Así está Corrubedo, zona cero da marea de plásticos

Os pélets que chegaron a Corrubedo puideron facelo primeiro nos seus sacos que logo romperían contra as rochas e esparexerían o contido pola costa. Porén, houbo sacos que chegaron enteiros á praia cos datos mínimos sobre propietario e contido. A preocupación principal de todas as persoas que viron o acontecido no parque é que pasará agora coa fauna e co mar nos vindeiros anos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 11/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A primeira imaxe para moitas testemuñas foi a das “boliñas” sobre a area marcando liñas ou manchas alí onde as deixou o mar. Todos eses pellets ou “boliñas” viñan en sacos que “pesaban moito”, quizais por viren enchoupados en auga do mar o que aumentaría o peso. Alén diso, a marea de pellets é unha demostración de que os sacos non son resistentes abondo e, moi probablemente a inmensa maioría romperon cando chegaron á costa batendo contra as rochas deixando diseminar o seu contido pola auga. Porque se algo teñen os pellets é que flotan moi ben, tanto que poden crear unha película sobre a auga que non deixe pasar a luz e ademáis, poden volver ao mar arrastrados polas mareas. Á parte de todo isto, a cuestión é que en Corrubedo estase vendo cal é o estado do litoral como apuntan persoas que estiveron alí. Un estado de abandono que pode poñer en perigo a cadea alimentaria e, por tanto, a saúde das persoas.

Membros de  Protección Civil levando a man un saco até o vehículo Foto de Antonio Ferreirós
Membros de Protección Civil levando a man un saco até o vehículo Foto de Antonio Ferreirós

SACOS

Una das primeiras fotos que saíron mostraba un saco na praia de Balieiros perto do faro de Corrubedo. Un cidadán, Rodrigo F., paseaba polo areal co seu can. “Vin un elemento branco, non sabía que era mais saqueino da liña de auga e despois quitei unha foto”. A fotografía enviouna ao Servizo de Parques Naturais da Xunta porque non sabía a que reportar o achado. A fotografía mostra uns datos que son o nome da empresa propietaria, Bedeko Europe, a nomenclatura para o composto dos pellets e a súa utilidade: estabilizador.

Antonio Ferreirós, ornitólogo de Ourense, achegouse este pasado luns día 8 de xaneiro até Corrubedo e puido ver a liña de pellets a dous metros máis arriba da zona intermareal. O primeiro saco veuno logo de avanzar 300 metros cara o faro de Corrubedo. En total, deu con cinco sacos, tres enteiros e dous rotos.

“Axudáronme dous pescadores para subir os sacos” di Antonio, “logo chamei ao 112 e en vista de que non viñan, chamei á Policía Local que me pediron a ubicación do meu Whatsapp”. Estivo un tempo até que chegaron membros de Protección Civil que recolleron a man os sacos para trasladalos ao vehículo que traían, pois era imposible metelo naquel lugar de coídos e camiños estreitos.

Un dos primeiros sacos fotografados en Corrubedo
Un dos primeiros sacos fotografados en Corrubedo

ABANDONO

“Alí non había ninguén, non había voluntarios porque era luns mais eu tiña o día libre e tampouco había persoal da Xunta” sinala Antonio Ferreirós. Con todo, unha nota da Xunta con data do domingo sete de xaneiro apuntaba que persoal da administración autonómica estaba retirando pellets e sacos das praias de Corrubedo. Na nota especificábase que a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, “achegouse esta mañá ata o Centro de recepción de visitantes para supervisar o dispositivo e desprazarse desde alí ata a algún dos areais afectados”. Ademais, do Campo “indicou que se retiraron sacos e pellets das praias de Ladeira, A Lagoa e O Vilar e continuarase peiteando os areais do parque na busca de posibles novos restos”. Porén, grupos de voluntarios e voluntarias que non quixeron dar os seus nomes, acusaban á Xunta de facer “un paripé para saír na foto”. “Era unha tristeza ver aquilo, non había ninguén” di Antonio Ferreirós sobre o día que se achegou a Corrubedo.

Ferreirós apuntou na conversa con Galicia Confidencial que mentres estaba na praia encontrou dous mascatos e unha gaivota de pata amarela mortos, ademais dunha foca gris en avanzado estado de descomposición, aínda que non está certo da relación entre a morte destes animais e os pellets. “Haberá que esperar os estudos que se realicen na fauna mariña por parte do CEMMA”.

En tal caso, para este ornitólogo “chove sobre mollado” con este desastre ambiental. “O estado do litoral é de abandono e de maltrato” sinala. “Aquí vén xente sacrificando o seu tempo” cando as administracións deberan estar actuando. “O grande erro foi minimizar o impacto” sinala e engade que “mentres retiraba pellets aínda se podían ver restos do petróleo vertido polo 'Prestige'”.

A zona cero dos pellets é o parque de Corrubeo, en principio unha xoia natural que debera coidarse xunto con todo o litoral galego. Os e as voluntarias expresan a súa indignación ante unha administración autonómica que deu alerta dous obrigada polas circunstancias e a presión social. Por outra banda, a precampaña electoral marcaría as actitudes e as accións do goberno da Xunta, sospeitan voluntarios consultados. Mentres, veciños da área como R.G., están preocupados por como sairán desta os homes e as mulleres que viven do mar, como prexudicará esta vertedura de plásticos. 

Sacos entre rochas en Corrubedo Foto de Antonio Ferreirós
Sacos entre rochas en Corrubedo Foto de Antonio Ferreirós
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta