Por Moncho Mariño | Santiago | 12/12/2023 | Actualizada ás 14:00
-Na mesma presentación apuntouse que este libro está escrito con motivo de explicarlle ao seu pai o que vostede fixo durante a súa participación política.
Non é para explicarlle nada a meu pai, coitado, pois agora está noutro mundo, se existe. Realmente pouco lle importará o que eu pense neste momento, mais eu necesitaba explicar que moitas, por non dicir todas ou case todas as miñas accións no mundo político estaban e están resumidas no libro nunha conversa entre un fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luis, e máis eu. Luis Ferreiro apuntaba que primeiro eu debía ser socialista e despois galeguista. A miña resposta foi: “primeiro son galego e galeguista e despois sería socialista”, partindo da base de que o socialismo predicado por Felipe González non era o mesmo que o de Pablo Iglesias que á súa vez era diferente do de Zapatero e este diferente do de Pedro Sánchez. Quen dirixe un partido dalle uns sesgos á política e á actuación política en relación coas circunstancias do momento e isto necesita de respostas concretas. Alén diso, eu non creo no dogma político mais si creo que son galego, Galicia é unha nación cultural a cal necesita unha serie de circunstancias de desenvolvemento que non sempre se producen mais agromaron nos primeiros anos de autonomía e desde aquela foron afrouxando até o día de hoxe.
-Quixo reflectir nestas páxinas ese afrouxamento na política galega?
Si, mais dun lado e doutro pois gusto de reflectir a realidade tal cal a vivín eu. O estatuto, por exemplo, propiciou un autogoberno como o de Albor, que acabou como xa sabemos; propiciou un fenómeno que se chamou 'Galicia Moda'. Este fenómeno colocou a Galicia no mapa internacional dentro dese eido concreto da economía, da arte e da cultura. Iso fixo posible que perduren empresas como Inditex, Adolfo Domínguez, Roberto Verino, etc. Hoxe en día non se continúa con esa política por iso desapareceu toda a presenza internacional que podía ter a “moda galega”, iso indica un decaemento de todo. Hoxe hai que preguntarse que foi do mundo da emigración, cal é a presenza daquel lobby de galegos do estranxeiro. Onde está a industria naval galega e como está? Onde está a industria conserveira galega, en mans de quen está, onde está? Que sucede co agro galego? Estamos cheos de eucaliptos, temos máis que os australianos, xa é dicir. Vivimos un deterioro das ilusións e da política. Hai dous anos a Consellería de Cultura deixara sen executar 12 millóns de euros. Podo asegurar que o presidente González Laxe vía 12 millóns sen executar e a continuidade do conselleiro ou conselleira estaría en dúbida se non cesaba ao responsable antes. Todo iso foi devecendo e agora temos un panorama distinto. Agora algunhas das cousas que fixen poden entenderse na súa xusta medida, tando do dito como do feito. No seu momento non foron entendidas, mais ninguén me preguntou nada. Eu xa teño moitos anos e quero deixar as cousas claras, non por min que de moito non vou saber logo de morrer, mais gustaría de que as miñas fillas e netos saiban que canto lles contei en resposta a situacións vividas por eles grazas ou por culpa miña, é tan certo como para atreverme a dicilas en público.
Luis Ferreiro apuntaba que primeiro eu debía ser socialista e despois galeguista. A miña resposta foi: “primeiro son galego e galeguista e despois sería socialista”.
-Durante o seu periodo como conselleiro que momentos foron os mellores e os peores?
O mellor é que falen os feitos, as actas das comisións parlamentarias, o Diario de Sesións do Parlamento ou a prensa do momento para ver que cousas se dixeron e cales non. Con todo, o mellor que me aconteceu foi ser conselleiro pois a min aprendéranme na casa que Galicia debía ter un autogoberno, eu soñei con iso desde neno e logo habitei nese soño. Iso foi o mellor, chegar a un lugar soñado polo meu pai e que eu puiden vivir. Quen che di iso, di o mesmo do Parlamento. O peor de ser conselleiro? Iso depende de cada un. Eu a Juan Corral, conselleiro de Traballo con Albor, pregunteille precisamente: “que é o peor de ser conselleiro?” e a súa resposta foi “deixar de selo”. A condición de conselleiro dúrache toda a vida mais a vida de conselleiro dura moi pouco. Todo canto fixen en política está na prensa, o feito no mundo literario está nos libros e non vou dicir cales senón que a xente lea e xulgue. Nos libros, na prensa e no DOG é onde se pode ver o feito por min mais non me compete facelo, iso debe facelo outro, abondo tiven con facelo eu.
-Vostede recibe o Premio Nacional de Literatura con Xa vai o griffón no vento, como describiría o contexto en que recibe este premio?
Era a primeira vez que o Premio Nacional de Literatura o levaba unha obra non escrita en castelán, foi un bombazo e abriu un camiño, mas ese camiño xa viña cortocircuitado. A versión en castelán tardou seis meses en ser reeditada e en vez de esperar un ano para nomear o seguinte premio nacional, outorgouse aos seis meses coa particularidade de que xa non era Premio Nacional de Literatura senón Premio Nacional de Narrativa, e en paralelo Premio Nacional de Poesía e Premio Nacional de Ensaio. Algo houbo de pasar aí para producirse ese corte. Non me cómpre a min analizalo, que cada quen o valore como queira.
Vivimos un deterioro das ilusións e da política
-Durante unha época vostede traballou coa Editorial Galaxia e de súpeto houbo un corte na relación. Cales foron os motivos da ruptura?
Iso expliqueino en A conto do literario. Eu gañei o Premio Nadal, este feito fixo que, por exemplo, que unha asociación cultural que eu axudara a fundar durante o franquismo me concedese o premio “A ponla de toxo”. O premio foime outorgado en condición de 'gran traidor á lingua galega'. A min sorprendeume no seu momento, mais pregunto desde a outra parte: pode ser traidor a unha lingua unha persoa que leva máis páxinas escritas nesa lingua que a maioría dos seus coetáneos? Temo que a resposta é non, cando menos é inapropiado e inxusto. Isto trouxo que quen era o meu mellor amigo acabara criticándome. A partir de aí abriuse unha veda e fun excretado do sistema literario galego. Non verás aquí a repercusión que tiven en Rusia, Italia ou Australia. Por que se produciu iso? Ao mellor é cuestión de celos persoais, como se puidese facelo calquera menos eu e daquela eu necesitaba cartos, eu vivo do meu traballo. Cando saín da Consellería fíxeno cunha man diante e outra detrás. No seu momento, Ramón Pernas, quen dirixía España Calpe naquel tempo; ofrecérame unha cifra de millóns de pesetas por sacar unha novela na súa editorial, que logo foi Premio Nadal, mais primeiro en castelán. Eu comenteino cos meus amigos galeguistas quen comentaron: “Home Alfredo, se aínda fose gañando un premio...”. Calei, escoitei e dixen “a ver se hai sorte nun premio” e houbo sorte. Inmediatamente algúns xornais que eu levaba afectivamente no corazón dedicaron os seus espazos para a crítica literaria preguntándose que era iso de celebrar que un galego gañase o Premio Nadal. Escoitei de todo, levei ao ABC, ao xulgado por dicir que eu gañara o Nadal da mesma maneira que gañara Grinzane Cavour o premio á mellor novela estranxeira en Italia, comprándoo con diñeiro público. Logo dunhas negociacións, retirei a demanda e pagaron eles os custos de avogados e procuradores. Despois metinme na miña casa e dixen para min: “se algo me salva de todo isto é a miña obra”, e finalmente salvoume a miña obra neses países que xa citei. Non é calquera cousa ter once libros editados en Rusia, sete en Italia e ter libros en francés ou chinés como calquera outro autor. Fun excretado dese sistema mais non renuncio nin á miña cultura nin á miña lingua, en tal caso impórtame pouco non formar parte dun lugar de onde fun expulsado por xente que sabe do meu traballo como conselleiro respecto dos círculos económico-culturais que nese momento manexaban e noutros. Vou facer oitenta anos calquera día destes, non sei se coa mesma forza mais si coa ilusión de sempre, escribo en galego e en castelán pois tamén necesito comer.
-Cada vez hai máis premios literarios, máis libros editados en galego e con todo, a xente nova apenas le en galego quitando ao mellor as lecturas dentro da materia Lingua Galega. Como valora este fenómeno?
Como acaba de formulalo, mais debemos preguntarnos por que. Iso xa o teño contado no libro anterior como o eu o vexo. Para min é unha barbaridade que unha editorial como Galaxia edite cento e pico libros nun ano, compite con ela mesma, como fan outras. Os seus autores compiten entre eles e se editas catro libros por semana a xente non pode mercar catro libros nin lelos nunha semana, entón mercará un. Non hai unha escolma previa, no meu entender agora os editores literarios non pintan moito, pintan os de comercial. Pensa que un director editorial saque un libro galego, en galego, en catalán, en euskara e en castelán, é un gran triunfo. Mais se ese libro é da súa autoría, que se pode pensar? Que debe ter moito donaire para facer iso. Pois ese donaire xa existía, ou cres que os directores das editoriais máis potentes non facían para que os seus libros fosen de lectura obrigatoria para os rapaces que logo farían a selectividade? E iso non implicaba a potenciación de determinados autores, que eran eles mesmos, e non ao mellor outros autores que deberan ser tamén editados e protexidos? Vivo en Brión e está cheo de nenos que falan en galego entre eles. Eu digo “que alegría” mais cando entran no instituto o galego esvaece e aparece o castelán. Cando sinalei isto hai tempo, chamáronme de todo menos “bonito”. No bacharelato lías os grandes da literatura universal, e de súpeto dábanche a ler un libro en galego dun autor ou autora de vinte e poucos anos que non ten vida e acaba de editar un libro por unha serie de razóns que xa me fartei de describir. Mais compara a vida dun rapaz que leu a fondura da literatura universal e despois na cadeira de lingua galega é unha trapalladiña de libro que non se sostén.
-Que diría a quen desexe entrar en política a día de hoxe?
Non lle diría nada, respecto a decisión de cada quen. É necesaria a participación das persoas en política, non estou a dicir “a política non funciona”, mais debemos pensar as opcións a escoller. Eu fago unha proba á xente: “dime o nome dos tres primeiros deputados da lista electoral que votaches nas autonómicas e nas xerais”. Se cho pregunto a ti seguramente non mo saberías responder, a que non?
Vou facer oitenta anos calquera día destes, non sei se coa mesma forza mais si coa ilusión de sempre, escribo en galego e en castelán pois tamén necesito comer
-Non, agora mesmo non recordo os nomes.
Iso significa que ti non elixes os deputados, son designados polo xefe do partido nunhas “listas pechadas”. Isto dígoo en xeral: que intereses defenderán eses deputados no Parlamento ou no Congreso dos Deputados? Defenderán os intereses do seu partido senón non seguen no escano. Isto que quere dicir? Pois estamos vivindo nunha partitocracia onde se debilitan as cousas, onde se debilita a vida pública e que como non empece a haber listas abertas, que sería falar de enmendas na Constitución, sendo como foi necesaria e propicia nos primeiros anos da democracia (o mesmo digo do Estatuto), todo iso tróuxonos até aquí, de onde non sairemos se non facemos esas reformas. As constitucións non son perfectas, as sociedades evolucionan e esa evolución fai que as leis perdan eficacia e deben revisarse para introducir enmendas, así adaptas as leis ás necesidades reais dun país. Nós non, nin o Estatuto de Autonomía nin a Constitución, salvo algunha reunión dalgúns persidentes de Goberno cos xefes da oposición que en vinte e catro horas cambiaron ou anularon algún artigo. Os cambios tamén hai que facelos coa Lei D'Hont, coa lei de financiamento dos partidos e coa contemplación das realidades culturais da Penínsual Ibérica, pois non é o mesmo que sexa a festa nacional as touradas que as regueifas, por exemplo.
-Vostede mencionou o galeguismo de seu pai, as ideas que lle transmitiu e logo participou en política, cando “entrou no soño”. Entendo que dentro dese soño non entrarían figuras como a de Gonzalo Pérez Jácome. Que análise fai dunha figura como a do actual alcalde de Ourense?
Como analizarías ti que no seu momento Hitler accedese ao goberno por votación popular? Como analizas que hoxe Milei sexa presidente de Arxentina? Non é comprensible que a xente cando se sente frustrada acabe buscando solucións máis doadas? “Peor non imos estar”, dirán. Que pensarán ese 46% de arxentinos que viven na miseria? “Votemos a este que polo menos pon forza no tema”. As persoas somos máis dadas a actuar en función dos sentimentos que dos pensamentos, da razón. É a única maneira que teño de entender a aparición de personaxes como Hitler, ou os bolcheviques que tiraran aos zares.
-A xente tamén pode acabar farta de persoas coma Milei ou Jácome.
Si, mais as persoas pode acabar cansas de grandes rexedores como tivo este país e non facerlles caso. Por que? Pois porque entre outras cousas están amarrados por unha realidade constitucional, por unha praxe política derivada da evolución da xente, da evolución social e de pensamento. De Hitler non se pode explicar o seu antisemitismo se un non recorda a Lutero e o seu pensamento ao respecto. A historia do pensamento explicaría moitas cousas deste tipo, mais eu non son historiador, son un escritor
Estamos vivindo nunha partitocracia onde se debilita a vida pública
-Tamén é mariño mercante, por exemplo.
Si, naveguei, moi pouco para o que me tería gustado. Tamén din aulas e traballei no campo ao mellor son un sobrevivente, o caso é que coido non terme aborrecido nunca.
-Ante as necesidades que apuntaba sobre cambios tanto no Estatuto e na Constitución. Cre factible unha grande coalición de esquerda para restarlle poder á dereita e ver a posibilidade de enmendas constitucionais e estatutarias?
Xa houbo unha coalición así. Aquí tivemos ao PSOE gobernando co BNG, mais na miña impresión, cada un gobernou pola súa banda. En Ourense había un edificio, o Concello na Praza Maior, e outro que era unha vicealcaldía pegada á catedral e cada un na súa casa. Entendo que serían desexables as coalicións, son necesarias pois a política é pacto e negociación senón, que é? Fóra do pacto e da negociación, cal é a actividade política restante? A min non se me ocorre outra que son unha serie de barbaridades concatenadas. Eu formei parte dun goberno tripartito e aseguro que non houbo discrepancias no tempo que durou, cada quen tiña a súa opinión, mais podo asegurar que tiñamos un fin común: levar adiante o arranxo dunha situación que necesitaba dese arranxo. Por iso digo que González Laxe foi o mellor presidente da Xunta, pois encontrou o país dunha maneira e o deixou doutra. Só se pode equiparar a González Laxe á primeira lexislatura de Manuel Fraga, que para o meu entender, foi tan boa como supérfluas ou innecesarias foron as seguintes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.