Voluntarios de todas as partes de España chegan a Galicia para axudar: "Vin de inmediato a gravidade do problema"

Poñendo en pausa as súas vidas, co posto e sen pensalo moito, voluntarios de diferentes lugares de España chegan para sumarse á limpeza dos pellets nas nosas costas. Ducias de galegos xa lles ofrecen as súas casas para aloxarse. Dende Galicia Confidencial puidemos falar con tres voluntarios chegados doutras comunidades.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai quen di que estamos xa ante un Prestige 2.0, e non é para menos, pois aínda que a contaminación do chapapote era moito máis visible a primeira vista, a que producirán os pellets pódese intuír perfectamente por parte de calquera que se achegue estes días a unha das moitas praias afectadas e vexa estas pequenas boliñas de plástico esparexidas pola area, tan diminutas que custa diferencialas das pedriñas e disimúlanse entre as algas. Limpar tal cantidade como hai semella misión imposible e todas as mans se quedan curtas para peinar os areais. Por iso, e como sucedeu tamén durante a catástrofe do Prestige, non só os galegos se comprometen co asunto: xente de todas as partes de España estase a organizar xa para vir ata Galicia a botar unha man. Dende Galicia Confidencial puidemos falar con tres destes voluntarios chegados de fóra da nosa terra: Ana, de León; Carlos Martínez, de Madrid; e Jesús Lucero, de Valencia. Isto foi o que nos contaron.

Voluntarios fan unha recollida de pellets da area
Voluntarios fan unha recollida de pellets da area | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

ANA (LEÓN): "AO VER O QUE OCORRÍA, AGOBIEIME UN POUCO, AFECTOUME"

Ana vive en León e viaxará a Galicia o venres. Enterouse a través de Instagram do que estaba a acontecer en Galicia, vendo vídeos sobre o asunto, nun tempo no que, como ela mesma recoñece, aínda non había novas sobre o tema nos medios de comunicación, "iso foi o que máis me sorprendeu e o máis triste de todo". A diferenza da Xunta, Ana asegura que "eu vín o impacto que esto podía ter, vín a gravidade do problema de inmediato". De feito, considera que "calquera persoa que entenda un mínimo sobre como funcionan os ecosistemas mariños sabe que verteduras coma esa son perigosas". Concede que "é certo que moitas veces se dan pequenas verteduras, e estou segura de que eses pellets xa os había anteriormente nas praias, pero de forma moito máis pequena, sendo menos habituais". Así as cousas, Ana está convencida de que "unha vertedura así de grande, de toneladas, de 1.000 sacos con eses pellets, é obvio que supón un desastre ambiental o suficientemente grave como para que preocupe".

Esta rapaza de León ten unha gran relación coa comunidade galega, motivo polo que ao ver semellante desastre "agobieime un pouco, afectoume", especialmente "o ver que eu levaba días e días vendo imaxes e nos medios de comunicación e por parte dos políticos seguían sen falar do tema". En concreto, Ana leva vindo a Galicia todos os anos dende o 2009, "cando coñecín as Illas Cíes de casualidade e, dende entón vou unha ou dúas veces ao ano, sempre tres, catro ou cinco días como moito". "Teño algún tipo de adicción con Galicia, gústame moito e miña tía e eu propoñémonos ir todos os anos a facer un trociño da costa galega, comezamos dende abaixo e vamos indo cara arriba, e este ano xa fixemos a zona de Ortigueira, Doniños e algunha máis", explica Ana, que asegura que de Galicia lle gusta todo: "As súas praias, a súa area, a súa xente, a comida... É todo marabilloso, síntome moi a gusto aí e saber que está en perigo o seu ecosistema lévame a facer algo, independemente da rabia que me dá ver que os políticos non fan nada e as administracións adícanse a soterrar o problema".

En cuestión de aloxamento aínda non sabe moi ben como vai facer. Mirou a páxina de BeWelcome (estase a difundir a través dos grupos de WhatsApp e Telegram de voluntarios), pero non atopou demasiado. Con todo, "as dúas ou tres persoas ás que escribín contestáronme que podían acollerme". Agora estase debatindo entre se achegarse á zona da Coruña ou á de Ribeira, pois en ambas tería aloxamento. "Constantemente estou buscando en grupos de WhatsApp e Twitter como están as cousas para decidir a onde ir o venres, e se vou con algún grupo organizado ou se sinxelamente entro na praia e me poño a varrer cos mecanismos e consellos que dan nas redes", apunta. Ana vai viaxar co seu coche particular dende León e está pendente de se hai máis xente da zona que queira sumarse á viaxe para repartir os gastos e contaminar menos.

Voluntarios fan unha recollida de pellets da area
Voluntarios fan unha recollida de pellets da area | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

CARLOS (MADRID): "VINME CON BILLETE DE IDA E QUEDAREIME O TEMPO QUE FAGA FALTA"

Carlos Martínez é un pai de familia que tamén decidiu viaxar a Galicia para botar unha man. Onte mesmo colleuse un tren e chegou pola noite para comezar hoxe as tarefas de limpeza. "Cando vín nas noticias o que estaba a acontecer, antes de onte, pareceume bastante preocupante", asegura. Foi esa preocupación a que o levou a "informarme máis, vendo que había un grupo de WhatsApp e de Telegram, aos que me unín". Despois de ler moito sobre o asunto, "dixen: tírome á aventura!". E aínda que había un grupo específico para a coordinación da xente que quería vir a Galicia dende Madrid, "parecíame un pouco difícil coordinar os coches", polo que "decidín mercar un billete a última hora para este martes", conta a punto de subirse ao tren que o levará a Santiago. Unha vez aquí, asegura que "non teño nin idea de como vou facer, non coñezo a zona e como vou ir sen coche mirarei de como facer para achegarme ás praias". Quedarase nun Airbnb que alquilou con data de entrada e sen saber a de saída, "o que atopei un pouco máis económico en Santiago".

Veu co portátil na súa equipaxe para consultar todas as noticias e os mapas e saber as zonas nas que se precisa máis axuda. Carlos puxo en pausa a súa vida para axudar nesta catástrofe: "Son autónomo e tiven que solucionar un par de cousas pendentes con clientes, porque vinme con billete de ida, pero sen expectativas de cando volver, e quedareime o tempo que faga falta". De xoven xa participara na loita ecoloxista, "en accións máis preto da miña zona, pois no instituto tiñamos un grupo ecoloxista e estiven implicado en varias limpezas de ríos no centro de España". Logo desconectou do asunto porque tivo fillos, pero "sempre estiven moi sensibilizado". Na catástrofe do Prestige non puido participar porque nacera a súa primeira filla, "pero teríame gustado". Agora non puido deixar pasar o asunto e veuse sen pensalo moito, sabendo que todas as mans son poucas nesta loita.

JESÚS (VALENCIA): "ENTRISTECEUME VER COMO SON AS PERSOAS, A TÍTULO INDIVIDUAL, AS QUE ESTÁN SOLUCIONANDO O PROBLEMA"

Jesús Lucero é un valenciano que estuda un máster de xestión de incendios en Pontevedra. Aínda que as clases comezan en febreiro, visto o visto, non quixo agardar máis para virse a Galicia. "Gustaríame colaborar na limpeza dos pellets, xa que é un grave desastre ao que ningún goberno nin autoridade está facendo fronte", considera. Persoalmente sempre estivo moi implicado na loita ecoloxista, mesmo "no 2015 fun a Galicia a un campo de voluntariado a limpar praias na Illa de Cortegada". Ademais, recoñece sentir "un cariño especial por Galicia, pola súa costa e pola súa xente", algo que xurdiu a raíz de "poder desfrutar e coidar da Illa de Cortegada, en Carril, un lugar máxico".

O máster que está a estudar é semipresencial, polo que aínda non ten aloxamento fixo. "Teño que buscar algo para o tempo das clases, pero polo momento vexo que hai todo un dispositivo de xente voluntaria que está a ofrecer as súas casas para acoller xente". De seguro atopará algo nalgunha das vivendas destas persoas para sumarse ás tarefas de limpeza. Jesús enterouse do acontecido na nosa terra "a través das redes sociais", e "entristeceume moito ver como son as persoas as que, a título individual, están solucionando este problema". Pois el traballou na teledetección de verteduras de petróleo e recoñece que, aínda que esta vertedura "non é do mesmo carácter", "é igualmente grave".

VOLUNTARIOS AFUNDACIÓN

Preto de 60 persoas, principalmente estudantes do centro de Formación Profesional Colexio Fogar Afundación, convocadas pola Obra Social de Abanca e o seu programa de voluntariado Actúa, participaron este xoves nunha intensa xornada de limpeza na praia de Lariño, nos concellos de Muros e Carnota.

A actividade, que contou coa colaboración do Concello de Muros, desenvolveuse entre as 10,00 e as 13,00 horas, ao longo de toda a praia, fundamentalmente na liña de marea marcada polos arribazóns, onde pequenos grupos de persoas voluntarias retiraron minuciosamente as pequenas bólas plásticas, empregando diversos utensilios como cedazos e coladores para poder cribar adecuadamente estes residuos de pequeno tamaño das areas da praia.

LIMPEZA EN CARBALLO E MUROS


Entidades ecoloxistas participarán este fin de semana nunha limpeza de todo o litoral coordinada co Concello de Carballo, segundo informa. Ademais, o persoal do servizo municipal de limpeza de praias incorporouse tamén aos labores de retirada do granulado plástico.

O Concello de Carballo facilitará un colector de obra para depositar os residuos e os medios materiais necesarios para a súa recollida, incluídos aqueles de os que dispón o servizo municipal de limpeza de praias.

Tamén hoxe estivo a traballar no areal o persoal da empresa encargada do servizo, "reforzando o labor que se vienerealizando desde que empezaron a chegar á nosa costa os residuos plásticos procedentes do buque Toconao", indica. Por outra banda, precisa que os interesados en participar deberán contactar coas organizacións ecoloxistas: Limpocean, Senda Nova, Hábitat e Adega. Por outra banda, o Concello de Muros informou que xa dispón de 50 traballadores locais contratados pola aseguradora da empresa armadora para a limpeza.

Voluntarios fan unha recollida de pellets da area, Galicia
Voluntarios fan unha recollida de pellets da area, Galicia | Fonte: Elena Fernández - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Agora a Xunta pide o ceo: un avión, dous helicópteros, 11 barcos e un veículo submariño. E iso que non era nada, cousa de ecoloxistas... O dia 18F hai que botalos.