Rueda censura que o Goberno non facilite o informe sobre o recurso á lei do litoral: "Non podemos nin defendernos"

O presidente galego aseverou que "o único" que sabe sobre o proceso o seu executivo é que "a Galicia lle plantaron un recurso baseado nuns argumentos que se negan a facilitar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2023 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, censurou que "case unha semana despois" de que o Goberno anunciase a presentación dun recurso ante o Tribunal Constitucional contra a a Lei galega do litoral aínda non facilitasen o informe do Consello de Estado sobre o que se asenta a impugnación de 31 artigos da normativa galega ao entender que invade competencias estatais.

"Non podemos nin defendernos", sentenciou o mandatario autonómico en declaracións aos medios este sábado en Monterrei, onde volveu a reclamar ao Executivo central que facilite á Xunta o ditame do Consello de Estado. "Levámolo pedindo case unha semana e non nolo dan. É incrible", engadiu Rueda, que acusou ao Goberno de non realizar "ningún intento" por "negociar ou chegar a un acordo" antes de presentar o recurso ante o Constitucional.

Rueda criticou que "o mesmo" Goberno "que está a retorcer a Constitución para xustificar o que non ten xustificación" en Cataluña diga que a Carta Magna "está ameazada porque Galicia quere xestionar o seu litoral" a través dunha lei que, segundo lembrou, saíu adiante no Parlamento de Galicia "sen votos en contra". Así as cousas, o presidente galego aseverou que "o único" que sabe sobre o proceso o seu executivo é que "a Galicia lle plantaron un recurso baseado nuns argumentos que se negan a facilitar".

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda | Fonte: A. Pérez Meca

VILLARES: "ESTE RECURSO CREA ENORME INSEGURIDADE XURÍDICA"

Pola súa banda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sinalou que o recurso interposto polo Goberno contra a lei do litoral galega crea "enorme inseguridade xurídica" para as empresas desta actividade. Así o fixo en Esteiro, no concello coruñés de Muros, na inauguración da nova depuradora e dunha cetaria de mariscos da empresa Crebamar.

Alí, remarcou o liderado da industria auxiliar da acuicultura galega tanto a nivel español como europeo e a súa aposta pola innovación e modernización da súa actividade. Un ámbito que, segundo informou a Xunta, só no relativo á depuración de marisco supera os 272 millóns de euros, segundo as últimas Táboas Input-Output da Pesca e a Conserva Galegas. O conselleiro sinalou a importancia desta actividade dentro da cadea de valor dos produtos do mar de Galicia, que en función da súa facturación e do valor engadido que xeran son fundamentais para pór o recurso en condicións hixiénico sanitarias no mercado.

Por iso defenden que teñan unha "especial consideración". Desta forma, o titular de Mar denunciou que a actuación do Goberno recorrendo ante o Tribunal Constitucional a norma galega provoca unha "enorme inseguridade xurídica" e que pon en "grave risco" a actividade deste tipo de industrias, que afecta tamén o resto do sector marítimo pesqueiro, especialmente á pesca artesanal e tamén ao marisqueo a pé.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta