con dislexia | Fonte: Arquivo

Ademais, matiza que se trata dun problema "persistente", e insiste en que hai que concienciar aos pais porque "moitas veces ás familias prométennos que con terapias os nosos fillos van mellorar e non é así, pois aínda que poden reducirse as diferenzas con nenos da mesma idade, sempre vai a haber problemas na lectura e na comprensión".

En Galicia a dislexia afecta a moitos nenos e nenas, é algo moi habitual, pois detéctase nun 10 % da poboación. Asimesmo, ten unha carga xenética moi importante, polo que pode herdarse, de maneira que se multiplica por 8 a porcentaxe de risco de ter dislexia da poboación xeral se hai parentes que a padecen. Como explica López, "se un neno ou nena é nun 10 % fillo de disléxico ou nun 10 % irmán de disléxico, as probabilidades de que el tamén poida ter dislexia dispáranse ata un 80 %". Isto supón que nunha aula de 25 alumnos poida haber dous ou tres disléxicos. Son cifras moi altas.

Indo á práctica, o que lle ocorre a un neno con dislexia é que presenta unha dificultade específica de aprender a ler, é dicir, que ten dificultade á hora de codificar as palabras, á hora de ler de forma exacta e na rapidez ou fluidez coa que o fai. E, como é lóxico, se hai alteración á hora de ler con exactitude e na velocidade, tamén haberá problemas de comprensión. "Pérdese o ton, a musicalidade de lectura, que son ferramentas que nos axudan a comprender o que estamos lendo", expón esta nai. Polo tanto, se non se pode comprender o que se le, tamén se presentarán dificultades á hora de escribir, non reflexando con exactitude o que se quere expresar, sen fluidez...

"Se tivésemos unha vida na que a lectura non estivera presente non habería ningún problema para as persoas disléxicas, o problema vén en que todo o que aprendemos o facemos con base na lectura e para poder pasar de curso precisamos empregar a escritura", explica a presidenta de Agadix, que afirma que "para sacar boas notas, ou mesmo para opositar, temos que facelo baseándonos na escritura". Isto, evidentemente, deixa nunha posición de desvantaxe ás persoas que padecen dislexia, tanto á hora de adquirir coñecementos a través da lectura como á hora de demostrar o que saben usando a escritura.

Pero, é necesario un neno lea? Non necesariamente. De feito, Esther López cre que "unha das medidas aplicables a un neno con dislexia é que os exámenes non se fagan de forma escrita, ou, se son de forma escrita, que logo o profesor se sente co neno ou a nena para confirmar se o que escribiu é menos do que sabe". Asegura que xa hai profesores que o fan, porque son empáticos coa situación e saben que dese xeito "o rendemento do alumno mellora moitísimo". 

A IDADE DE DETECCIÓN DEBERÍA SER 7 OU 8 ANOS, PERO RETRÁSASE

A gran problemática está na idade de detección da dislexia. Como indican dende a asociación, o diagnóstico debería darse sobre os sete ou oito anos, pero estase a dar moi tarde. "Mesmo hai familias que nos chaman con rapaces que van facer a EBAU e que se enteran de que hai adaptacións do exame para casos como o seu e queren saber como solicitalas", conta López que, con todo, advirte de que "a esas alturas xa é moi difícil a solución, porque as adaptacións conséguense cando o orientador do centro as solicita, é dicir, cando o neno contou con esas adaptacións prácticamente toda a vida, se xa ten 18 anos é difícil". Chegados a este punto, "se a EBAU xa ten certa dificultade, imaxínate para un alumno disléxico que non conta con ningún tipo de adaptación", lamenta esta nai.

De feito, dende Agadix confirman que os nenos con dislexia entran dentro dese terzo do alumnado que abandona de forma prematura os estudos. "Hai que concienciar ao profesorado para que entenda que este é un problema persistente, pero que ten fácil solución, xa que un neno ben entendido e con apoio non terá problema ningún para sacar o curso aínda que teña dislexia", afirma. De feito, expón a FP como unha boa alternativa para aqueles que se lles fai costa arriba o Bacharelato. De feito, ela é nai de dous fillos, un de 15 e outro de 17, ambos con dislexia. O de 17 repetiu Terceiro de Primaria antes de saber que tiña dislexia, o cal "foi unha carga importante para el ao longo de toda a súa vida académica", sen embargo, agora está facendo un ciclo e, como é máis práctico, "vaille moi ben". 

O diagnóstico da dislexia é puramente educativo, como defenden dende a asociación, que elaborou xunto coa Xunta, no ano 2019, xusto antes da pandemia, un protocolo no que se falaba de que a identificación ten que ser realizada por parte dos centros educativos. "Fala de 'identificación' e non de 'diagnóstico' para nos estigmatizar", explica López. Son os centros, por tanto, os que deben poñer todas as ferramentas e adaptacións posibles sobre a mesa para que o neno ou a nena non se quede atrás, sen que garde moita diferenza con respecto ao resto de compañeiros. Máis ou menos, Agadix advirte de que a dislexia debería diagnosticarse en Primeiro de Primaria, que é "cando os alumnos se atopan de fronte coa lectura".

"En Terceiro de Primaria a esixencia lectora xa é moito maior, en Primeiro e Segundo os profesores aínda dan apoios aos nenos que van máis atrasados, pero en Terceiro xa todo é lectura, escritura, moitas tarefas para a casa... E é aí onde os nenos adoitan repetir, aínda que tamén hai repeticións máis tardías, en Cuarto, Quinto, Sexto... Polo tanto, realmente non é un problema de intelixencia nin de menor capacidade cognitiva, senón que o problema está en que non hai adaptacións para estes nenos cando debería habelas", denuncia a presidenta de Agadix, tamén como nai.

"UN NENO SEN DISLEXIA NON SACARÁ MÁIS NOTA NUN EXAMEN ADAPTADO, PERO O UN DISLÉXICO SI"

Actualmente, hai profesores especializados na atención a menores con trastornos educativos. Son os chamados profesores de Pedagoxía Terapéutica (PP) e de Audición e Linguaxe (AL), pero para os disléxicos a asociación demanda outro tipo de apoios. "Incidimos en que o máis importante con diferencia son as medidas de atención á diversidade de tipo ordinario, as de tipo extraordinario só deberían aplicarse cando as outras non funcionan, pero as ordinarias calquera profesor pode implantalas na súa aula sen necesidade de facer diagnósticos ou avisar ao departamento de orientación de que o neno precisa a intervención dun especialista: se vexo que un neno non arranca na lectura pois doulle máis tempo ou pregúntolle o exame en alto, non lle dou todo o exame xunto senón que doulle unha pregunta e, cando a acabe, doulle outra, non lle mido o tempo, non lle conto as faltas ortográficas, doulle un libro de lectura adaptado ao seu nivel, fágolle unha parte do exame oral, adáptolle os enunciados e póñelle negritas, evito os subraiados que o distraen...".

"Son cousas moi sinxelas de facer", afirma López, que tamén acude aos colexios a dar formación aos profesores. Entende as reivindicacións dos profesores, que lle din que nas clases non só teñen a alumnos con dislexia, senón tamén con outros trastornos como TDH ou Síndrome de Down, pero "a adaptación podería ser igual para todos eles, mesmo para quenes non teñen dislexia". "Un neno sen dislexia non vai sacar máis nota cun exame adaptado, pero un neno disléxico si", exemplifica esta nai, que afirma que as chamadas para pedir axuda á asociación Agadix son constantes.

"Ao longo do ano, durante o periodo lectivo, recibimos entre tres e catro chamadas diarias, algo que aumenta moitísimo a final de curso cando os pais ven que o seu fillo ten que repetir curso, e tamén a comezos de curso, cando os pais chaman para saber como poden solicitar medidas especiais para o seu fillo con dislexia", asegura López. E é que nos centros educativos non se fan probas de detección directamente, hai que solicitalas. Dende Agadix "orientámoslles para facer a solicitude e tratamos de que a relación entre a familia e o colexio sexa o mellor posible, sen ter que chegar a medidas estremas, e na maioría dos casos vaise pola vía da comunicación".

Dende a asociación tamén reclaman volver entrar nas becas de apoio do Ministerio de Educación para o alumnado con necesidades especiais. Antes estaban dentro, pero agora xa non, e López considera que son moi necesarias para mellorar a calidade de vida dos disléxicos. "Eu son médico de familia, teño un soldo adecuado e sempre levei aos nenos ao logopeda, o que supuña uns 180/200 euros por neno ao mes durante todo o curso escolar", exemplifica a presidenta de Agadix, consciente de que "non todo o mundo pode permitirse pagar iso, cada un ten as súas circunstancias". 

TEÑEN OS DISLÉXICOS HABILIDADES ESPECIAIS?

Un recente estudo da The British School of Barcelona, con motivo este domingo do Día Mundial da Dislexia, descubriu que as persoas que padecen dislexia desenvolven máis cualidades que persoas que non a teñen. En concreto, o estudo fala da empatía, da creatividade e da asertividade, ás que se suma unha maior capacidade na resolución de problemas e habilidades de comunicación. Todas elas son 'soft skills', o que se traduce como habilidades blandas, polo que a directora da área de Soporte ao Estudiante da escola, Carol Coleman, afirma: "As persoas con dislexia teñen as habilidades exactas que se precisan para o mundo laboral hoxe en día".

No mundo do traballo actual, onde o que se procura é unha maior eficiencia, as organizacións están considerando a automatización de tarefas rutinarias, o que suporá un impacto directo nas competencias organizativas. Isto levará a substituír as competencias de procesamento e manuais polo pensamento analítico e a innovación, as competencias creativas, o liderado e a influencia social. Neste contexto, dende a The British School amósanse convencidos de que "a dislexia podería axudar ás organizacións a reducir a brecha de competencias para dar resposta ao rápido cambio e á disrupción á que nos enfrontamos". As súas habilidades coinciden coas habilidades precisas para o futuro identificadas polo Foro Económico Mundial.

Infojobs indica que algunhas das 'soft kills' que están empezando a valorar as empresas son a empatía cun 28 %, a creatividade cun 19 %, a asertividade cun 13 % ou a curiosidade cun 10 %. Así, as persoas con dislexia teñen unha serie de puntos fortes naturais que lles fan estar preparados para cubrir este baleiro de competencias. Un feito que tamén recoñeceu LinkedIn, que agora ofrece aos seus máis de 774 millóns de usuarios a posibilidade de incorporar o pensamento disléxico como unha 'skill' ou habilidade adicional á hora de completar o seu perfil e que as empresas poidan seleccionalo como un activo máis á hora de buscar candidatos. Grandes empresas como Microsoft ou Meta xa están activamente buscando persoas con dislexia nos seus procesos de selección.

Preguntada sobre isto, Esther López, dende Agadix, explica que "si que é verdade que os nenos con dislexia son nenos que teñen que buscarse a vida por outro lado e, como lles falla a lectura e a escritura na educación, desenvolven outras habilidades como o debuxo, a forma de facer esquemas, a parte audiovisual... dunha forma que un neno sen dificultade non desenvolvería tanto". Así as cousas, "hai algúns que son máis creativos ou bos en deportes, debuxo e en cousas diferentes ao que habitualmente se coñece como ir ben no colexio, aprendendo Historia, Lingua, Matemáticas e demais". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta