Gonzalo Caballero faille a competencia a Besteiro e ponse "a disposición" do PSdeG para encabezar a súa candidatura

Defende "mellores resultados" que Besteiro e Formoso, pero apraza os detalles e análises do proceso a coñecer o calendario que propón Ferraz.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2023 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O deputado socialista Gonzalo Caballero avanzou este luns que "reinicia" o seu "proceso de escoita activa" da militancia co obxectivo de porse "a disposición do partido" para liderar a candidatura do PSdeG á Xunta, aínda que aprazou calquera anuncio ou valoración en profundidade a coñecer o calendario exposto pola dirección. Así o dixo Caballero, a preguntas dos medios, despois de que José Ramón Gómez Besteiro avanzase á primeira hora da mañá a reactivación do proceso de primarias para liderar a candidatura socialista, engadindo de forma oficial que presentará a súa candidatura.

Fronte a isto, Gonzalo Caballero asegurou que nestes momentos está "pendente da posible publicación dun calendario" coa convocatoria de primarias. "Ata esta fin de semana eu non tiña ningunha información sobre que puidese existir un novo calendario e estou a esperar que os órganos competentes do partido o decidan hoxe e, a partir de aí, traballaremos", destacou.

Non entanto, como xa dixo noutras ocasións, avanzou a súa disposición a liderar a candidatura socialista á Xunta. "Estou a disposición do partido para, se considera que son o mellor candidato posible e a militancia así o decide, encabezar unha candidatura para levar ao PSdeG ao mellor resultado electoral que permita que Rueda deixe de ser presidente da Xunta de Galicia", explicitou.

Para iso, reiniciará o seu "proceso de escoita activa coa militancia", paralizado no mes de agosto "cando a dirección nacional estableceu que debiamos paralizar as primarias en Galicia para concentrarnos na investidura de Pedro Sánchez". "Agora, se hai un novo calendario e novas decisións, adaptareime ao novo escenario e traballarei para, desde o papel que me corresponda, conseguir que o PSdeG avance e creza en Galicia".

AS SÚAS CREDENCIAIS

Para este obxectivo, Gonzalo Caballero lembrou que mentres foi secretario xeral do PSdeG "o partido creceu en todas as eleccións que houbo". "Crecemos nas eleccións xerais, despois en municipais, nas eleccións autonómicas e nas eleccións europeas", afirmou, tras o que apuntou que "nas últimas eleccións municipais e xenerais en Galicia" o PSdeG tivo "un retroceso electoral importante".

"Temos que acertar no rumbo que queremos para conseguir chegar con forza ás próximas eleccións autonómicas co reto de conseguir que o Partido Popular saia do Goberno da Xunta de Galicia. Se non temos un PSdeG forte e que acerte o rumbo, non conseguiremos o cambio político en Galicia", engadiu.

O ex secretrario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nos corredores do Parlamento
O ex secretrario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nos corredores do Parlamento | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Así, Caballero fixo fincapé nos seus resultados á fronte dos socialistas galegos, "unha etapa na que houbo moito mellores resultados que na etapa de Besteiro ou na actual etapa liderada polo compañeiro Valentín González Formoso". "Todos os compañeiros teñen o meu respecto, pero eu manteño a liña política que é mellor, que é unha liña baseada na ética, no galeguismo, na esquerda, no ecoloxismo e no feminismo", destacou, rexeitando entrar a valorar o anuncio de Besteiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Stopfakes

Non lle chegou con ter os peores resultados do PSdG en coarenta anos de autonomía ?