O prezo do diésel xa volve superar ao da gasolina en moitas estacións de servizo galegas

Oito meses despois de que o diésel volvese a cumprir esa norma non escrita do mundo dos combustibles no que sempre é máis barato que a gasolina, as tornas volven invertirse. A finais desta semana todas as estacións de servizo terán o litro de gasóleo máis caro que o de gasolina.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/10/2023 | Actualizada ás 00:47

Comparte esta noticia

Oito meses despois de que a norma non escrita sobre os combustibles (o diésel sempre é máis barato que a gasolina) volvese a cumprirse, esta semana semella que rematará con todas as gasolineiras galegas co litro de gasolina 95 máis caro que o de gasóleo A. De feito, esta xa é a situación que nos atopamos en gasolineiras 'low cost' como Plenoil e nas máis encarecidas, as Repsol. Así, aínda que os últimos datos do Xeoportal de Hidrocarburos do Ministerio para a Transición Ecolóxica indican que o día 9 de outubro o custe medio do litro de gasolina en Galicia era de 1,719 euros e o do diésel de 1,692 (2 céntimos máis barato), os carteis luminosos de moitas estacións de servizo xa non dicían o mesmo.

O litro de diésel superando ao de gasolina, en 2022
O litro de diésel superando ao de gasolina, en 2022 | Fonte: Arquivo

Hai que remontarse ata o pasado 7 de febreiro, fai pouco máis de oito meses, para atoparse co litro de diésel por riba do de gasolina, cousa que sucedera durante gran parte do ano 2022, despois do estalido da guerra entre Ucraína e Rusia, que encarecera o custe dos combustibles ata prezos que aínda hoxe non lograron retornar á normalidade. Lamentablemente, a volta a esa circunstancia de diésel extraordinariamente caro é algo que xa se vía vir, pois dende o pasado mes de xuño, a comezos de verán, pouco a pouco o litro de gasóleo A foise encarecendo de forma máis abultada que o de gasolina, ata reducirse moito a distancia de custe entre ambos os combustibles.

En concreto, por aquel entón, o 1 de xuño, o litro de gasoil estaba a un custe medio de 1,437 nas estacións de servizo da comunidade, fronte aos 1,614 do litro de gasolina, é dicir, nada menos que 18 céntimos máis barato. Sen embargo, a 1 de xullo a diferenza entre ambos os combustibles xa se reducira ata os 16 céntimos (1,457 fronte a 1,61); o 1 de agosto, a 15 céntimos (1,549 fronte a 1,693); o 1 de setembro, a 9 céntimos (1,648 fronte a 1,752); e este 1 de outubro a diferenza entre o litro de gasóleo e o de gasolina reducírase xa a catro céntimos (1,711 fronte a 1,759 euros)

Tamén a evolución da curva de prezos do diésel estaba a ser máis abultada que a curva da gasolina. De feito, se o litro de diésel estaba a 1,437 euros o 1 de xuño, ata o momento actual encareceuse nada menos que en 28 céntimos (1,711 o 1 de outubro). Un incremento de 28 céntimos en só catro meses. Mentres que a gasolina encareceuse a metade no mesmo período, pasando dos 1,614 euros por litro do pasado 1 de xuño ata os 1,759 do 1 de outubro, é dicir, subiu en 14 céntimos. Fronte a isto, a distancia maior que sacou o prezo do litro de gasolina ao de diésel deuse no mes de maio, cando o litro de ambos combustibles estaba separado por 15 céntimos en detrimento da gasolina.

Con respecto a comezos de ano, cabe lembrar que o 1 de xaneiro o ano arrancou co litro de gasolina 95 a 1,627 euros, 9 céntimos máis barata que na actualidade; e o litro de gasóleo A estaba a 1,699 euros, máis ou menos igual que na actualidade. A estas alturas do pasado ano, o litro de gasolina 95 custaba 1,788 euros, uns 7 céntimos máis que agora; mentres que o de gasóleo A estaba a 1,95, a frioleira de 26 céntimos máis que na actualidade, rozando os dous euros. Por iso, aínda que agora os datos son mellores, non por iso son alentadores, pois instalámonos nunha situación de inflación desmedida que xa non parece ter remedio no que a combustibles se refire.

O litro de diésel xa supera ao da gasolina a 9 de outubro de 2023
O litro de diésel xa supera ao da gasolina a 9 de outubro de 2023 | Fonte: GC

O 10 de outubro de 2021 o litro de gasolina estaba a só 1,472 euros e o 10 de outubro de 2013 (hai 10 anos), estaba a 1,407, o que amosa estabilidade no prezo ao longo dos anos. Mentres que o 10 de outubro de 2021 o litro de gasóleo estaba a escasos 1,341 euros; e o 10 de outubro de 2013 (hai unha década), a 1,357. En dez anos os céntimos apenas variaron no custe, mentres que agora fano dun día para outro, sendo imposible para os consumidores saber cal é o momento idóneo para cargar o depósito ou como estarán os prezos a semana vindeira.

E non é unha broma. Aínda que só semellen uns céntimos arriba ou abaixo, no enchido do depósito e nos quilómetros que pode percorrer o coche ben que se nota. Por exemplo, encher o depósito dun coche que leve de media 55 litros de combustible custa agora ou ben 94,55 euros se é a gasolina ou ben 93,06 euros se é a diésel; mentres que fai 10 anos (ou no 2021, non fai tanto), custaba 77,39 euros se era de gasolina o coche ou 74,64 euros se era de diésel. Son, no primeiro caso, 17 euros de diferenza no caso da gasolina e 19 no do diésel. Se por cada litro de combustible o coche fai de media 12 quilómetros, falamos de que 17 euros de gasolina darían naquel (2013) momento para encher outros 12 litros, o que daría para facer 144 quilómetros, o equivalente a ir da Coruña a Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta