Lores anuncia que os orzamentos de Pontevedra para 2024 chegarán ata os 91,2 millóns de euros

O alcalde de Pontevedra manifestou que no Goberno local "decidiuse declarar prioritarios os orzamentos do 2024 pois consideramos que debemos aprobalos en tempo en forma".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2023 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou o borrador dos orzamentos municipais para o próximo ano 2024 que chegan ata os 91,2 millóns de euros.

Nunha rolda de prensa celebrada este martes o rexedor da capital anticipou o resultado do traballo realizado polos servizos de Economía e Facenda do Concello de Pontevedra, que contempla que o orzamento do próximo exercicio rexistrará un incremento de 5,3 millóns respecto ao do ano 2022. "É un borrador moi avanzado pero que non está pechado, obviamente", precisou.

Lores sinalou que no próximo orzamento manterase a capacidade de investimento do Concello e sen repercutir nas economías familiares a pesar da inflación que está a sufrir a economía global ao longo dos últimos dous anos.

O alcalde da capital manifestou que no Goberno local "decidiuse declarar prioritarios os orzamentos do 2024 pois consideramos que debemos aprobalos en tempo en forma". Lores incidiu en que desde o ano 2022 e ata agora producíronse variacións "brutais" na situación económica global que fixeron que a aprobación dos orzamentos sexa un asunto "perentorio".

Os orzamentos do 2024 foi deseñados "para adaptarse á inflación que en dous anos anda ao redor do 13 %" debido a esta subida de prezos "xeneralizada" nos intereses, a enerxía, os custos dos créditos, entre outros moitos factores.

Deste xeito, os capítulos que máis soben de contía son os relacionados co gasto de persoal e o gasto corrente, "pero o Concello manterá a súa capacidade de investimento, entre outras cousas porque é imprescindible e necesaria para complementar a execución dos fondos europeos que teñen que ter consignada unha achega municipal", apuntou o alcalde.

Doutra banda, Lores destacou que o orzamento tamén ten por obxectivo que a situación de subida de prezos, no que respecta ao Concello de Pontevedra, non repercuta nas economías familiares, polo que seguirán conxeladas as taxas e os impostos por un ano máis.

O capítulo de gasto de persoal elévase ata os 28,3 millóns de euros (cun incremento do 10%), o gasto corrente chega aos 45,8 millóns de euros (+6%), para asumir os gastos financeiros órzanse 404.000 euros (+293%), as transferencias correntes supoñen 3,48 millóns de euros (+1%) e o fondo de continxencia queda en 41.400 euros.

En canto á suma dos investimentos reais máis as transferencias de capital alcanzan os 12,1 millóns de euros. Os activos financeiros quedan en 187.000 euros mentres que os pasivos financeiros fano en 908.000 euros (+12%).

O alcalde do BNG de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde do BNG de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Arquivo - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta