Once traballos de colexios galegos contra a violencia machista con mensaxes como 'Abre os ollos' ou 'Cóntao... todo cambiará'

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presidiu este luns na Cidade da Cultura o acto de entrega dos premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado pola Xunta con motivo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2023 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presidiu este luns na Cidade da Cultura o acto de entrega dos premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado pola Xunta con motivo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero. A través deles, recoñeceuse o traballo de alumnos de 11 centros educativos que, a través de creacións gráficas expresaban o seu compromiso coa igualdade e a súa oposición á violencia machista.

En concreto, escolares da Coruña, Padrón, Lugo, Navia de Suarna e Salceda de Caselas resultaron primeiros nas diferentes categorías, nas que tamén foron recoñecidas pezas gráficas e audiovisuais de centros de Pontevedra, Nigrán, Chapela, Cospeito e Alfoz. Así, no certame foi gañador na 1ª categoría de imaxe gráfica (para 5º e 6º de Educación primaria e 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Educación Especial) unha alumna de 1º de ESO do colexio Montesol, de Salceda de Caselas, polo seu traballo 'Deixa aflorar a túa cara mais brava. Plántate!'.

Pola súa banda, o segundo premio recaeu noutra moza de 2ª de ESO do IES Luís Seoane, de Pontevedra, pola proposta 'Non teñas medo a ser quen es'. Na modalidade audiovisual desta mesma categoría, o xurado valorou como mellor traballo 'Que o espello sempre che devolva ou teu sorriso', dun grupo de 2º de ESO do IES Camilo José Cela, de Padrón. O segundo premio foi para 'Que non che digan que non podes', de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Laredo, en Chapela.

Na 2ª categoría (dirixida a 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP básica e de ciclos de grao medio e superior), o primeiro posto na modalidade de imaxe gráfica foi para unha alumna de 1º de Bacharelato do IES Ánxel Fole, en Lugo, polo seu traballo 'Cóntao... todo cambiará'. Concedéronse tamén un segundo premio, a un equipo de 4º da ESO do CPI Virxe do Monte, da localidade lucense de Cospeito, polo traballo 'Non toda a violencia é visible, pero en toda hai que actuar', e un accésit ao cartel dunha moza de 4º de ESO do IES Escolas Proval, do concello pontevedrés de Nigrán, co título 'A realidade ten dúas caras, non te deixes enganar polas aparencias'.

Na modalidade audiovisual destes cursos, os recoñecementos foron para dúas propostas. O primeiro para 'NON é a súa cousa', dunha alumna de 4º da ESO do CPI plurilingüe do municipio lucense de Navia de Suarna. A prata foi para 'Sumemos contra a violencia de xénero', montaxe realizada por un grupo de 3º da ESO do IES Alfoz-Valadouro, do concello lucense de Alfoz. Por último, na 3ª categoría (dirixida a alumnado dos Ensinos especiais de artes plásticas e deseño) o primeiro posto na modalidade de imaxe gráfica foi para un grupo de 2º curso de Deseño Gráfico da Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, titulado 'Abre os ollos'.

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, preside o acto de entrega dos premios de creación gráfica e audiovisual a centros escolares no marco do concurso convocado pola Xunta co galo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, preside o acto de entrega dos premios de creación gráfica e audiovisual a centros escolares no marco do concurso convocado pola Xunta co galo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero | Fonte: XOÁN CRESPO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta