Joaco Santos, o 'youtuber' que percorre os barrios máis perigosos de Galicia: do Vao de Poio aos moinantes de Carballo

Ata catro vídeos gravou fai cousa de dous meses este 'youtuber' arxentino de raíces galegas nas zonas máis conflitivas da nosa terra: barrios de Poio, A Coruña, Ferrol e Carballo. Con máis de medio millón de reproducións, conta a realidade que se vive neles e fala con nós para explicarnos como chegou ata aquí.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/01/2024 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Joaco Santos é un 'youtuber' arxentino que foi quen de facer o que moitos medios galegos non foron capaces: introducirse nos barrios máis perigosos de Galicia, como é o caso do poboado chabolista de O Vao (en Poio), para descubrir a realidade que neles se vive e amosarlle á xente se hai motivos para temer o adentrarse neste lugares. Xornalista de formación, o seu proxecto en YouTube levouno dende a finalización da pandemia a viaxar por moitos lugares conflitivos do mundo e a adquirir un gran recoñecemento por parte da comunidade (xa conta con case 77.000 seguidores na súa canle oficial). Fai tan só dous meses adentrouse nos segredos do Vao, do barrios da Coruña e Ferrol e do núcleo dos Moinantes, en Carballo. Bisneto de galegos, pois o seu bisavó era de Fisterra, agora vive en Barcelona dende fai sete anos. Así nos conta as súas aventuras polos barrios da nosa terra a Galicia Confidencial.

Joaco Santos, youtuber
Joaco Santos, youtuber | Fonte: LinkedIn

O primeiro é saber como comezou a súa carreira en YouTube. "Como xornalista, tiña un programa de televisión na Arxentina, pero durante a pandemia da covid caeuse todo o proxecto", explica Joaco, que engade que "estiven como dous anos parado, combinando entre medias algúns emprendementos para poder sobrevivir en Europa, e foi a finais do 2022 cando me prometín a min mesmo retomar a actividade". "Xuntara uns aforros e en 2023 decidín adicarme á miña paixón: amosar contido e viaxar", conta. E é que neses momentos "o peso arxentino xa estaba moi devaluado e non podía sosterme co programa de televisión, así que apostei a YouTube". Joaco asegura que "parecíame algo superador e gustábame a cercanía que xeraba coa xente, á hora de facer contido, algo que non lograba a tele, que estaba moito máis alonxada, como se nas reportaxes o xornalista estivese por riba ou alonxado do que pasa no territorio".

Así, o seu único obxectivo, como confesa, era "ir aos barrios e vivir como se vive neles, tratando de xerar empatía a onde fose, e tratando de transmitir á audiencia o que fai a xente dos barrios". E é que o interese de Joaco por amosar as desigualdades xa vén de moi lonxe. "Eu son militante social dende os 16 anos, axudando en barrios, comedores sociais, bibliotecas populares...", conta, reflexando que "o meu país ten moita desigualdade e dende pequeno metinme nos barrios máis vulnerables para tratar de aportar o meu graniño de area para facer un mundo máis xusto". Na súa opinión, "esa facilidade de poder comunicarme ou ter empatía e entender que o que lles pasa aos máis desfavorecidos moitas veces é polo sistema sempre a tiven, e creo que é algo que quizáis non sempre se comparte". Deste xeito, despois de tantos anos militando nos barrios, Joaco consegue comunicarse con facilidade coa xente desas zonas e entender a súa realidade, así como transmitirlla aos seus espectadores.

"GALICIA, EN MATERIA SOCIAL, ESTÁ MÁIS ARRIBA QUE MOITOS BARRIOS DE SEVILLA"

Quizáis se non contase con esa experiencia non sería quen de lograr o que logra: entrar só en moitos dos lugares considerados como os máis perigosos de España. "Á maioría dos barrios de España fun só, excepto á Mina de Barcelona", apunta o 'youtuber', que cre que "o perigo en Europa é moi diferente ao perigo en Latinoamérica". "Eu aos barrios de Latinoamérica sempre trato de ir cun contacto local, pero nos de aquí o risco non é tan alto, aínda que sempre te arriscas máis que facendo outro tipo de contido", concede Joaco, que confesa que "son consciente diso e aínda así sigo elixindo facer isto, porque creo que é bo transmitilo, sinto que é a verdade, e así a mostro con transparencia e como eu son na miña vida normal". En Galicia recoñece que a pesares de que foi só, sobre os Moinantes de Carballo non atopou moita información, polo que "si que tiña algo de medo porque non sabía o que me ía atopar".

Precisamente as súas raíces galegas foron as que trouxeron a Joaco ata Galicia. "O meu bisavó era galego, de Cabo Fisterra, e sempre tiven a intriga de visitar Galicia", explica Joaco a Galicia Confidencial. Ademais, "cando cheguei a España algúns compañeiros que xa facían tamén contido de barrios perigosos, como Zazza el Italiano e BCN a Pie de Calle, dous xenios, nunca foran a Galicia, así que era unha boa oportunidade para coñecer as miñas raíces máis fondas e tamén aproveitar e amosar os barrios máis vulnerables de Galicia, que non tiveran aínda visibilidade". Con todo, puntualiza que por moi vulnerables que sexan, "a cousa é totalmente diferente e incomparable co que pasa en Latinoamérica", porque "Galicia, en materia social, está moito máis arriba mesmo que moitos barrios de Sevilla ou doutras comunidades que puiden coñecer". É dicir, o perigo é menor e as desigualdades dentro destes barrios tamén.

"O VAO É UN BARRIO CON MENOR PODER ADQUISITIVO QUE A MEDIA, PERO NINGUÉN PASA FAME NEL"

Sen lugar a dúbidas un dos vídeos que maior interese espertou foi o da visita de Joaco ao poboado do Vao, en Poio (leva case 150.000 reproducións). O que durante moitos anos foi considerado como o gran supermercado da droga de Galicia, hoxe por hoxe xa non semella selo, pero segue envolto nun misticismo que fai que moita xente non queira nin achegarse pola zona. "Hai medo porque non hai información ao respecto", explica Joaco, que asegura que só puido ver "algunha entrevista, pero de fai cinco ou sete anos, e que daba unha imaxe pésima, moi mala". Pese a todo, este 'youtuber' decidiu adentrarse no Vao só, "tendo as miñas precaucións e estratexias por se algo non ía como eu esperaba, pero realmente en ningún momento tiven unha mala experiencia". De feito, recorda que "por sorte estaba alí o patriarca, como lle din os xitanos, e el entendeu cal era o meu fin, que non era denigrar nin falar mal de ningún barrio, senón amosar o que realmente me ía atopando, sen ningunha mala intención, para que cada quen saque as súas propias conclusións".

A idea inicial sobre o Vao para Joaco era "que era un punto quente de venta de drogas", pero o propio patriarca aseguroulle que "xa non se vende". "Eu non sei se iso é certo ou non, eu doulle a voz a eles", asevera o 'youtuber'. O que máis lle sorprendeu desta visita ao Vao foi que "é un poboado totalmente xitano, algo que na Arxentina non pasa, é dicir, a xente que vive nel é galega, pero eles identifícanse como xitanos, e iso é algo que no meu país non ocorre". Unha vez pasado o tempo, e tras abandonar o poboado, Joaco asegura que a idea coa que se quedou é a de que "trátase dun barrio baixo, cun poder adquisitivo menor ao da media de Poio, pero en ningún momento ninguén vai pasar fame nel, e tampouco en ningún intre me sentín en perigo de morte como o que podes chegar a sentir nunha vila arxentina ou nunha fabela de Brasil". Con todo, concede que "si é un barrio no que pode chegar a haber problemas, por diferenzas entre familias e xente do propio barrio".

"OS MOINANTES, AO PRINCIPIO, PENSABAN QUE ERA POLICÍA, PORQUE ALÍ NON VAI NINGUÉN"

Por outra banda, no caso dos moinantes de Carballo (cuxo vídeo xa supera as 280.000 reproducións), o descoñecemento de Joaco aínda era máis grande se cabe, porque "só atopara unha noticia de facía 4 anos, moi pequena, e na que se dicía que os repartidores non chegaban a catro barrios das aforas de Carballo". Nada máis chegar á localidade coruñesa, o primeiro que fixo foi achegarse ao centro a tomar un café e preguntar aos veciños polo tema, pero "a única persoa que me quixo contar algo foi que eran perigosos e que non fose alí nin tolo". Despois, parou nunha gasolineira para entender onde estaba a zona dos moinantes porque "non sabía como chegar, pero ninguén tiña moita información do que ocorría". E preguntando a unhas señoras da zona, "elas deixáronlle caer que pensaban que ía buscar droga alí". Xa polo barrio, atopouse cun coche de luxo e preguntoulle ao dono se era moinante. "Moitos se riron e para outros soaba como algo despectivo, porque un moinante para vós os galegos é como un 'merchero'" (grupo de clase baixa adicado á quincallada e ao roubo), explica Joaco.

Deste xeito, o recibimento que tivo ao principio non foi de todo bo, porque "mesmo pensaron que eu era policía ou algo, porque quen entra alí cunha cámara e preguntando se algún é moinante? Ninguén", recorda Joaco, que tamén afirma que "logo déronse conta de cal era a miña intención". Con todo, ao ir atopándose con máis e máis xente, moitos en autos de luxo, "o meu medo comezou a aumentar, porque xa todos estaban atentos e en alerta de que había alguén externo á comunidade". Indícanlle cara onde ir buscar aos moinantes e, de súpeto, atópase "nun monte, no medio da nada, sen que ninguén soubese realmente que estaba alí, o que me parecía perigoso". Por sorte, un 'quad' chega cuns rapaces que o "adoptan" e o levan a ver ao resto dos integrantes do barrio, "amósanme a súa cultura, fálanme do seu día a día e encantoume, sempre foron moi amables comigo", manifesta o 'youtuber'.

"EN LATINOAMÉRICA XA FALAMOS DE ARMAS LONGAS E DE MATANZAS PORQUE SI"

Joaco concede que Galicia non é América Latina por moito tráfico de drogas que houbese ou poida seguir habendo nalgúns barrios. "Latinoamérica é, lamentablemente, en materia de violencia, número un", asegura. No seu caso, puido coñecer as vilas arxentinas e as fabelas do Brasil, que "é o contido que vai a comezar a saír agora no meu canal", e aí "xa estamos falando de armas longas, de armas de guerra, de granadas, de matanzas porque si ou por cuestións de narcotráfico ou pelexas por diferencias entre veciños". "O nivel de violencia é moi elevado aínda, e oxalá vaia baixando, porque si é a moeda corrente que se manexa nestes lugares", lamenta o 'youtuber', que reitera que a súa única intención ao entrar nestes barrios onde non entra case ninguén é "darlle voz aos que quizáis non a adoitan ter e, se podo, transmitirlles que o fago coa maior humildade, sempre tratando de amosar a súa realidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta