Besteiro di que a Limia terá unha "rega sustentable" grazas aos 35 millóns do Goberno para a súa modernización

A comarca da Limia recibirá estes fondos logo da sinatura do convenio entre Ministerio de Agricultura e a Sociedade mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias (Seiasa).

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/12/2023 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou que o Goberno de España destine "35 millóns" á modernización e consolidación da rega na comarca da Limia, unha cantidade que asegurou que "asegura unha rega sustentable" da pataca ourensá.

Así o manifestou este martes nun comunicado tras a firma do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, coa Sociedade mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias (Seiasa). No convenio asinado a pasada semana, conforme lembra o PSdeG, inclúese unha addenda que incrementa en case 20 millóns de euros as previsións iniciais destinadas a este fin, que ían ser de 15,9 millóns.

Ademais, os socialistas sinalan que se converte en realidade a xestión iniciada en 2008 pola ministra socialista Elena Espinosa e que quedara "relegada" ata agora polos gobernos populares.

Besteiro destacou a importancia de que "grazas a estes fondos se poida executar e impulsar unha rega sustentable e eficiente, fundamental para o sector da pataca que "só na comarca da Limia produce uns 120 millóns de quilos ao ano e que, ata o de agora, traballaba cun sistema precario de pozos".

O acordo, indicou, implica que "1.855 regadores poderán incrementar a produción de pataca porque van ter un maior rendemento e abastecemento de auga de forma máis eficiente, máis sustentable e aforrando numerosos custos", engadiu.

O PSdeG critica que a Xunta do popular Alfonso Rueda se limite a "facer propaganda e vender fume" no relativo á política agraria fronte aos investimentos e accións como as realizadas polo Goberno central que, conforme sinala, "si ten repercusión real" no sector e na vida das persoas que o integran.

"É o caso da Limia, fronte a 40 pozos feitos por Rueda (un investimento de 6,5 millóns de euros dos que menos da metade eran de fondos propios) o goberno socialista de Sánchez trae a modernización plausible da rega existente", indicou.

Para os socialistas, isto permitirá un importante aforro de auga, enerxético e de custos, ademais de posibilitar un incremento da produción e garantir o futuro do rural e das súas xentes. Besteiro sinalou que esta actuación para a rega sustentable achegará maior rendibilidade e produtividade para unha poboación crecente con recursos hídricos cada vez máis escasos pola crise climática.

Así, indicou que este diñeiro favorece a case 2.000 regadores que cultivan un total de 2.576 hectáreas nos municipios ourensáns de Xinzo de Limia, Trasmiras, Sarreaus e Porqueira. Nesta zona as patacas contan con denominación xeográfica e cultívanse principalmente dous tipos, a Kenebec, para consumo xeral, e a Agre, para a elaboración industrial de tipo snacks.

O Goberno de España achega o 80% do investimento subvencionable (sen IVE) a través do Plan de Recuperación, cofinanciados en parte polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural. Pola súa banda, os regadores fanse cargo do 20% restante e o IVE.

Con Besteiro estiveron o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso; as deputadas autonómicas pola provincia Carmen Rodríguez Dacosta e Marina Ortega, varios deputados provinciais e o alcalde Taboadela, Álvaro Vila; a deputada no Congreso Marga Martín; e o senador Rafael Villarino, entre outros.

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto con regadores da Limia en Ourense. PSDEG
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto con regadores da Limia en Ourense. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta