Xavier Simón: "O modelo eólico creado pola administración autonómica creou inseguridade xurídica"

Xavier Simón é catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo. Forma parte do equipo que conforma o Observatorio Eólico de Galicia, unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Galicia. Falamos con el sobre a actividade do Observatorio e do actual marco lexislativo autonómico sobre a creación de polígonos eólicos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 08/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Xavier Simón
Xavier Simón | Fonte: Cispac

-Desde ese punto de análise, como describiría a repercusión das instalacións eólicas sobre os lugares onde están asentadas?
Tal como está configurado o modelo normativo e o marco regulador, existe unha aposta polo investimento privado tanto en parques eólicos como enerxías renovables en xeral. Desta maneira, os beneficios que impactan sobre as localidades sempre son indirectos, isto é así porque como esas localidades non son propietarias dos parques eólicos, só se poden beneficiar de maneira indirecta a través dos investimentos que realizan as propias empresas, dos gastos nos que incorren na localidade ou na comarca e a través dos impostos que pagan ás entidades locais e ao Estado. Por tanto, é unha proposta de economía de mercado onde a cidadanía se beneficia de maneira indirecta a través dos mecanismos de mercado: cando eles mercan, cando invisten e xeran postos de traballo. Por outra parte, pode haber impacto directo nalgún negocio local ou comarcal onde as empresas merquen algúns insumos, pode beneficiarse algunha gasolineira local, poden contratar empresas de camións ou pás mecánicas para facer traballos, pode ser que vaian comer a bares e locais da zona e aí si temos un impacto directo. Isto é porque o impacto vai desde o parque eólico ao negocio local, mais o que predominan son os impactos indirectos.

-As comunidades de montes tamén poden saír beneficiadas no caso de alugaren as súas terras para instalacións de aeroxeradores?
Hai un impacto que é obvio, o recibido polos propietarios. Se hai un acordo dunha renda anual, esa renda é un impacto directo.

Os beneficios que impactan sobre as localidades sempre son indirectos, isto é así porque esas localidades non son propietarias dos parques eólicos.

-Pode definirse o establecemento de empresas eólicas en Galicia como oligopolio?
Nós temos dito que a partir do establecemento do marco regulador en 2017 elimina a concorrencia entre empresas, pois até ese momento cada ano a Xunta facía unha convocatoria pública, as empresas competían entre elas e, aquelas que ofrecían máis contraprestacións tiñan unha autorización fronte ás que ofrecían menos. A partir de 2017 isto desaparece e entran en escena proxectos admitidos a trámite sen competir entre eles.

-Significa isto que hai un reparto entre unhas poucas empresas do territorio?
Non, significa que non hai concorrencia. A concorrencia dase cando hai unha chamada do Estado e os actores interesados participan cuns criterios obxectivos, quen ten máis puntos é quen ten a autorización. Na situación actual hai varias empresas, unhas teñen máis peso ca outras debido a que teñen mellores equipos, teñen máis tradición, por tanto terían máis posibilidades. Porén, agora o que hai son unhas condicións administrativas, tecnolóxicas e económicas establecidas na lei 8/2009, co que unha empresa presenta un  proxecto para ser adminitido a trámite. Ese é o punto de saída da futura autorización. Un dos dous proxectos (Zudreiro e Anduriña) que trataremos esta semana en Campo Lameiro

-Esta semana o Observatorio Eólico de Galicia vai ter unha palestra en Campo Lameiro, concretamente sobre dous proxectos: Zudreiro e Anduriña. Normalmente cales son as principais cuestións que lles transmite a xente cando acoden a estes encontros?
Depende do nivel de desenvolvemento do parque, hainos en adminisión a trámite, outros que están en exposición pública e outros foron autorizados. Zudreiro e Anduriña en concreto non foron autorizados. A semana pasada estivemos nun que foi autorizado mais hai unha modificación sobre a autorización e o que lle preocupa á xente son as condicións, que tipo de dereitos os amparan e como facer fronte ás peticións de urxente sinatura, de urxente acordo por parte das empresas. As empresas normalmente non fan reunións cos propietarios senón que van porta por porta, teñen moita información, van moi ben preparados como profesionais da negociación. Dentro das comunidades moita xente non ten experiencia previa en negociacións como estas, hai xente moi maior, e o papel do OEGA xunto coas tres fundacións é tratar de axudar a estas persoas a tomar unha decisión, a que eles consideren mais coa información transparente e obxectiva.

-Estas empresas que van negociando son empresas intermediarias?
Hai de todo, intermediarias e tamén poden ser as mesmas empresas promotoras.

A partir de 2017 entran en escena proxectos admitidos a trámite sen competir entre eles.

-En Campo Lameiro cales serán os aspectos que tratarán?
A actividade de formación que imos realizar vai ser sobre aspectos económicos e ocupación territorial. En charlas como esta tamén estimamos o impacto territorial e coñecer canta superficie se verá afectada, con que categoría de afectación e que significa esa afectación. As categorías de afectación son, unha, os dereitos e bens afectados, neste caso (Campo Lameiro) non hai porque non houbo solicitude de titularidade pública. Outra é a superficie que cambia de catalogación urbanística de rústica a rústica de protección de infraestruturas. A terceira é a superficie de exclusión de competidores.

-Ás veces as compañías eólicas, sobre todo en comunidades de montes, ofrecen a cambio da súa instalación a reparación de infraestruturas e mesmo o apoio a estudos arqueolóxicos nesas áreas. Isto é habitual?
Todo o que sexa beneficio económico ou en especie para as comunidades locais deben ser benvidos se iso é o que decide a comunidade local, pois é soberana para tomar as decisións que consideren oportunas. Nós non iremos para conver a ninguén de aceptar ou rexeitar o parque, nós ofrecemos a información necesaria para que tomen as decisións oportunas. Se hai contraprestacións como axuda no arranxo da traída de auga ou restauración de elementos arquitectónicos, benvidos sexan, mais até onde nós sabemos isto non é moi común.

As empresas normalmente non fan reunións cos propietarios senón que van porta por porta, teñen moita información, van moi ben preparados como profesionais da negociación.

-Agora mesmo como describe a situación do desenvolvemento de novos polígonos eólicos?
Hai miles de megawatios en procedemento administrativo, é dicir, de admisión a trámite e de autorización, mais hai unha cantidade insignificante de megawatios en proceso de instalación. A creación de novos polígonos de eólicos crearían postos de traballo na industria do aceiro, na construción civil, contratarían persoal para a xestión de proxectos e outro tipo de contratacións. Iso polo momento non existe porque como consecuencia da eliminación da competencia (eliminación da concorrencia) as empresas están acelerando os procesos de adquisición de dereitos futuros, mais isto non significa que se estean implantando novos parques eólicos. Por tanto, o número de parques que se están construíndo é insignificante.

-Aínda así, non existen movementos tanto industriais como económicos en Galicia arredor da enerxía eólica?
O que se constrúe en Navantia está relacionado coa eólica mariña. A base industrial da década dos 90 e na década dos 2000, aínda que era fraca, era moito máis ampla, máis sólida e con máis efectos de renda a nivel comarcal do que hai agora. Nestes momentos, hai algunha actividade agora en Galicia mais non está vinculada directamente coa construción de parques eólicos. En Galicia houbo unha fábrica de pas, agora non hai ningunha. Tamén houbo empresas para ensamblar compoñentes, unha en Viveiro que pechou e agora se está reabrindo, mais esa actividade en Viveiro non está vinculada con investimentos para parques eólicos en Galicia. Estes últimos, insisto, son procedementos administrativos, as empresas teñen numerosos procedementos administrativos vinculados con miles de megawatios mais son moi poucos os que se están desenvolvendo. Por outra parte, moitos dos contratos que se asinan teñen unha cláusula de cinco anos de carencia que poden ser prorrogables por tres ou outros cinco anos. Por tanto, o que se asina é un documento sobre un parque eólico mais non recibirás nada até dentro de cinco anos, por exemplo. Isto último xera que non se entenda ben o que está pasando; hai miles de proxectos en proceso administrativo e unha parte ínfima en construción. Isto último non é precisamente pola oposición local nin municipal nin polos procedementos xudiciais abertos. É fundamentalmente porque o modelos xurídico deseñado polos reguladores autonómicos é un modelo que favorece a especulación, permite iniciar o proceso de adminisión a trámite para unha futura autorización sen que isto estea acompañado de investimentos, por tanto, sen que se xeren os beneficios indirectos descritos ao comezo da entrevista. O modelo creado pola administración autonómica creou inseguridade xurídica. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta