O BNG propón un plan integral de reforma e mellora da N-640, que atravesa Galicia desde Ribadeo ata Vilagarcía

"A N-640 adoece dunha mala configuración debido a un trazado sinuoso con curvas perigosas, sobre todo na zona da Agolada", insiste Rego. Outro factor a ter en conta, engaden, é que esta vía conecta localidades e funciona como "a principal travesía urbana" en municipios de Lugo como Meira, Monterroso, A Pontenova, Antas de Ulla, e outros de Pontevedra como A Estrada, Silleda, Caldas de Reis ou Vilagarcía, "outro elemento de risco para a seguridade viaria".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2023 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou na Cámara Baixa unha proposta para que o Ministerio de Transportes aprobe un plan integral de reforma e mellora da N-640, "dadas as numerosas deficiencias, problemas de seguridade viaria e mal estado do firme en moitos tramos do seu percorrido".

Segundo explican nun comunicado, a N-640 atravesa Galicia desde A Mariña (Ribadeo) ata Vilagarcía de Arousa, "sendo o principal eixo de comunicación viaria entre Lugo e Pontevedra, posto que non hai alternativa dunha vía de alta capacidade". De aí a necesidade de mellorar o seu estado", remarcou Rego.

Indican ademais que esta estrada discorre por comarcas e vilas de "importante impulso socio-económico" como Lalín, Silleda, A Estrada e Vilagarcía de Arousa. "Nos últimos anos rexistrou un aumento do volume de tráfico o que, unido ao mal estado do seu firme en numerosos traxectos, deu lugar a un incremento dos problemas de seguridade viaria", apuntan.

"A N-640 adoece dunha mala configuración debido a un trazado sinuoso con curvas perigosas, sobre todo na zona da Agolada", insiste Rego. Outro factor a ter en conta, engaden, é que esta vía conecta localidades e funciona como "a principal travesía urbana" en municipios de Lugo como Meira, Monterroso, A Pontenova, Antas de Ulla, e outros de Pontevedra como A Estrada, Silleda, Caldas de Reis ou Vilagarcía, "outro elemento de risco para a seguridade viaria".

Neste sentido, o deputado nacionalista apunta que serían necesarias medidas de acougado de tráfico: sinais de redución de velocidade, semáforos, pasos de peóns ou pasos elevados como xa se reclamou para A Estrada e A Pontenova. Doutra banda, piden que se corrixan tramos perigosos como o situado entre Meira e Trabada e na área de Monterroso, así como que se habiliten carrís para vehículos lentos no tramo de subida a Marco de Álvare.

"Toda esta lista de problemas é mellor abordala mediante un plan integral que recolla actuacións como as sinaladas e ofreza solucións para unha estrada que, como outras de titularidade estatal, foi superada pola evolución da poboación por onde discorre, alcanzando características de vía urbana pero sen adaptala a este perfil", conclúe Néstor Rego.

Atropelo mortal a unha muller de 95 anos de idade, cando cruzaba un paso de peóns na N-640 en Cuntis
Atropelo mortal a unha muller de 95 anos de idade, cando cruzaba un paso de peóns na N-640 en Cuntis | Fonte: Cuntis - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta