Admitido a trámite o recurso do Goberno e suspendidos artigos da lei de acompañamento galega en materia litoral

Os artigos rebaixaban a 15 anos o prazo de obrigatoriedade para a restitución de obras ilegas en dominio marítimo-terrestre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2023 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O Tribunal Constitucional (TC) admitiu a trámite no seu Pleno deste martes o recurso do Goberno contra os artigos 10 e 11 e a disposición transitoria primeira da lei galega de acompañamento aos orzamentos para 2023 (Lei 7/2022, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas) e suspende estes preceptos relativos a normativa de costas.

O Consello de Ministros aprobou o pasado 25 de setembro presentar recurso de inconsticionalidade contra estes artigos ao non alcanzarse acordo na Comisión Bilateral coa Xunta, que agora admite a trámite o TC. Paralelamente, está pendente que o Constitucional tamén se pronuncie sobre a admisión a trámite do recurso do Goberno contra a lei galega de litoral de xullo de 2023.

En concreto, os artigos 10 e 11 e a disposición transitoria primeira da lei de acompañamento limitan a un prazo de 15 anos o prazo de obrigación de restitución de obras ilegais en zona de dominio público marítimo-terrestre e abre a porta á súa regularización tras ese período, o que choca coa lexislación estatal.

O Goberno alega que os citados artigos poderían vulnerar as competencias do Estado para a determinación do réxime xurídico do dominio público marítimo-terrestre (artigo 132.2 da Constitución) e a lexislación básica en materia de protección do medio ambiente litoral (art. 149.1.23ª).

Nos preceptos suspendidos recóllese o "exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia para a reposición da legalidade na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre" e a "prescrición da obrigación de restitución ou reposición da legalidade por infraccións reguladas na normativa en materia de costas cometidas" na devandita zona.

Os maxistrados tamén acordaron, a petición do Executivo, suspender a aplicación dos preceptos recorridos, desde a data de interposición do recurso (28 de setembro de 2023) para as partes do proceso e desde o día en que apareza publicada a suspensión no Boletín Oficial do Estado (BOE) para os terceiros.

O mar, con ondas de ata 10 metros, a 20 de outubro de 2023, na Coruña
O mar, con ondas de ata 10 metros, a 20 de outubro de 2023, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta