A posibilidade de acudir ao cine, ao teatro ou a eventos culturais vólvese menor se es pobre, migrante ou muller

Un estudo da Universitat Oberta de Catalunya puxo de manifesto as desigualdades na participación cultural que existen na sociedade. En barrios de renda baixa, o 58 % das persoas asisten regularmente a actividades culturais, nos de renda alta esta porcentaxe elévase ata o 75 %.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 25/11/2023 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O dereito á cultura é esencial para que as persoas desenvolvan a súa mentalidade e o seu coñecemento. Alimentar o cerebro tamén é importante, sobre todo nas idades máis temperás, para que os pequenos crezan con inquedanzas e curiosidade. Sen embargo, a día de hoxe, nun mundo no que cada vez as cousas custan máis e no que non hai cartos para chegar a fin de mes sen darse ningún capricho, difícilmente se poderá gastar en ir ao cine ou ao teatro. Gastarse 10 ou 20 euros á semana nun evento non é algo ao alcance de todos. Así as cousas, hai estudos que demostran que nos barrios onde a renda é máis baixa, so o 58 % das persoas asisten con regularidade a actividades culturais (cinco de cada dez); mentres que nos barrios con rendas máis altas, a porcentaxe elévase ata o 75 % (tres de cada catro).

Foto recurso teatro
Foto recurso teatro | Fonte: XUNTA - Arquivo

Son datos da Equisa de dereitos culturais de Barcelona, pero extrapolables a todo o territorio nacional, tamén a Galicia, onde a situación é aínda máis dura se cabe. Estes datos, están marcados en parte polo feito de que en moitos barrios o dereito á cultura vívese a través de actividades e espacios que non sempre se recoñecen como culturais. Sen embargo, tras eles agóchase tamén unha realidade á que se lle presta pouca atención: o dereito á cultura non é igual para todos. Esta é unha idea en torno á que xira o proxecto de investigación 'O dereito a participar na vida cultural da cidade: desigualdades e políticas de equidade', liderado por Nicolás Barbieri, investigador dos Estudos de Artes e Humanidades da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) e profesor do máster universitario de Xestión Cultural, autor do blog ubicarse.net.

O principal obxectivo deste proxecto, que implica tamén a investigadores internacionais, é comprender cales son as desigualdades existentes e que factores impiden participar na vida cultural da cidade. Ao mesmo tempo, a investigación procura xerar coñecemento para deseñar e implementar políticas que permitan dar resposta a este problema. Moito é o que se leva discutido e argumentado sobre as desigualdades na renda, a saúde ou a educación, pero moito menos sobre as desigualdades relacionadas co exercicio dos dereitos culturais. Isto ten numerosas consecuencias, como son o aumento da segregación urbana e social.

A CULTURA, ELEMENTO CLAVE NA DESIGUALDADE SOCIAL

"Estamos a pasar por alto unha dimensión, a cultural, que é clave para entender situacións de desigualdade máis xerais", explica Barbieri. "A cultura pode ser unha oportunidade para mellorar a democracia, pero tamén un risco na reprodución de desigualdades". De acordo co investigador, as condicións nas que as persoas participan na cultura e sobre todo os recursos públicos que teñen ao seu alcance son desiguais. "Isto fai que moitas actividades e espazos culturais acaben sendo actividades e espazos de privilexio para unha determinada clase social, barrio ou xénero, por exemplo. Así, perpetúanse desigualdades que non son 'naturais', senón que son resultado de relacións de poder", precisa.

Abordar este problema dende o punto de vista da investigación académica abre a porta a desenvolver ferramentas concretas que axuden a asegurar que a cultura sexa máis inclusiva. "Que se cumpran os dereitos culturais depende non só dos recursos económicos dispoñibles e do seu grao de institucionalización formal, senón tamén de contar con parámetros medibles científicamente rigurosos", sinala Barbieri.

NA PROCURA DUNHA CULTURA QUE ABRACE A DIVERSIDADE

O novo proxecto de investigación da UOC baséase na premisa de que todas as persoas teñen cultura e vida cultural. Para entender mellor esta realidade, é preciso diferenciar entre cultura lexitimada, non lexitimada e híbrida. A primeira engloba aquelas actividades recoñecidas polas institucións públicas e outros axentes formalizados do sector cultural. Por exemplo, a asistencia a museos ou espectáculos artísticos ou a participación nunha compañía de teatro profesional.

Por cultura non lexitimada, por outro lado, "entendemos un conxunto de actividades e prácticas informais, populares, comunitarias, que forman parte da vida cotiá e que contribúen ao desenvolvemento dos dereitos culturais das persoas e das comunidades, pero que non adoitan considerarse como culturais por parte das institucións, enquisas ou informes sobre participación cultural", explica Barbieri. Por exemplo, contar contos ou historias en familia, pasear pola cidade ou participar en celebracións comunitarias como os festivais ou os carnavais.

Por último, está o espazo coñecido como híbrido, un terreo intermedio entre aquilo que está claramente lexitimado como cultural e aquilo que non. "Este terreo está particularmente en movemento, é dinámico e moitas veces representa situacións de tensión e conflicto", engade Barbieri. Ter en conta todas as expresións culturais e as diversas formas de participación é fundamental para facer fronte ao fenómeno da desigualdade cultural. "Temos que comezar por evitar estigmatizar ás persoas na súa vida cultural. Hai moita vida cultural máis alá das institucións e as organizacións, e é preciso recoñecer esta diversidade e imaxinar que poden facer as políticas culturais para conectar con ela", explica Barbieri.

A través deste proxecto de investigación, o profesor da UOC procura comprobar diferentes hipóteses, como que a desigualdade de participación nas actividades de cultura non lexitimada é menor que a existencia en relación coa cultura lexitimada. Ou que só algúns proxectos que sitúan a equidade como eixe central e promoven a participación cultural conseguen dar resposta ao problema da desigualdade.

A PANDEMIA, UN MULTIPLICADOR DE DESIGUALDADES

Un dos eixos do proxecto de investigación baséase en dúas premisas: que as desigualdades no dereito a participar na vida cultural da cidade se incrementaron durante a pandemia, por un lado, e que as políticas culturais que responden ao seu impacto se centran moito máis nos problemas do sector profesional que no dereito das persoas a participar na vida cultural, polo outro. "Comezamos a ter evidencia de que a participación cultural dixital, que creceu durante a pandemia, reproduce as desigualdades previas. Por exemplo, quenes máis participaron nas actividades dixitais que propuxeron as institucións culturais (por exemplo, a través das webs dos museos) foron practicamente os mesmos que asistían presencialmente", indica Barbieri.

"Pola súa banda, a Enquisa de dereitos culturais puxo de manifesto que o peche de espazos culturais afectou a algunhas persoas máis que a outras. Por exemplo, o 17 % das mulleres enquisadas víronse moi afectadas polo peche dos centros cívicos, fronte ao 11 % dos homes", engade. Á súa vez, as persoas con nacionalidade extracomunitaria ou as que viven en barrios de renda moi baixa amosáronse moito máis afectadas polo peche das bibliotecas que aquelas nadas na Unión Europea ou que viven en barrios de renda alta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta