Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 04/12/2023 | Actualizada ás 21:00
Desde xa fai uns anos en Galicia escoitamos moito falar de ‘feísmo’ e que se nos vén á cabeza con este termo? O somier que pecha unha leira ou se cadra un edificio sen rematar. Para afondar máis no tema contamos co punto de vista da fotógrafa Alba Vázquez Carpentier e os arquitectos Carlos Henrique Fernández Coto, presidente de APatrigal e administrador de Maltrato da paisaxe, e Jorge Rodríguez Álvarez, profesor de Urbanística e Ordenación do territorio na UDC).
Alba fotografou diferentes exemplos do que se considera feísmo para o libro ‘Feísmo: destruír un país’ da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas, na que traballa. “O feísmo para min fai referencia a todo aquilo que resalta ou que está fóra de lugar”, comenta. Carlos destaca que este é un termo que cambiaron porque o de “feo ou fermoso” son calidades subxectivas. “Falamos de maltrato da paisaxe cando non se trata como se debería”, recoñece. E para Jorge co termo feísmo di que “parece que ten que ver con algo que non nos gusta”. Para este profesor, o maior problema de feísmo existente en Galicia é “o do eucalipto” polo seu maior impacto tanto “paisaxísticamente, visualmente como ambientalmente”.
O FEÍSMO URBANÍSTICO
Asóciase o feísmo só ao rural galego? Se cadra iso é no primeiro que se pensa, pero nas cidades tamén existe o feísmo imperante. A fotógrafa fai referencia a dous tipos de feísmo existentes para ela: “Hai un que non sería necesario, asociado á reciclar ou reutilizar elementos, empréganse cousas fóra do lugar para o que foron creadas; e o outro feísmo no eido urbanístico”. Non critica que se reutilice un somier para o peche dunha finca, pero incide na importancia de “facelo ben” e dar un acabado en sintonía coa contorna “de maneira responsable”.
Fai fincapé en que o feísmo máis urbanístico é un dano máis grande e un problema de difícil solución pola repercusión económica. “Edificacións sen rematar que destrúen a paisaxe, para arranxala habería que facer moito”, apunta e destaca que a costa “é terrorífica” (De Coruña a Vigo, en Lugo non estiveron facendo fotos) e que no interior, os plans urbanísticos non impediron que se fixeran “auténticas barbaridades”.
Nesta liña, Fernández Coto fai referencia a que cando os alcaldes “están moi próximos aos veciños” e cando "non hai concienciación", é complicado de combater. Aclara que “os edificios inacabados non son por falta de cartos porque se sabe o que vai custar a obra e está prohibido pola Lei de Solo”, explica e remarca que aínda que a Xunta promulga leis contra este fenómeno e a prol da paisaxe, son os concellos os que as deben aplicar.
“O que as veces xulgamos a primeira vista como desfeita responde a unhas necesidades e se cadra sen ter moitos recursos económicos”, conta Jorge que destaca como feísmo nas cidades as infraestruturas de telecomunicacións. “No proxecto de urbanización como urbanistas temos 8 tubos no subsolo para as compañías de telecomunicacións e logo ves que chegan novas compañías que se colgan dos edificios, dálles igual que sexa no casco histórico”, amosa e critica que é unha “chapuza sen sentido”.
Explica que en urbanismo existe o concepto do ‘non lugar’ ou espazo carente de identidade como un “aeroporto ou centro comercial que son iguais en Coruña, Santiago ou Australia”. Así, Jorge indica que o eucalipto “crea non lugares en Galicia” porque é igual se estás no norte de Lugo, que Pontevedra ou Ourense, porque tes de fondo ese eucalipto. “Non é unha árbore autóctona, reseca o chan e propaga incendios”, destaca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.