A Xunta prevé terminar este ano a súa parte do proceso para a reversión de terreos portuarios

Portos preguntará este mes aos municipios se ratifican que queren o cambio de usos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2023 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, prevé que a Xunta termine antes de fin de ano a súa parte do proceso para a reversión de 27 espazos portuarios a municipios, tras o cal quedará a actuación correspondente co Goberno central. Na comisión de Pesca, o responsable de Portos explicou que está previsto remitir a todos os municipios implicados durante este mes unha comunicación para que "ratifiquen" se manteñen a petición da reversión de terreos portuarios co fin de destinalos a outros fins.

Temporal en Vigo, frota amarrada, barcos no porto
Temporal en Vigo, frota amarrada, barcos no porto | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Toda vez haxa luz verde, quedarán "dous pasos formais" a completar polo Goberno galego antes de terminar o ano: levar a proposta ao consello reitor de Portos e que o acordo vaia ao Consello da Xunta. O deputado socialista Xullo Torrado denunciou que se segue "sen ter ningún movemento real" para que poida haber esta reversión de terreos en desuso en portos en favor dos concellos. Censura o traballo "infrutuoso" das predecesoras presidencias de Portos, polo que, polo menos, valora que o novo presidente mostra "máis compromiso que os cinco anos anteriores".

Álvarez Vidal admitiu a "dificultade" dun trámite "longo e complexo". Asegura que, tras a súa toma de posesión despois das eleccións locais, mantivo contactos con diferentes alcaldes, polo que agora ve necesario que os municipios ratifiquen a súa posición debido a cambios en alcaldías que se puideron producir.

"Estamos no final do principio", di sobre a parte do proceso correspondente á Xunta. Apunta que o Estado conta cunha postura "rigorista" na tramitación, pois está "a demostrar unha visión moi normativa, restritiva, dificultosa". Non entanto, sostén que o Goberno galego realizou un "bo traballo", polo que o dossier de cada un dos 27 portos está "perfectamente xustificado" acerca da "innecesariedade para usos portuarios".

CONTRATO DE LIMPEZA DE PORTOS

Noutra orde de cousas, o responsable de Portos informou de que a Xunta saca a licitación, por un importe de 9,6 millóns de euros (IVE incluído), a limpeza de 122 portos autonómicos (dividido en tres lotes). Inclúe terra e lámina de auga, coa recollida de lixo e o traslado a xestores autorizados.

En resposta a unha pregunta do PPdeG, Álvarez Vidal explicou que está "a piques de terminar a tramitación". O contrato pode prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, con importe global nese caso que pode chegar a 19,2 millóns de euros. Así, prevé que se "conseguirá mellorar" a limpeza dos portos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta