A loita contra as bacterias resistentes a antibióticos xa se puxo en marcha dende a USC

As bacterias multirresistentes causan 1,27 millóns de mortes ao ano e a Organización Mundial da Saúde estima que, en 2050, serán a principal causa de mortalidade no mundo, cobrándose máis de 10 millóns de vidas anuais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A Plataforma de Descubrimento de Fármacos Innopharma, dependente do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), e a compañía ABAC Therapeutics dedicada á investigación en antibióticos, crearon unha unidade colaborativa para unir forzas na procura de novas solucións terapéuticas ás bacterias resistentes a antibióticos.

As infeccións ocasionadas por bacterias resistentes aos antibióticos son, na actualidade, "un dos maiores problemas de saúde global, en termos de mortalidade, impacto social e económico", explican desde o CiMUS.

En concreto, as bacterias multirresistentes causan 1,27 millóns de mortes ao ano e a Organización Mundial da Saúde estima que, en 2050, serán a principal causa de mortalidade no mundo, cobrándose máis de 10 millóns de vidas anuais. "O motivo é que os mesmos antibióticos que en décadas pasadas contribuíron a salvar millóns de vidas deixaron de ser efectivos fronte a estas bacterias", apuntan.

Para facer fronte a esta situación, ambas as entidades crearán unha unidade mixta que permita, "coa máxima eficiencia e optimización de custos", o cribado de coleccións de compostas, co obxectivo de identificar futuros antimicrobianos que sexan activos contra as bacterias resistentes.

"A chamada 'pandemia silenciosa' non ten fronteiras. As bacterias multirresistentes causan 39.000 mortes ao ano en Europa. Ademais, esta gravísima catástrofe humana ten un importante impacto a nivel social e económico que só en Europa supón uns 1.500 millóns de euros anuais", comenta Domingo Gargallo-Viola, director de ABAC Threrapeutics.

As bacterias vólvense resistentes debido á súa capacidade de mutar e adaptarse en resposta a condicións adversas, entre outras causas, ao uso indiscriminado de antibióticos, permitindo que algunhas poidan escapar ao seu efecto, o que complica o tratamento de infeccións cada vez máis comúns e difíciles de xestionar clinicamente, como a pneumonía, a tuberculose, a septicemia ou a gonorrea.

"É urxente descubrir e desenvolver novas clases de antibióticos ante as resistencias e, para iso, queremos levar a cabo o cribado de múltiples coleccións de compostos co obxectivo de identificar novos fármacos contra as bacterias resistentes. Só unha estratexia baseada no medio e longo prazo pode dar resposta a este grave problema de saúde global", sinala a directora do CiMUS e da plataforma Innopharma, Mabel Louza.

Antibióticos
Antibióticos | Fonte: Pixabay - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta